O teu rostro namultitude

Retratos en miniatura dos séculos XVIII e XIX

Mostra presente na Pinacoteca Fernández del Riego (Vigo).

Mostra presente na Pinacoteca Fernández del Riego (Vigo). / @ELIREGUEIRA

A miniatura xogou un papel ben relevante na linguaxe visual privada dos séculos XVIII e XIX, porén é un tipo de arte que raramente encontramos nas salas das pinacotecas e cando aparece adoita ser nunha posición marxinal ou secundarizada a respecto da pintura de cabalete. Este aspecto fai máis destacada e atractiva a exposición que se pode ver na Pinacoteca Fernández del Riego de Vigo, na cal é recollida unha excelente colección de obras de miniatura. Trátase de retratos franceses que chegaron aos fondos municipais de Vigo por medio do Legado de Policarpo Sanz e Irene Ceballos, concretamente colecionados por esta última, que acrecentou o acervo do seu marido e velou polo seu coidado e entrega ao concello vigués.

A minitaura é un xénero pictórico diferente ao que é a pintura de cabalete ou o debuxo. O termo “miniatura” deriva de verbo latino miniare e designa unha pintura executada sobre vitela, papel ou marfil, punteada e non estendida -non cuberta- que xoga co cromatismo do soporte e utiliza pequenos puntos de cor. Trátase dunha técnica iniciada no século XVI que tivo cultivadores tan excepcionais como Giulio Clovio.

A orixe no XVI cómpre situala en Inglaterra e Francia e xorde independizándose dos códices, lémbrese que nas letras capitulares destes adoitaban aparecer retratos. O novo xénero nace, xa que logo, cando eses retratos comezan a ser pintados de maneira independente. Practicamente desde o momento inicial principian a facerse montaxes extraordinarias e son utilizadas como xoias, con dúas funcións principais que van chegar ao século XIX: unha política, de estado, na diplomacia, presente entre monarcas e en compromisos matrimoniais, cumprindo, pois misións de carácter institucional; e unha segunda función privada, íntima, semellante á que desde mediados do XIX vai adoptar a fotografía, ao principio en competencia coa propia miniatura.

Neste sentido, as miniaturas permiten relacionar categorías aparentemente autónomas: formais e temáticas, e comprender mellor cada unha delas. Son un campo perfecto para percibir o que sinalaba Todorov ao afirmar que non se trata de explicar a historia das imaxes só a partir da historia da sociedade ou do pensamento, porque nin as infraestruturas económicas nin as ideas determinan superestruturas artísticas. Os diferentes niveis na vida dunha sociedade condiciónanse mutuamente, de xeito que é imposíbel dividilos en causas puras e efectos puros. De todos os xeitos, iso non implica que debamos pasar por alto esas relacións, xa que elas son as que nos conducen máis directamente cara ao sentido das imaxes.

O mesmo Todorov afirma moi atinadamente que o retrato é a manifestación de dúas subxectividades. Os aristócratas e burgueses que encomendan este tipo de obras pretenden deixar unha impresión da súa identidade e posición social como é característico da retratística occidental desde o século XV, mais tamén pretenden captar unha parte do pintor, aspecto que pode estenderse aos demais individuos, posíbeis espectadores e admiradores.

Percorrido polo xénero

Os vinte e nove retratos que conforman a colección de miniaturas do Legado de Policarpo Sanz e Irene Ceballos presentan un percorrido polo xénero na Francia do período de máximo esplendor desta actividade creativa, entre mediados do XVIII e o primeiro terzo do XIX.

Para completarmos a comprensión destas obras cómpre lembrarmos que este tipo de retratos nos sitúan, inevitabelmente, no ronsel dunha longa tradición en que a reprodución da figura humana era usada de xeito nitidamente definido, ligada ao consumo, como “representación” do poder político ou como “recoñecemento” da posición social do retratado; isto é, vinculada a unha función utilitaria. O propio formato da miniatura favoreceu desde a súa orixe a hexemonía do uso privado, algo que foi especialmente reforzado desde que a burguesía adopta unha posición dominante como clase social. A invención e xeneralización da fotografía, a mediados do século XIX, vai supor unha mudanza de modo de reprodución das imaxes mantendo as características de fondo.

Evidentemente, un achegamento ao xénero -como o que nos fornecen as obras deste legado- manifesta as sutís alteracións na súa función, que, se por unha banda nos sitúa no ámbito da autonomía do retrato como obxecto artístico, mantén, asemade, o seu sentido, a súa capacidade de comunicación como memoria visíbel dunha persoa concreta, como testemuña da presenza, da pegada na terra dos seres humanos, que é o que nos emociona cando nos situamos perante moitas representacións da face humana ao longo da historia porque en todos eles está a presenza da nosa condición, a tensión entre a caducidade e a memoria, entre a manifestación do efémero e vontade de permanencia.

Suscríbete para seguir leyendo

Tracking Pixel Contents