Revival das teleseries

Os anos 90, América e nós

O elenco de «Friends».

O elenco de «Friends». / Arquivo

Lois Alcayde Dans

A melancolía é unha porta sempre entornada. A luz que entra por ela é fermosa porque forma parte de algo que non está, e xa por iso é desexado. No audiovisual dise que os contidos que xa coñecemos, as series que xa visionamos, as películas das cales xa desfrutamos e vemos de xeito reiterado son todos camiños nos cales volvemos entrar para gozar da paisaxe do tempo que foi e que está a ser, cos Estados Unidos de actualidade despois das últimas eleccións no país.

Os anos 90 foron para os EE.UU a apertura de fronteiras; a pax americana de Reagan e Bush pai exportaba o liberalismo arredor do globo, sempre coa diplomacia amable da súa cultura popular. Son, hoxe, as plataformas, emblema dese sistema de intercambio e goce que non coñece de limtiacións físicas, as que nos devolven o analóxico dunha vida de camisas de cadros de Brooks Brothers, pisos compartidos de proporcións fantasiosas e unha vida urbana que podería rubricar aquilo que dicía Fukuyama da fin da historia. Friends foi a serie cabeceira, hoxe dispoñible en HBO Max. Un grupo de amigos que lle falaban a unha xeración que tamén estaba na universidade: Rachel, o tan querido Ross, Chandler, (interpretado por Matthew Perry, actor falecido o ano pasado) Mónica, Phoebe e Joey encarnaron a primeira xeración, en Galicia e España, que entraba en masa á universidade. Despois da progresiva incorporación dunha maior cantidade de estudantado no franquismo grazas ao sistema de becas, foi nos anos 80, xa en democracia, a época na que a primeira xeración descendente dos pais do baby boom entrou de cheo na vida do consumo, a adquisición de hipotecas efervescentes e os pagos a prazos. Unha xeración que aprendía a saír do niño e explorar novas formas de vida, novos lugares. Unha serie fulcral dentro desa temática foi Doutor en Alaska, nas que o doutor Joel Fleischman vai exercer de médico naquel lonxano estado americano para pagar a factura da súa educación universitaria. É alí onde tratará a donos de ultramarinos, amores, caciques locais, todo cunha narrativa de sorriso e trama sinxela, que non simple, ben recibida por unha sociedade que aínda atopaba na televisión lugares de recreación e non só estimulación hiperbólica. Hoxe está fresca como o primeiro día na plataforma Filmin.

Seinfeld é outro dos exemplos daquela vida sinxela, pero chea de amizades, ocio e praceres en rañaceos que propiciaba o anovado estilo de vida americano triunfante. Unha versión da vida do seu creador, o comediante Jerry Senfield, que foi tildada como «serie sobre a nada» pero que non deixaba de ser un chanzo máis na evolución da serie televisiva. Foi unha familia a protagonista, tamén, da inesquecible O príncipe de Bel-Air, con Will Smith interpretándose, como Seinfeld, a si mesmo, cun inesquecible James Avery facendo de Phillip Banks, o ríxido xuíz, transmisor da moral dunha América que se fixo a si mesma. Aquela foi unha das primeiras series en traer ás súas tramas os conflitos raciais e mais a situación da poboación negra. Está hoxe dispoñible en Movistar Plus e Amazon Prime. Outra familia mítica foi a Winslow de Chicago, que en Cousas de casa introduciu para o público español e galego o termo do «friki» e a súa imaxinería, que pode volver visionala en Prime Video.

Nun contexto completamente distinto nace Sexo en Nova York, con Carrie Bradshaw e un grupo de amigas cosmopolitas e cunha impronta estética aínda lembrada hoxe. Un Nova York de ceo cerúleo, pero sen o medo, sen o terror, unha urbe antes dos atentados do once de setembro e antes da fin da inocencia, unha América ben distinta.

Un cambio de tendencia

A serie que provocou un punto de inflexión, xa a finais dos 90 e comezos dos 2000, foi a dos Soprano. O personaxe mafioso de Tony Soprano, o home tranquilo de retrouso italoamericano (malia que fora a Italia a procurar as súas raíces e non se atopara moi ben alí) cambiou a maneira de entender as series.

A televisión deixaba de ser a excusa cotiá do naíf para achegarse a dramas do seu tempo, afastados dos dramas históricos e convulsión mundial, como foron as series dos anos 70 ou 80 (Arriba e Abaixo, Retorno a Brideshead...) de selo británico e un espírito herdeiro do estilo de James Ivory nos seus filmes de recreación histórica e estética. En fin, Os Soprano foi o comezo dunha traxectoria para o seu creador, Matthew Weiner, que se vería continuada nesa década dos 2000 con Mad Men, profundamente engarzada na introspección, si, pero tamén na cultura popular e na publicidade ao redor do seu protagonista, Don Draper.

Suscríbete para seguir leyendo

Tracking Pixel Contents