Con bágoas e milagres
Riffs, ritmos e melodías de Battosai

Desde Bertameiráns, o trío Battosai. / Arquivo
V. Neira
Lágrimas y milagros constitúe a nova, e segunda, entrega en disco longo dos Battosai. O grupo de Bertamiráns, aló polo concello de Ames, incide aquí, e despois do seu debut homónimo, na presentación dunha nova colección de cancións curtidas a golpe de ensaio e músculos traballados a cachón nunha infinita xira que os puxo a percorrer os escenarios underground de todo o estado, mostrándose como unha das apostas máis interesantes, á contra e persoais, da nosa escena nos últimos anos. Co formato trío como sinal de identidade e todo ben amarrado nesa devoción absoluta a Santa Trinidade rockeira do baixo, batería e guitarra, Battosai é deses grupos nos que dar rodeos non entra en ningún plan. Un bo riff, un ritmo ben sólido e unha boa melodía vocal é suficiente para o rock and roll, como diría o mestre Angus Young. Todo nun xogo de mesturas entre o stoner, o grunge noventeiro, moita metralla pop e sobre todo un magnífico e chamativo xogo de intencións e dinámicas que fan do traballo un disco tremendamente atractivo.
A subida de chanzos do anterior disco a este faise evidente en moitos aspectos e particularmente na solidez vocal dun Héctor Ojea (vocalista, guitarrista e compositor principal da formación) que nos convence a cada estrofa cunha lírica que somete todo ese universo de pel adentro e tan íntimo que bebe do existencialismo máis particular pero tamén, por humanidade, tan universal. Lágrimas e milagros fala á fin de todo iso que nos pasou ou nos pode pasar, fala da vida, dos seus momentos, de facerse preguntas e buscar respostas, das baixonas, das caídas, da rabia, das cousas que doen pero tamén da loita persoal, do activismo inquebrantable na trincheira vital, de saber erguerse da lona, do pracer de sentirse vivos, de aprender a encaixar pero tamén de saber preparar un bo uppercut co que salvar a pelexa aínda que sexa cara o final do decimosegundo round.
Velaí, daquela, unha ducia de cancións que van debullando unha especie de carreiro emocional espido e cargado de electricidade e distorsión que todo o debuxa dunha nebulosa atmosférica enérxica e francamente crúa e intensa. Completan o grupo Mauro Gómez (batería) e Carlos Freire (baixo), conferíndolle á formación un empaque propio de tres músicos que despois do seu paso por varias propostas anteriores, e cunha formación musical moi solvente, son quen de facer soar o trío como unha máquina perfecta coa que defender unha ducia de cancións redondas e gravadas baixo a tutela e produción do recoñecido Santi García nos seus estudios Ultramarinos aló pola costa Costa Brava. Cancións como «Sálvame», «Estrellas», «Nunca es suficiente» ou as fantásticas «Arde» e «Polvo y arena» estamos seguros de que serán, se aínda nos as coñeces, unha descoberta para estes días finais do 2024.
Battosai son outro grande exemplo, pois, do talento infinito dunha escena galega que non deixa de cargarnos de argumentos a quen aseguramos que vivimos o mellor momento musical da nosa historia contemporánea nunha sorte de selva diversa e vizosa no que atopamos de todo en todos os estilos, estéticas e discursos.
O álbum, con edición exclusiva en vinilo, xa se pode adquirir en todos os eventos da banda ou asemade na web da discográfica Spinda Records e tamén podes escoitalo, desde logo, en todas as plataformas en intenet. Mais agora o que de veras toca, é velos en directo nesa xira de presentación que os levará por moitos currunchos de todo o estado e nos cales estamos certos de que os de Bertamiráns abofé que continuarán a demostraren compridamente que o rock está ben vivo e que moitos dos mellores directos que podes ver enriba dun escenario case sempre habitan nesa outra realidade que nunca verás nin nos grandes medios de comunicación nin nos megafestivais de moda.
Stop Making Sense
No ano 1984 estreábase unha das mellores películas musicais da historia. Cando aínda eran tempos de cine, ou de videoclub, o xigante Jonathan Demme preséntábanos un concerto dende as mesmísimas tripas cuns Talking Heads en estado de graza e percorrendo algúns dos camiños musicais máis interesanets da historia do rock. Stop Making Sense comenzaba cun David Byrne enfundado en traxe grande, guitarra acústica en man e un radio cassette cunha cinta gravada coa base rítmica do clásico «Psycho Killer». Un escenario baleiro, unha bombilla solitaria e talento a esgalla duns e doutros para armaren todo o que chega despois cun concerto extraordinario onde Chris Frantz, Tina Weymouth e o resto dunha tripulación musical excelsa acaba por deixarnos ver como medra, como se monta e como empeza e remata un concerto e un espéctaculo musical de primeira sen cortes, sen cancelas e sen tregua. Despois, todas esas cancións tan magníficas e tan inmortais que fan deste documental, do disco e dos Talking Heads unhas das bandas de rock, e moito máis, máis fundamentais e referenciais da historia. En tempos de consumo efémero de pezas audiovisuais de 20 segundos que tan bo sería para o noso benestar mental pararnos a ver esta marabilla, de hora e media, de principio a fin. Como diría o bendito Byrne «Once in a Lifetime»
Suscríbete para seguir leyendo
- Un iceberg 11 veces más grande que Vigo atraviesa un caladero gallego y amenaza con impactar contra las Georgias del Sur
- Muere el icónico presentador Xosé Manuel Piñeiro
- De ganar el bote de Pasapalabra a ocupar un alto cargo en el Ministerio de Interior
- Conmoción en la Policía Local de Vigo: «Se nos ha ido la sonrisa eterna»
- Detectados seis casos de cáncer de cérvix en el área sanitaria tras testar a más de 22.000 mujeres
- La despedida de Ion Aramendi en 'Reacción en cadena': «Gracias por todo»
- Detenido el capitán de un pesquero gallego por esclavitud a bordo
- El temporal deja ya vientos de casi de 180 km/h, vuelos desviados y más de 600 incidencias en Galicia