Cando a literatura rabuña
Cats, chattes, gatos

Un momento na representación do musical Cats. / Arquivo
Armando Requeixo
Os gatos levan sendo compaña dos humanos dende hai máis de dez mil anos. Non é de estrañar, xa que logo, que teñan xogado un papel sobranceiro na Arte, na Mitoloxía e na Literatura dende sempre e que entre nós haxa auténticos ailurofílicos, isto é, apaixonados dos felinos, pois xustamente ailouros (o animal que move o rabo) era o nome dado a estes polos helenos.
Imposible detallar aquí a importancia que dende a Antigüidade ata hoxe tiveron culturalmente os gatos, pois sería o conto de nunca acabar. Mais cómpre subliñar que este interese non é só cousa do pasado. Nos nosos días seguen a ser un dos animais domésticos máis presentes e mesmo no inesgotable mundo internetiano as procuras dos gatos están no top dos buscadores e calcúlase que case un cuarto das imaxes que circulan polas redes sociais teñen que ver con eles. Polo demais, é lóxico que así sexa, pois os gatos foron asociados dende tempo inveterado con simbólicas e míticas ben diversas, por iso dende hai séculos se escribiu sobre eles e en todas as nacentes literaturas europeas medievais, e aínda na literatura do XVII e XVIII, hai mostras disto, dende o canterburiano Chaucer ata o gatomáquico Lope de Vega pasando polas numerosas exempla e fábulas desas centurias.
Secasí, para non eternizar esta apertada panorámica, conformareime con amentar apenas algúns textos e autores dende o XIX en diante, pois forman parte do noso imaxinario máis recente e seguen a ser obxecto de revisitacións de todo tipo.
Talvez o primeiro clásico moderno desta literatura que rabuña foi E. T. A. Hoffmann, quen entre 1820 e 1822 escribiu Opinións do gato Murr, historia benhumorada da suposta autobiografía do felino Murr. Pouco despois Honoré de Balzac deu a coñecer Penas de amor dunha gata inglesa (1840), neofábula reivindicativa onde, en ton de sátira, criticou a sociedade patriarcal do seu tempo, que condenaba a gata protagonista a ser unha simple peza decorativa apegada a un gato senil. Agora ben, os máis célebres gatos literarios do XIX son, con certeza, os de Edgar Allan Poe e Lewis Carroll. Poe asinou o conto “O gato negro” (1843), paradigma da narrativa sinistra na que un gato espectral se vinga do amo por telo matado cruelmente aparecéndoselle a cada pouco e atormentándoo sen fin. Da súa parte, Carroll inmortalizou o Gato de Cheshire en Alicia no país das marabillas (1865), un felino de sorriso perpetuo que aparece e desaparece a vontade e que encarna a dúbida existencial e filosófica.
Nos comezos do XX salientaron A gata (1933) da artista e escritora Sidonie-Gabrielle Colette, poderosa historia de amor, celos e terribles vinganzas nas que ten un papel protagónico a felina Saha, e O libro dos gatos habelenciosos do vello Possum (1939) de T. S. Eliot, colección de poemas humorísticos que o autor inglés escribiu para entreter os fillos do seu editor en Faber & Faber e que está na base do popularísimo musical Cats. Xa entre os beatniks, houbo dous para os que os micos tiveron un aquel especial: William Burroughs, que escribiu O gato por dentro (1986), sorte de diario da relación do autor cos gatos e relato da historia destes dende Exipto ata acó; e mais Charles Bukowski, que introduciu numerosos felinos nas súas obras e que mesmo lles dedicou un poema no que os eloxiaba como personificación da loita, da resiliencia e da beleza das dificultades cotiás: “A historia dun duro fillo de puta”.
Dous gatófilos máis para rematar: Julio Cortázar, que tiña un gato ao que chamaba T. W. Adorno como recoñecemento ao gran filósofo e sociólogo alemán e que fai desfilar moitos felinos polas súas obras. Por exemplo o gato calculista do capítulo 49 de Mariola (orixinalmente Rayuela, 1963); o fragmento de Último round (1969) titulado “A entrada en relixión de Teodoro W. Adorno”; o texto “Orientación dos gatos” de Queremos tanto a Glenda (1980); ou “Máis sobre filósofos e gatos” de A volta ao día en oitenta mundos (1967). E, finalmente, Doris Lessing, que escribiu varios volumes sobre felinos logo reunidos no compilatorio Sobre gatos (2002).
Para outro día han quedar O gato con botas de Perrault e toda a vizosísima andaina dos felinos na literatura infantoxuvenil, que son lexión. A miña ánima gatuna pídeme parar, que xa o explicou moi ben Borges: “O escritor é un anarquista, non ten horario. En poucas palabras: fai o que quere, como o gato. É unha alianza entre seres libres”.
Suscríbete para seguir leyendo
- Irene Díez, ginecóloga: “La incontinencia urinaria no se soluciona con compresas, hay que acudir al médico”
- «Trabajo solo por encargo, y tengo una lista de espera de casi dos años»
- Murió de un infarto a las dos horas de que lo atendieran y le diagnosticaran gastroenteritis
- Cazan a un trabajador vigués jugando al pádel en horas de trabajo y contrataca denunciando impagos
- Andrés Millán, abogado laborista: «Nunca me jubilaría 24 meses antes, como mucho lo haría 19 o 20 meses antes»
- Aurelio Rojas, cardiólogo, recomienda este cambio cuando salgas a caminar: «Es como pasar de ver la tele a entrenar tu sistema cardiovascular»
- Un arquitecto pagará 295.000 euros a un cliente por no avisarle de que la finca que compró en Toralla no es edificable
- El legado de una casa de Vigo okupada tres años: «No dejaron ni los recuerdos»