Teoría do decrecentismo
O capitalismo e a necesidade de decrecer
Alfredo Iglesias Diéguez
Estamos inmersos nunha profunda crise ecolóxica que nos interpela: a deforestación, o retroceso dos glaciares, a desertización de grandes rexións do planeta, a extrema virulencia de fenómenos meteorolóxicos como os furacáns, o quecemento das augas superficiais, a perda de biodiversidade, o quecemento da atmosfera, a contaminación dos mares, da terra... Porén, alén de todas as xuntanzas nas que se ten debatido sobre o cambio climático, dende a conferencias de Estocolmo (1972) e de Río (1992), o certo é que non frearemos o cambio climático se non afrontamos as causas que o provocan: o capitalismo.
O capitalismo e os límites do crecemento
Sabemos grazas ao traballo de investigación dirixido por Donella Meadows en 1972 que o noso modelo de crecemento económico ten límites. Ora ben, malia que dende hai 50 anos temos a certeza de que hai que actuar, a maioría dos gobernos movéronse entre a negación e a indiferenza: as sucesivas conferencias do clima, nas que as cativas medidas adoptadas son amplamente ignoradas, dan proba dese desinterese pola «transición ecolóxica». Neste sentido, na maioría dos casos a famosa «transición ecolóxica» non é máis que unha «ecoimpostura» ou «lavado en verde» (greenwashing) da imaxe dunha compañía no que se ocultan ou disfrazan as accións pouco ecolóxicas dunha empresa e se publicitan ou visibilizan aquelas que teñen un contido máis «ecolóxico» ou «sostible» (velaí os exemplos de empresas enerxéticas que tendo como actividade principal a petroleira, só anuncian a actividade menos contaminante).
Así mesmo, moitas das medidas de”‘transición ecolóxica» que se están a tomar nos últimos anos van nesa dirección: algunhas delas, como a electrificación dos automóbiles -presentada como unha alternativa á carbonización-, en realidade non soluciona o problema xa que o modelo polo que se aposta é o mesmo: a explotación duns recursos naturais finitos. É o que nos círculos ecoloxistas se denomina retardismo: atrasar o momento en que estoupe o problema, pero non resolvelo.
Unha terceira postura que non vaia á raíz capitalista do problema é o «tecno-optimismo», que deposita as esperanzas no desenvolvemento tecnolóxico; velaí están as «enxeñosas ocorrencias» de Bezzos ou Musk, que paradoxicamente son dúas persoas cunha obscena «pegada de carbono». Fronte a esas actitudes (negacionismo, ecopostureo e tecno-optimismo), fóronse definindo diferentes actitudes no seo do movemento ecoloxista, entre as que se atopan o colapsismo, que sostén que a humanidade se enfronta ao colapso ecolóxico, pero o grao de destrución da natureza e alteración dos ecosistemas é tan grande que xa non podemos facer nada para evitalo debido a que non hai alternativas viables; e o decrecentismo.
O decrecentismo e a necesidade de decrecer
O crecemento continuo é imposible na medida en que non é posible superar os límites ecolóxicos impostos polo planeta, velaí a que pode considerarse como a premisa fundamental do decrecentismo. Un feito que nos últimos anos se expresa en termos de sobrecapacidade, isto é a cantidade de planetas precisos para vivir segundo a nosa pegada ecolóxica (a humanidade no seu conxunto precisaría 1,7 planetas, mentres que os EEUU precisaría 4,9, pero Cuba 1,1).
Ante esa realidade, o decrecentismo defende a necesidade de reducir a produción de mercancías que obrigan a consumir recursos finitos da Terra (auga e materias primas) e a manter un consumo enerxético elevado (tanto na produción como na distribución das mercancías) e de modificar os hábitos de alto impacto enerxético (viaxes a longa distancia e/ou individuais, uso de tecnoloxías cun elevado consumo enerxético...), que a máis das veces fai recaer nas persoas a responsabilidade de frear o cambio climático.
Decrecemento e desigualdades
Para facer fronte á crise climática é fundamental recoñecer un feito fundamental: o modelo extractivista do noso modelo de crecemento económico, excesivamente baseado no consumo de carbono, reproduce as desigualdades socias (entre clases) e territoriais (entre países). Dito noutras palabras: os países do Norte global son responsables do 92% do exceso de emisións históricas de CO2. Así mesmo, o 1% das persoas máis ricas do mundo é responsable do dobre das emisións realizadas polo 50% da poboación mundial máis pobre. Neste sentido, dúas preguntas son lexítimas: ten que esixírselle o mesmo esforzo a Musk -que cunha viaxe á estratosfera consumiu máis enerxía da que van consumir millóns de persoas ao longo da súa vida-, que ás persoas máis empobrecidas da Terra? Deben os países máis empobrecidos da Terra renunciar ao progreso social en aras do decrecemento?
A resposta dada a esas preguntas vai depender de cada ‘escola de pensamento decrecentista’, aínda que todas teñen un obxectivo común: a alternativa á crise ecolóxica xira arredor da redución do consumo e a redistribución da riqueza.
Suscríbete para seguir leyendo
- Un tractor camuflado y una semirrígida con tres potentes motores pone en alerta a la Guardia Civil de Arousa
- Agrio final judicial para la camarera de Vigo que se encontró el bar cerrado tras 10 días de baja
- Salvaje persecución por Vigo y O Porriño: 50 kilómetros a la fuga y cuatro coches policiales dañados
- Hallan el cadáver del joven desaparecido en Silleda
- Una histórica cafetería de Vigo echa el cierre con las uvas después 44 años cotizados: 'Nos vemos en los bares
- Trece implicados y 270 toneladas intervenidas en Vigo y otras localidades de Pontevedra por comercializar de forma ilegal productos del mar congelados
- Una familia de Taboada denuncia la desaparición de su hijo de 18 años, que se despidió en las redes
- La tajante decisión de Antena 3 después de que Cristina Pedroche y Chicote se colarán en las Campanadas de TVE: así zanjaron la broma