Pinturas do exótico cercano
Nos 150 anos da morte de Fortuny
No panorama artístico europeo do século XIX, a hexemonía francesa foi incuestionable. Desde o primeiro academicismo de David ou do seu discípulo Gros, pasando polo neoclasicismo de Ingres, os románticos (Delacroix) e os realistas ata a explosión dos impresionistas (Manet, Monet, Cézanne, Degas, Renoir) e mais os seus epígonos (Gauguin, Toulouse-Lautrec). Sen esquecer neerlandeses como Van Gogh ou os ingleses (desde Turner a Rossetti). España, en troques, e por diversas circunstancias, despois de Goya apenas tivo papel no panorama plástico internacional da época.
Unha excepción foi o catalán Marià (ou Mariano) Fortuny (Reus, 1838 – Roma, 1874), de cuxa morte agora conmemoramos século e medio. Orfo desde neno, ben novo traballou cun ourive miniaturista que lle aprendeu a minuciosidade. Trasladouse co seu avó a Barcelona en 1852 para estudar na Llotja, onde tivo mestres pertencentes ao «purismo nazareno», corrente nacida en Alemaña e que procuraba a restitución estética anterior ao Renacemento.
En 1858 viaxou a Roma por conta da Deputación de Barcelona, á que tiña que enviar os cadros que pintaba. Estudou con Lorenzale, pintor de estilo romántico medievalista. Cando en 1859 comezou a guerra de África polos ataques rifeños ás posesións españolas, a institución barcelonesa enviou a Fortuny a Marrocos como cronista gráfico, integrado no rexemento do xeneral Joan Prim, tamén reusense. Acompañou a Pedro Antonio de Alarcón, que ía como cronista literario. Daquela descubriu unha luz distinta, cativadora, que dominaba unhas terras abertas. O contacto coas xentes de Marrocos abriulle o camiño ao orientalismo (que en Cataluña xa se coñecía polos relatos do aventureiro e espía Domingo Badia, «Alí Bei»). Froito desta estadía foron o espléndido cadro «A batalla de Tetuán» (1864, MNAC, Barcelona) e «A batalla de Wad Ras» (Museo del Prado). Unha influencia que aumentou nunha segunda estadía —tamén patrocinada pola deputación barcelonesa— da que saíron cadros como «A odalisca», «Paisaxe norteafricana» ou «Na porta do serrallo». Entre tanto, en Madrid casou cunha filla do pintor Federico de Madrazo e aceptou o encargo feito polo duque de Riansares —marido da monarca rexente despois que esta enviuvase— do cadro «A raíña María Cristina pasando revista ás tropas» (Museo del Prado), lembranza dun episodio da guerra carlista.
Co seu cuñado Raimundo de Madrazo, irmán da súa muller, Fortuny descubriu a tauromaquia e o mundo cromático das prazas de touros. Deixou o preciosismo pictórico en obras como «Corrida de touros. Picador ferido» (Thyssen, Málaga) a prol dunha pincelada solta, que reflectía o movemento instantáneo e a forza e mais o dramatismo do combate entre home e animal. Pero tamén estudou a luz dos espazos interiores con minuciosidade en «A vigairía» (1870, MNAC), sen dúbida a súa mellor obra.
Establecido en París, expuxo na sala de Adolphe Goutil, con quen asinou un contrato de representación. O escritor Téophile Gautier visitou a galería e louvou as obras de Fortuny, o que supuxo que o pintor catalán pasase a ser coñecido internacionalmente, con gran proveito do seu marchante, con obras como «O coleccionista de estampas» e «Fantasía sobre Fausto» (1866). Trasladouse a Roma, tras unha viaxe por Italia, onde caeu nunha depresión porque os cadros que lle demandaban impedían ser quen de evolucionar. Velaí esoutros «Nu na praia de Portici» e «Os fillos do pintor no salón xaponés», que retomaban a pincelada solta dos cadros de tauromaquia. Morreu dunha hemorraxia e, sen poder liquidar o seu contrato con Goutil, este vendeu en poxa as obras que lle quedaban a prezos altísimos.
Fortuny representa, alén da súa calidade como pintor —sen dúbida e entre os españois, o mellor entre Goya e Picasso e as vangardas catalás—, a importancia que tivo a cidade de Reus, berce do xeneral Prim e do arquitecto Antoni Gaudí. Unha cidade con gran pulo industrial que quedou á sombra da capitalidade, tranquila e morna, provincial e eclesiástica de Tarragona. Un pintor de éxito que soubo dar, xa na súa mocidade, un relato estético ás glorias patrias —nun país tan falto delas— aínda que fose no inicio por conta das institucións.
Suscríbete para seguir leyendo
- Agrio final judicial para la camarera de Vigo que se encontró el bar cerrado tras 10 días de baja
- Primeras palabras de 'El Cordobés' sobre la separación de Virginia Troconis: 'Ahora estoy con...
- Muere el icónico presentador Xosé Manuel Piñeiro
- Salvaje persecución por Vigo y O Porriño: 50 kilómetros a la fuga y cuatro coches policiales dañados
- De ganar el bote de Pasapalabra a ocupar un alto cargo en el Ministerio de Interior
- Hallan el cadáver del joven desaparecido en Silleda
- Una histórica cafetería de Vigo echa el cierre con las uvas después 44 años cotizados: 'Nos vemos en los bares
- Trece implicados y 270 toneladas intervenidas en Vigo y otras localidades de Pontevedra por comercializar de forma ilegal productos del mar congelados