Vidas viquingas

A través da cultura escandinava medieval

Colgante antropomórfico.

Colgante antropomórfico. / Arquivo

No decurso do período viquingo (de cerca de 800 a 1050), os pobos do Norte desenvolveron un interese de consecuencias dramáticas por todas aquelas partes da Europa a que era posíbel chegar navegando. Sitúase o inicio desta época no ano 793, coa pillaxe levada a cabo polos viquingos do célebre mosteiro de Lindisfarme, situado nunha pequena illa da costa oriental do Norte de Inglaterra. No que respecta ao seu fin, considérase que sería en 1066 data en que o rei noruegués Harald tentou sen éxito a conquista de Inglaterra; proeza conseguida nese mesmo ano por un descendente dos viquingos, Guillerme o Conquistador, duque de Normandía.

Ao mundo deste singular pobo dedica o Museo Centro Gaiás, na Cidade da Cultura, a exposición Unha vida viquinga, e nela podemos seguir pormenorizadamente a relevancia histórica desta cultura escandinava medieval. Destacan na mostra aspectos como as viaxes, o comercio, a mitoloxía, a estrutura social e política ou a participación das mulleres nas campañas de exploración, mais tamén, á presenza da cultura viquinga fóra de Escandinavia ou a súa relación con Galicia. De feito, a montaxe expositiva -didactica, documentada e atractiva- centrada nos ciclos vitais: desde a infancia até a morte, reserva un apartado especial á pegada que este pobo deixou no noso país ao longo dos tres séculos, período en que se detecta o seu contacto co noso reino medieval, nomeadamente en zonas como a Mariña, a ría de Arousa ou a bacía do Ulla.

A actividade artística ten tamén unha presenza importante na exposición e permite percibir como a arte viquinga é a manifestación dun pobo en contacto constante con estímulos externos, produto das relacións violentas e/ou comerciais con diversos contextos culturais: o Occidente medieval continental e insular, o Oriente eslavo e o Imperio Bizantino. Sempre no referido á arte, o período da chamada «era viquinga» (c. 800-1050), destaca polo sentido ornamental das pezas, que ten raíces nos séculos anteriores, con motivos como animais estilizados, aves, serpentes, entrelazados de fitas, decoracións con nós e motivos vexetais. Ao mesmo tempo tiñan tamén unha arte figurativa, entre as que cómpre salientar entre o que chegou a nós as estelas historiadas, como as provenientes da illa de Gotland, quizais inspiradas en mosaicos e lousas funerarias romanas ás que os viquingos dotan dunha vida nova ligada ao mundo material e espiritual nórdico. Trátase de obras conmemorativas, igual que o son as pedras rúnicas decoradas, pedras en que se documenta a súa singular escrita.

En xeral, a linguaxe da arte ornamental coñeceu unha forte evolución durante o período viquingo, e, no seu estudo, adoita subdividirse en estilos. Estes reciben na súa maioría o nome do lugar onde foi encontrado un exemplar particularmente representativo de cada estilo.

  • Título: Unha vida viquinga.
  • Comisaria: Irene García Losquiño.
  • Local: Museo Centro Gaiás, Cidade da Cultura, Santiago de Compostela.
  • Até o 5 de xaneiro de 2025

Arte e devir cotián

En xeral, a arte viquinga está fortemente ligada ás formas e era aplicada sobre todo aos obxectos de uso de todos os xéneros: barcos, edificios, zorras, fíbulas, alfinetes para roupas, móbeis, arreos e toda unha variedade de obxectos domésticos. De feito moitos obxectos só chegaron a nós por lle ser atribuída unha función secundaria como mobiliario fúnebre en sepulturas de mulleres e homes relevantes nas súas comunidades.

Tamén sabemos que os téxtiles e a escultura en madeira -loxicamente pouco conservados- foron de importancia notábel desde o punto de vista estético. Con todo, e para unha mellor comprensión dos obxectos artísticos, cómpre situarmos estas obras vinculadas ao seu carácter utilitario, que en realidade responde a funcións universais ligadas ao culto, aos ritos funerarios e ao prestixio das comunidades que os produciron. Estamos perante unha arte esencial e de valor práctico, que vai á cerna das necesidades persoais e colectivas e que fai uso da linguaxe plástica como alicerce para realizar o acto de comunicación. Sen dúbida é unha arte que reflicte o código de valores da sociedade da cal xorde e á que serve.

Suscríbete para seguir leyendo

Tracking Pixel Contents