Entrevista | Joaquim Ventura Escritor
“O legado de Nós foi manipulado por todos”

Joaquim Ventura. / FdV
Con As máscaras dos homes de Nós, publicado pola Deputación de Ourense e distribuido por Galaxia, Joaquim Ventura continúa o seu labor de levar a termo a crónica e análise do pensamento político, así como da influencia social e cultural, do grupo Nós.
–Cal foi o seu propósito á hora de escribir este libro?
–As máscaras dos homes de Nós vén ser un xeito de segunda parte da tese doutoral que presentei en 1997. Pero está centrada, xa non tanto en Castelao como no núcleo ourensán, que estaba constituido por Vicente Risco, López Cuevillas e Otero Pedrayo, aos que lles presto a principal atención a través da análise minuciosos dalgúns dos seus textos, que foron esquecidos por moitos críticos que teñen escrito sobre Nós.
–Ao ler o título do seu libro, moita xente vai pensar que o de “máscaras” ten un compoñente non precisamente positivo…Quixera que me explicase o por que deste rótulo.
–É unha maneira de enfocar como chegaron ao nacionalismo este tres persoeiros. Porque López Cuevillas, Risco e Otero Pedrayo teñen en común, segundo as fontes que consultei, que se ocuparon de ter explicado por escrito as causas do seu achegamente a esa ideoloxía. No caso de Cuevillas, que é o que máis se adiantou, xa en 1920 confesou que foron os medos a unha revolución, como a que acontecera en Rusia tres anos antes, o que o animou a achegarse ao nacionalismo. Pola súa banda, Risco confesa tamén os motivos polos que racha co “anticuado” nacionalismo oficial e se abeira á nova xeración de xoves da Mocidade Galeguista. Pero o caso máis misterioso é o de Otero Pedrayo, porque el era un home que se dedicaba a vivir ben das súas xestorías en Madrid e das súas cátedras ata que chegou un momento en que comeza a escribir en clave de rememorar a xeración anterior, a do seu pai;despois, a súa e, por último, a xeración seguinte. Eis como nace a súa idea de construír a nación ideal cunha serie de elementos que, en principio, non terían unha xustificacion política, senón meramente persoal.
–Que é máis correcto: dicirmos Xeración Nós ou Grupo Nós?
–Grupo Nós, sen dúbida. Porque eran un grupo. Podían ter adláteres, compañeiros…pero o certo é que a única trascendencia que tiveron nos seus anos, foron nas primeiras Cortes constuíntes da Segunda República e, despois, no pulo que deron, xunto con outra moita máis xente, ao Estatuto de Autonomía de Galicia. E aínda asi, Risco no agachaba as súas reticencias sobre o Estatuto, e Cuevillas mantívose máis ben á marxe. Eu nunca emprego o termo Xeración Nós, se acaso “a chamada” Xeración Nós porque me refiro ao grupo que puxo en marcha a revista cuns obxectvos moi claros, que eran os de marcar distancia co colectivo das Irmandades da Fala, sobre todo coas de A Coruña e Compostela.
–Que condicións se daban no Ourense da época para que a cidade se constiuira no núcleo de Nós, xa que nela vivían a maioría dos seus compoñentes?
–Hai un elemento fundamental: Ourense é unha cidade tranquila, de provincias, que estaba dominada por un sector da pequena burguesía local inxerida no réxime da Restauración. Pero o despegue do comercio local chegou da man dos maragatos, que é o que critica Risco en O porco de pé, porque se converteron nos mais ricos de Ourense. De maneira que xente como Risco, Cuevillas e Otero Pedrayo representaban, daquela, ese sector da burguesía que perdera o poder político e económico que antes tiñan na cidade.
–Como foron as relacións entre Nós e as Irmandades da Fala?
–En xeral, cordiais pero con rivalidades. De feito, Risco xa promovera unha escisión en 1922 para montar un grupo pola súa conta.
–A quen se pode atribuír o, chamémoslle, “liderado” de Nós (se é que houbo liderado): a Otero Pedrayo, a Vicente Risco…?
