Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

Na malla de Pascual

Antón Beiras: unha estética da dignificación

Un grupo de traballadores da malla, nun descanso.

Un grupo de traballadores da malla, nun descanso. / Antón Beiras

¿Ya nos sigues?Márcanos como medio preferente
Añádenos en Google

O primeiro que chama a atención na fotografía de Antón Beiras (1915-1968), que se reflicte na serie “A malla de Pascual, 1957” realizada nas Águias de Muras -e exposta polo Legado Activo Beiras Cal no mesma aldea onde foron feitas-, é a vontade de dignificación. Son imaxes que mostran unha intensa valoración cultural da identidade e presentan un pobo que mantén con orgullo a súa actividade vital nunha Galicia que está a mudar, como era a de finais dos 50.

Na malla de
Pascual

Unha das imaxes que integra a serie "A malla de Pascual, 1957". / Antón Beiras

Cómpre salientar que a actividade fotográfíca de Antón Beiras é unha mostra do seu acontecer vital e froito do seu punto de vista de persoa fortemente comprometida coa realidade cultural e social galega. Percíbese nesta serie un coñecemento das tendencias documentais e da presenza da fotografía na cultura galega. Na liña do traballo de José Suárez ou Carlos Velo, semella querer participar na idea de crear unha imaxe de noso liberada dos tópicos costumistas. Mesmo poderiamos aplicarlle o que sinala Luís Seoane a propósito de Suárez e Velo, cando afirma que recolleron “da realidade galega a verdade da vida dos nosos labregos e mariñeiros e a súa mentalidade, imprimindo á súa obra unha alta forma estética pola calidade e autenticidade da fotografía dos exteriores que reflectiron coa cámara”. As palabras de Seoane podemos estendelas con total sentido a esta serie da “Malla de Pascual”.

"Percíbese nesta serie un coñecemento das tendencias documentais e da presenza da fotografía na cultura galega"

Nas fotografías, Antón Beiras afonda no coñecemento e na comprensión do obxecto retratado e combina equilibradamente o documental co social primando frecuentemente a coidada construción da fotografía “de autor”, con clara vontade estetizante, velaí eses contrapicados que nos levan ao documentalismo produtivista soviético. E o achegamento realízao Beiras desde unha intensidade da ollada que manifesta un mundo compartido, atento e cómplice. Esta aproximación faise desde un depurado branco e negro, que dota as obras dunhas notábeis calidades plásticas. O resultado acaba por construír un auténtico relato en imaxes, que se percibe no tipo de tonalidade dominante e nas escollas de espazos e persoas, fortemente enraizadas estas últimas nos valores dunha cultura singular que é o obxecto de vivencia compartida.

malla 2

Outra das imaxes da serie da malla. / Antón Beiras.

A obra podemos situala, pois, nos parámetros do documentalismo, desde un fondo respecto co medio, lonxe de calquera afectación mais cun extremo rigor formal e ao servizo dunha análise precisa do ser humano, do mundo, dos obxectos e da natureza, na procura dunhas imaxes de grande nitidez.

As fotografías realizadas en Muras caracterízanse por unha presenza lumínica de forte intensidade, precisión e claridade que vai parella a unha minuciosa preocupación coa situación de todos os elementos da escena, coidando dunha forma moi especial as expresións e os encadramentos. A estas imaxes pódeselle aplicar o que Fernand Leger dicía en 1923 a respecto da beleza do fragmento, cando se refería a que había que captar o valor plástico dos anacos da vida e dos obxectos comúns. Este sentido é perceptíbel en moitas das fotografías desta malla, en que se pode observar a paixón pola natureza e pola análise do home e o mundo que o rodea. Son todas imaxes que evidencian a vontade de comprensión da relación do seu humano real coa vida, transmitindo as súas arelas e toda a complexidade vital. Nelas percibimos un achegamento afastado do tópico e unha plasticidade na súa linguaxe fotográfica, na cal a anécdota está presente, pero sempre dosificada, delineada.

"Antón Beiras utiliza nas súas fotografías as tonalidades de branco e negro moi equilibradas"

No seu achegamento a este atractivo mundo expresivo e cultural, Antón Beiras utiliza nas súas fotografías as tonalidades de branco e negro moi equilibradas caracterizándose por unha especial proximidade a respecto dos temas escolmados e por medio deles procura un vieiro propio desde a perspectiva estética. As súas imaxes permiten percibir uns espazos en transformación, con usos sociais en plena mudanza, que non impiden o mantemento das formas tradicionais da vida do pobo, mais a súa intención non é soamente documental, senón que está tamén próxima á subxectividade, ao mundo interior de fotógrafo creador en diálogo co espazo e as xentes obxecto da súa atención.

Título: A malla de Pascual. Autor: Antón Beiras. Comisariado: Miguel Piñeiro e Carme Varela. Local: As Águias, Muras (Lugo). Até o 27 de outubro.

Memoria visual

O resultado é unha estética propia, baseada na procura do intre preciso, resaltando a solidez das formas, utilizadas como elementos significantes, criterio que se segue no tratamento das escenas de ambiente paisaxístico e nas situacións de sociabilidade, resaltando a homoxeneidade ou o carácter contrastivo das situacións.

En Antón Beiras prevalece a percepción do colectivo, que procura a autenticidade das xentes no espazo comunal. Hai moito de exploración dun territorio, como recolección dunha memoria visual da propia experiencia, un punto de vista claramente individual mais que mantén o respecto pola realidade sen renunciar a certo itinerario idealizado.

As imaxes de Antón Beiras non son, por tanto, froito dunha actitude distanciada, desde fóra, senón que son creadas desde dentro, desde unha presenza ligada á súa experiencia vital, un mundo que é enxergado non cunha ollada distanciada e compracida, senón cunha vontade de comprensión fonda, coa plena consciencia de que ese mundo é parte do seu propio eu, e para mostrarnos non só unha captación formalista senón unha percepción fondamente vitalista, desde un “nós” colectivo que nos segue a identificar.

Suscríbete para seguir leyendo

Tracking Pixel Contents