Entrevista | Antonio García Teijeiro Escritor

«Gústame o xornalismo que vai más alá da actualidade»

En Sentado diante da fiestra (Editorial Elvira), o Premio Nacional de Literatura Infantil e Xuvenil (2017) inclúe medio cento dos seus artigos publicados dende hai cinco anos no suplemento Estela de FARO DE VIGO

O libro presentarase o vindeiro luns, 16 de decembro, no MARCO de Vigo, en acto organizado polo Club FARO

Teijeiro, na súa casa en Vigo.

Teijeiro, na súa casa en Vigo. / Elías Regueira

–Como definiría Vde. Sentado diante da fiestra: un libro de artigos xornalísticos escritos en ton poético ou como un xeito de escribir poesía en clave xornalística?

–Trátase dun monllo de artigos que amosan un xeito de ser e de vivir, un libro cheo de reflexións verbo do meu compromiso coa sociedade, coa cultura e conmigo mesmo, e coas que intento provocar un certo debate cultural que parte dunha base: abonda xa de pensamento único! Das dúas “posibilidades” que ofreces, eu creo que non elixiría ningunha delas. Evidentemente Sentado diante da fiestra contén moita poesía dentro, porque é moi difícil para min escribir narrativa sen incluír un certo ton poético.

–Cal é a súa fórmula para compatibilizar a “aspereza” dalgunhas noticias xornalísticas (as guerras, as inxustizas, as traxedias…) co lirismo e mais a sensibilidade que require a poesía?

–Certamente, eu son moi sensíbel a todo o que pasa arredor. De feito, a situación que estamos a vivir faime dano, nomeadamente este ascenso da ultradereita. De maneira que cando escribo, percibo que os meus textos son coma fragmentos de soños, de ilusións, de realidades…que están moi apegados á miña pel; son palabras escritas para conversar e, como xa dixen, para debater en silencio con quen o le. Eu son dos que pensan que hai que vivir a fondo todo o que pasa e, a partir de aí, denunciar as cousas que non che gustan e, ao mesmo tempo, evocar situacións e experiencias marabillosas que eu levo vivido ao longo do tempo, dándolles, iso si, un toque literario. Neste senso, os meus artigos son bastante diferentes á meirande parte dos que se escriben na actualidade

–Haberá lectores/as que crean que, antes de escribir estes textos, Vde. se asoma a unha fiestra da súa casa para inspirarse. Ou é unha metáfora? Que fai antes de poñerse diante do ordenador para escribir os os artigos?

–Non, non é unha metáfora, é absolutamente literal. En Sentado diante da fiestra (ou “Dende a miña fiestra”) o que fago é observar e, partir da observación, reflexionar sobre o que vexo. E logo chego a algunhas conclusións nas que moitas veces non me detivera a pensar. E iso faime crecer por dentro, porque que eu creo que todos temos que seguir medrando por dentro, malia que desgrazadamente me dá a impresión de que moita xente medra por fóra pero non por dentro.

–Que criterio utiliza para elixir os temas ou as persoas e personaxes sobre os que vai a escribir?

–A meirande parte das veces parto de lecturas porque, como dicía Borges, “somos o que lemos”. Coas lecturas e a observación da realidade, cada quen pode dar a súa opinión e converter algo que pode ser moi persoal en universal, e iso faite decatar que hai moitos xeitos de ver e entender a vida.

–Ademais de poesía, hai un elemento nestes artigos que aparece moitas veces: a música.

–A verdade é que eu son quen son grazas á poesía e á música. En todos os momentos difíciles da miña vida, dende adolescente, a música servíume para sobrepoñerme a moitas situacións; e coa poesía posta en música, como fai Paco Ibáñez, comecei a entender o que leva dentro esa mesma líricaa que comunicaba, que denunciaba, que a través da beleza expresa os pensamentos e as opinións. O descubrimento dos Beatles representou moito para min, mudáronme a vida, e xa non digamos o de Bob Dylan. Pero tamén estaba a música clásica porque, cando e estaba triste, por exemplo escoitaba ( e escoito) a Beethoven. E todo isto lévame a divulgar a figuras da música para compartilas cos demais.

–De feito, a algúns dos seus poemas púxolles música Paco Ibáñez e, polo tanto, converteunos en cancións. Que sensación ten cada vez que escoita unha canción con letra dun poema seu?

-Unha emoción enorme, síntome nunha nube. Agora somos grandes amigos dende hai tempo pero, cando Paco lle puxo por primeira vez música a un dos meus poemas, eu só o coñecía por escoitar os seus discos ou asistir a algún dos seus concertos. Eu a Paco sempre lle dou as grazas malia que el me responda: “Non, Antonio, non me deas as grazas, porque a música xa está nos poemas que escribes”.

–Cales son os articulistas nos que atopou referencias dende o momento en que FARO lle propuxo escribir estes artigos?

–Hai moita xente que escribe ben, de feito levo lendo artigos toda a miña vida, nomeadamente os do FARO. E, claro, hai moitos que me marcaron, dende os de Eduardo Haro Tecglen ata os de Manuel Vicent, Juan José Millás…e, en galego, Fernández Del Riego, Cunqueiro… Ao cabo, autores que non se limitan só a contar algo senón que, mediante un texto, fan que percibas que hai literatura e, ao tempo, xornalismo. A min gústame moito o xornalismo que vai máis alá da actualidade, ese xornalismo reflexivo, que te fai pensar...ao cabo, esas xoias literarias que enriquecen as vidas de quen as le.

–E un libro deste xénero, a cabalo entre a literatura e mais o xornalismo, que tamén o marcara?

A arboreda perdida de Rafael Alberti. Cando o lin por primeira vez, sentín que había algo aí que me gustaba…e que quería poder facer eu algún día.

–E, xa por último, despois de practicamente cinco anos consecutivos de articulista, que balance persoal fai desta nova faceta (xornalística) da súa obra?

–Máis que balance, eu diría que interioricei isto de facer literatura nun xornal. Ás veces, aos xornais, fáltalles un certo uso cultural; dáselle noita importancia ao inmediato, pero o que eu quero é escribir dende a serenidade verbo de facetas do ser humano que non saen nos artigos que se fan para o día a día, e que entendo que tamén son absolutamente necesarios. Por outra banda, aínda que eu xa escribira artigos noutra época, escribir cada mes un artigo para ESTELA é unha felicidade. Un balance? Pois que estou moi satisfeito en todos os sentidos.

Suscríbete para seguir leyendo

Tracking Pixel Contents