–En certa ocasión, Risco díxolle a Losada Diéguez que a revista non debería chamarse “Nós”, senon “Eu”, porque o resto dos acompañantes eran máis ben secundarios ou colaboradores puntuais.De feito, a actitude de Otero Pedrayo con respecto á revista Nós é absolutamente pasiva, e Cuevillas dedícase ao seu e non fai máis nada… Daquela, só quedaría Risco, se a iso se lle pode chamar liderado, malia que eu lle recoñezo que estaba só completamente á fronte da revista.
–Que se pode dicir do grupo Galaxia con respecto a Nós? Foron realmente os seus herdeiros ou só utilizaron a marca ?
–Os do grupo Galaxia foron herdeiros directos dos documentos de Otero Pedrayo a través da fundación impulsada precisamente por Galaxia, que era a unica editorial na época e recolleu con mellor ou peor fortuna a herdanza espiritual de toda esta xente. Foron eles os que primeiro publicaron a Risco despois da Guerra Civil, os que recolleron os estudos de López Cuevillas. E foron eles os que fixeron chegar o legado de Nós ás xeracións dos anos 60 do século pasado.
–Un legado manipulado?
–Dende o meu punto de vista, os de Nós foron manipulados por todos, por activa ou por pasiva.
"O principal legado foi o da semente dun proxecto cultural con vontade de ser moderno e que superaba a exposición folklórica do país"
–Varios dos compoñentes de Nós participaron na fundación do Partido Galeguista pero, pódese falar de Nós, en conxunto, como o colectivo que deu o pulo definitivo á constitución do PG?
–Dos homes que fixeron Nós, que foron fundamentalmente Risco, Cuevillas e Otero Pedrayo, Cuevillas non participou para nada. Otero Pedrayo obtivo unha acta de deputado antes de que se fundase o PG, e foi nesa estancia en Madrid onde trabou amizade con Castelao. Porén, Otero si que despois foi fiel a amizade con Castelao, malia as suas diverxencias ideolóxicas, e mantívose sempre dentro da disciplina do PG. Pero Risco non. No momento no que racha coa xente de Nós, pasa a dar pulo á escisión da Dereita Galeguista. De maneira que, cando nas eleccións de 1936, o PG se integra na Frente Popular, o único dos tres ourensáns que se mantén é Otero Pedrayo, que ademais participou na campaña polo referendo a prol do Estatuto de Autonomía.
–Cal ou cales serían segundo súa opinión os principais legados de Nós que aínda se poden apreciar na Galicia actual?
–O principal foi o da semente do establecemento dun proxecto cultural con vontade de ser moderno e que, sen ser vangardista, superaba a exposición folklórica do país, pasando, neste senso, a converterse no único referente que quedou despois da ditadura. Aconteceu, non obstante, que se provocou entre os críticos unha confusion entre a historia do nacionalismo e a de Galicia, porque a segunda é cultural e politicamente moito máis ampla. Naqueles anos 20 nos que xurdiu Nós había tamén pesoeiros que estaban traballando no campo das ciencias aplicadas, como a agricultura, e que estaba a facer por Galicia moitísimo máis do que que fixeron os de Nós, e que foron persoas que quedaron absolutamente esquecidas. Pero si que é certo que ese xerme sementado por Nós foi o que permitiu a emerxencia dunhas xeracions culturais que chegan ata a actualidade. E dito isto, non é menos certo que o legado de Nós foi utilizado polos sectores oficiais, que aproveitaron o que deixaron feito Nós, malia que politicamente non tiveran, nin teñen, absolutamente nada que ver.
Suscríbete para seguir leyendo
- Marisco de Canadá, Portugal y Marruecos devuelve el producto gallego de la lonja al mar: «Hay gente que lo vende como si fuese de aquí»
- Hallan un cuerpo colgado de un árbol frente a la Diputación de Pontevedra
- Condenan por intrusismo a un falso médico que atendió 9 días en Urgencias del hospital Álvaro Cunqueiro
- Los dueños del colegio Atalaya deben devolver 180.000 euros que les prestaron 5 docentes por hacerlos indefinidos
- Muere Amaya, la mujer del ingeniero vigués que hace cuatro meses hizo un llamamiento desesperado para salvarle la vida
- Mercadona denuncia la venta desde Bueu de pescado que debía destruirse
- Educación abre una investigación en un colegio de Vigo por acoso a una niña de 5 años
- Vigo acogerá el próximo desfile del Día de las Fuerzas Armadas