Guapos de Europa

Na xeira de Mastroianni e Delon

Alain Delon e Claudia Cardinale ('O gatoparto', 1963).

Alain Delon e Claudia Cardinale ('O gatoparto', 1963). / Arquivo

A industria cinematográfica consagrou, como ningunha outra manifestación artística, os canons populares de beleza. Obviamente, houbo unha maior potencia nas películas saídas de Hollywood fronte ás producidas en Europa, especialmente no continente. Se tivésemos que salientar dous actores europeos que representaron a beleza masculina nas pantallas, habería unanimidade en considerar que ninguén como Marcello Mastroianni, de quen conmemoramos o centenario do seu nacemento, e Alain Delon, finado recentemente.

Nacidos, entón, cunha diferenza de once anos e en países veciños con fortes vínculos históricos e culturais, as súas traxectorias foron ben distintas tanto polos momentos que tiveron que vivir como pola pegada que estes lles deixaron. Así, as orixes de Mastroianni, «il bello Marcello», foron humildes e –segundo el mesmo confesaba no programa A fondo (TVE) en 1978- tivo que procurar unha relación colectiva na mocidade fascista dos balilla e nas actividades teatrais e corais da súa parroquia. E foi a partir de tal aprendizaxe como chegou a contactar con Lucchino Visconti, co que traballou profesionalmente en teatro. E de aí comezou unha prolífica (cento vinte películas) carreira que ben axiña tivo continuidade con algúns dos mellores directores italianos, como foi o caso de La dolce vita e 8 ½ (Federico Fellini), A noite ((Michelangelo Antonioni) ou nun rexistro de comedia satírica, Divorcio á italiana, ou Matrimonio á italiana (Vittorio de Sica), con Sofia Loren.

Mastroianni tivo unha considerable amplitude de rexistros, o que lle permitiu protagonizar películas como O estranxeiro (L. Visconti), What? (Roman Polanski), Allonsanfan (irmáns Tavani), La Grande Bouffe (Marco Ferreri). Ou a inesquecible Unha xornada particular (Ettore Scola), na que representa un xornalista homosexual que ten un encontro íntimo coa súa veciña (Sofía Loren) mentres o seu marido asiste cos fillos ao desfile en homenaxe a Hitler. Ou esoutra Afirma Pereira, a partir da novela de A. Tabucchi, na que interpreta un gris xornalista na Lisboa salazarista. Marcello Mastroianni foi un dos perpiaños do cinema italiano do século XX e tamén un home comprometido co seu tempo, como cando aceptou ser embaixador de Unicef.

Unha circunstancia esta impensable en alguén como Alain Delon, cuxas sombras na súa vida privada (desde os negocios ata o seu pensamento político: ao cabo, media Francia pensou así desde hai un século) non poden ensuciar unha brillante traxectoria artística. Malia nacer nunha familia de certos posibles, padeceu unha infancia chea de infelicidade que fixo del un rapaz rebelde. Ingresou na Mariña con dezasete anos e pasou dous como paracaidista na guerra de Indochina. Licenciado con deshonra, tivo diversos traballos ata que foi contratado pola actriz Brigitte Auber para que a acompañase ao festival de Cannes. Descuberto polo director David Selznick, non quixo viaxar aos EUA e preferiu tentar sorte en París. Ben axiña participou en películas de éxito (Amoríos, Débiles mulleres) e xa con papeis salientables en producións que xa forman parte da historia do cine: A pleno sol e as de L. Visconti, Rocco e os seus irmáns e O Gatopardo (facendo parella cunha espléndida Claudia Cardinale).

Perante a proposta de ser contratado pola MGM, disputoulle un papel a Jean-Louis Trintignant na película Gran xogada na Costa Azul, con Jean Gabin: ofreceuse a traballar gratis e cobrar unha porcentaxe dos ingresos. A operación saíulle redonda. Despois chegáronlle películas de acción como O Tulipán Negro e O insubmiso, no papel dun asasino da OAS. Despois de non triunfar en Hollywood, en Adeus, amigo tivo o papel dun médico licenciado da Lexión. Xa a finais dos anos sesenta protagonizou diversas películas de temática criminal, convertidas co tempo en obras de culto: O clan dos sicilianos (con Lino Ventura e Jean Gabin), Borsalino (con Jean-Paul Belmondo), Círculo vermello (con Yves Montand). Así mesmo foi aparecer enCrónica negra (no papel dun policía) e O silencio dun home (Le Samouraï), sobre a soidade dun asasino profesional, ambas de Jean-Pierre Melville.

De izda. a dcha.: Marcello Mastroianni, Fernando Rey e Vicente Parra.

De izda. a dcha.: Marcello Mastroianni, Fernando Rey e Vicente Parra. / Arquivo

Galáns con bigote

O cine español, limitado industrialmente desde os seus inicios, quedou condicionado polas consecuencias da guerra civil. A moral que pasou a imperar impuxo unha limitación de argumentos e uns patróns estéticos para os protagonistas. No caso dos homes, os rostros luciron durante anos a presenza dun fino bigote. Popularizado por Rafael Rivelles, pasou a ser sinal de identidade de artistas que, como Alfredo Mayo, personficaron as glorias do novo réxime (Raza, A mí la Legión). Incluso Alberto Closas lucía ese bigote en Muerte de un ciclista (J. A. Bardem) en data tan serodia como era 1955.

Os actores que interpretaron papeis de galán, dentro da súa diversidade, non saían do canon establecido, desde o guapo rudo (como Paco Rabal) ata o canalla sedutor (Arturo Fernández), pasando polos guapos supremos (Carlos Larrañaga, Vicente Parra).

Ningún deles tivo presenza no cine internacional. Foi excepción o coruñés Fernando Rey, quen tras facer de Felipe o Fermoso en Locura de amor (Juan de Orduña), estivo presente en diversas películas de Luís Buñuel (Viridiana, Tristana, El discreto encanto de la burguesía, Ese oscuro objeto del deseo) ou aínda en producións de acción, como The French Connection (W. D. Friedkin), ou tamén de compromiso, como vén ser o caso de Excelentísimos cadáveres (Francesco Rossi).

Suscríbete para seguir leyendo

Tracking Pixel Contents