Espazos para o riso

A cultura e os límites do humor

gilaMiguel Gila (1919-2001) nunha caricatura de Mortiner.

gilaMiguel Gila (1919-2001) nunha caricatura de Mortiner.

O papa Francisco dános permiso para rir de Deus. Nunha audiencia especial cos humoristas durante o pasado mes de xuño, o pontífice referiuse a esta cuestión. Non teño claro se hai moito sentido do humor na Biblia, pero si pensamos que o humor é froito da incongruencia, do extravagante, do inesperado e do extraordinario. Entón, é posibel que a Biblia sexa unha boa fonte para tecelo.

A ciencia dinos que o humor se produce por mor dun conflito neurolóxico. Rimos cando hai unha ruptura na expectiva: esperamos algo por unha dedución lóxica pero a realidade sorpréndenos con outra resposta. O humor é materia de reflexión intensa dende a filosofía, a antropoloxía, a psicoloxía e a arte e tal vez isto mesmo sexa un síntoma do difícil que resulta atopar unha definición completa. Sumados á especulación sobre a correlación entre intelixencia e humor, se pasase sobre nós un anxo e nos convertese en seres extraordinariamente intelixentes, que efecto tería esta nova capacidade? Bergson di que a intelixencia universal elevada melloraría a capacidade para vermos o sentido cómico da existencia, multiplicaríanse as gargalladas e desaparecerían as lamentacións. Pola contra, se fixésemos un esforzo de empatía con todas as circunstancias tráxicas do mundo, desaparecería o ris, esvaéndonos nunha existencia grave e adusta?

Hai consenso en pensar que o humor nos permite romper coas formas rutineiras de observar a realidade, evidenciando a existencia doutras posibilidades nas cousas, nas palabras e nas persoas. Pódese dicir que é unha forma de deconstruír a realidade e sorprendernos co absurdo dos condicionamentos. Para crebar unha expectativa que pensamos lóxica, ás veces, non se necesita máis que un pequeno movemento, un par de milímetros para ollar o extraño da vida. Deste xeito o humor pódese pensar como unha sacudidura da lóxica funcional do mundo.

Existe unha ética do humor? Pódese determinar unha motivación, un momento e unha medida axeitada para construílo? Atopamos numerosas posicións vinculadas a unha ética negativa do humor e outras tantas positivas. Pódese rir por sentirse superior: así Platón observa no humor falta de autocontrol e presenza de maldade. Hobbes tamén ten unha visión atravesada pola moral. Rimos por incongruencia e ás veces, na liña de Freud, por liberar enerxía psíquica, tensións mentais ou emocionais e así resolver conflitos. O psiquiatra ve nel un mecanismo de defensa protectora do eu. Pode que o humor sexa, como pensaba Baudelaire, unha canle onde expresar tanto a grandeza como a miseria infinita do humano. Bergson tamén fala dunha posición de superioridade para xerar o riso. Kierkegaard e Shopenhauer consideran a ironía coma unha expresión de alta superioridade do pensamento porque se contrúe por riba dos convencionalismos máis simples. Así, para eles, o humor destrúe os sentidos máis probábeis das palabras. Esta é unha interpretación suxestiva porque coloca o humor como unha forma liberadora da mente, unha estratexia de romper as formas do poder e mais os prexuízos que alberga a lingua.

É desexábel rir de todo? Onde está o límite? Na intención ou na temática? Resulta complicado imaxinar unha condición que discrimine con claridade entre un humor que é provocador e orientado a cuestionar tópicos do que é ofensivo. Máis difícil é imaxinar que esta norma sexa universal porque o contido ten un carácter cultural. Semella que o humor é mellor aceptado cando se dirixese cara á propia identidade, tanto a singular como a cultural. Mel Brooks conta que aprendeu de neno a rir de si mesmo para ser gracioso e aforrarse malleiras, o seu humor provén da ira e da aflición. Tampouco ofende Woody Allen aos xudeus co humor sobre os seus estereotipos culturais, ou mesmo Miguel Gila sobre os nosos.

Suscríbete para seguir leyendo

Tracking Pixel Contents