O cancioneiro popular e o Día das Letras

Honrando pandeireteiras e cantareiras

As pandeireteiras de Mens.

As pandeireteiras de Mens. / FDV

A cultura popular está de noraboa logo do anuncio por parte da RAG da celebración do Día das Letras Galegas 2025, adicado ao cancioneiro popular galego. Cantareiras e pandeireteiras, a voz do pobo outrora silenciado ou relegado ao ámbito privado, acada por fin o seu tan merecido recoñecemento. Trátase, pois, desa voz que durante décadas foi anónima, que cantaba os valores, traballos e mais a visión dun mundo tradicional hoxe desaparecido; esa voz con nome de muller, que se escoitaba nas cociñas e ao rematar os traballos colectivos; esa voz que se acompañaba de pandeiretas no mellor dos casos, ou de fontes ou culleres se lle cumpría; esa voz que se transmitiu de nais a fillas, de avoas a netas, creando unha poesía que pechaba nela o saber dun pobo. Pero esa voz, porén, tamén tiña nomes propios que agora coñecemos e que acadarán tamén o aplauso. Un recoñecemento caso vehiculizado agora en seis mulleres: Adolfina e Rosa Casás Rama (Vila da Igrexa, Cerceda), tía e sobriña, informantes de Dorothé Schubart; Eva Castiñeira (Agranzón, Muxía), a primeira pandeireteira, xunto coa súa sobriña, en subir ao escenario cun grupo folk cando en 1981 tocou con Milladoiro; Prudencia e Asunción Canido Ameijende e Manuela Lema Villar (Mens, Malpica) que formaban parte das Pandeireteiras de Mens, pioneiras en levaren as pandeiretas aos escenarios. Todas elas, e moitas outras, que fixeron posible que o canto popular chegase ata nós.

Elas serán as protagonistas deste ano, pero tamén haberá que extender o recoñecemento a esoutras xentes que nalgún momento indagaron no canto popular, que pararon a escoitar e decidiron que aquilo non se podía perder. A aqueles que achegaron unha gravadora ou unha cámara que recollese o tesouro que estas mulleres crearan e transmitiran. Nos anos 70, o mundo tradicional estaba esmorecendo, e as voces xa eran maduras dabondo para pensar que, cada vez que desaparecía unha cantareira, o seu cantar desaparecía con ela. Mais había que pór os oídos nelas e valorar o seu canto.

En 1973 daban o seu primeiro concerto as Vellas de Mens, pioneiras tocadoras nos escenarios, nunha época na que quen subía aos palcos ou gravaba discos eran os gaiteiros ou os grupos folklóricos, e non as mulleres pandeireteiras. En realidade, este grupo de mulleres foron descubertas polo departamento de Coros de Danzas da Sección Feminina, que gravaron os seus bailes como mostra dunha Galicia cargada de estereotipos e folclore. Foi entón cando Manuel Cajaraville, director artístico da Agrupación folclórica Aturuxo, foi descubrilas e invitounas a cantar no Teatro Colón de A Coruña en 1973. De aí un enorme éxito, con actuacións por Europa e América. Beatriz Busto, na súa obra Pandeireteiras de Mens, relata o seu controvertido ascenso á fama na época franquista, analizando luces e sombras, e prefire quedar cun ensino positivo: “había que mirar cara á tradición oral, e esta tiña corpo, mans, voz e memoria de muller”.

Os primeiros anos da democracia foron importantísimos nesta recuperación. En 1976 o grupo Fuxan os Ventos grava o seu primeiro disco e desde aí comezará un éxito rotundo grazas á síntese entre cancións tradicionais e temas propios, sempre na liña da canción protesta e da reivindicación de Galicia como pobo de cultura e idioma propios. Con eses mesmos obxectivos de recuperación da tradición musical galega, Milladoiro irromperá tamén no panorama, converténdose no grupo galego de referencia deica aos nosos días.

Pero se de alguén non podemos esquecernos, esa vén ser a musicóloga suíza, Dorothé Schubart. Corría 1978 cando chegou á nosa terra co interese de explorar e coñecer o canto popular galego. Dos seus anos de traballo de campo, seguidos dunha fonda análise e clasificación, nacería en 1984 o Cancioneiro Popular Galego, publicado xunto con Antón Santamaría, obra en sete volumes, tres deles dobres, onde recompila cantares sobre os oficios e labores, as festas anuais, romances tradicionais e novos… Unha obra magna, unha auténtica táboa de salvación do cantar tradicional (podes consultalo nesta ligazón).

Grupos como Xacarandaina, Cantigas e Agarimos, Brincadeira... e logo Mercedes Peón ou Leilía, ata chegar ás recentes Tanxugueiras ou Fillas de Cassandra, demostran que o canto tradicional segue vivo, que as mulleres pandeireteiras teñen voz propia, unha voz alta e forte, e que, sen dúbida, veñen para quedar.

Suscríbete para seguir leyendo

Tracking Pixel Contents