Patrimonio

O patrimonio: declaración de amor á vida

Das emocións e os saberes de Peridis

José María Pérez, Peridis, na vila de Redondela.

José María Pérez, Peridis, na vila de Redondela. / A.R.

Alberte Reboreda

Ten setenta e tres anos, e agora dedícase a escribir novela histórica, aínda que traballou como arquitecto ao longo da súa vida profesional. José María Pérez González, máis coñecido como Peridis, tamén é un dos debuxantes de cabeceira do periódico "El País" desde a súa fundación en 1976. Tamén se define como “emprendedor social”, e en razón de todas estas identidades diversas visita Galicia, convidado pola Fundación Filomena Rivero Alonso de Redondela. Nesta vila impartiu unha conferencia filantrópica sobre o papel da Fundación Santa María la Real, fundada en 1977 para promover a restauración do Mosteiro de Santa María la Real en Aguilar de Campoo (Palencia); co tempo esta entidade sen ánimo de lucro converteuse no Centro de Estudios del Románico e acabaría editando a monumental Enciclopedia do Románico, que dedica 9 dos seus 61 tomos a Galicia. José María, que é como lle gusta que lle chamen, é para nós un “persoeiro”; isto é, un personaxe público relevante, un home culto e lido que fala de forma reflexiva e de vagar de toda unha vida de traballo en favor do patrimonio e das bondades da filantropía.

Preguntámoslle en que oficio se sentiu máis cómodo ao longo da súa vida e respóndenos que “de todas as cousas que fixen, a que máis vai transcender é a Enciclopedia del Románico da península Ibérica, que non hai nada no mundo parecido e, ademais, é un chaleco salvavidas para este estilo arquitectónico, xa que esta arte é a arte da repoboación do rural e agora vivimos no tempo do despoboamento desta parte do territorio. Esta enciclopedia xa está na Biblioteca Nacional de Pequín, na Biblioteca do Congreso dos EE UU, na Sorbona, en Oxford ou Cambridge, polo que xa temos unha pica en Flandes”.“Esta enciclopedia demostra que o pequeno é fermoso. Calquera capela románica de Galicia, coa súa nave, a súa fachada, os seus canzorros, cos capiteis da portada, etc. é unha obra de arte. É unha suma de arquitectura, de escultura, de pintura... e todo inserido na paisaxe. Onde hai unha arte na paisaxe repartida coa profusión do románico? Dediquei a miña vida a levantar este monumento que é esta enciclopedia e isto vai ser imperecedoiro”, afirma orgulloso.

Herdanza cultural

Preguntamos a este experto que é o patrimonio e por que debemos conservar esta herdanza cultural, e José María responde que “pola mesma razón que conservamos as fotos da nosa familia, as imaxes da nosa primeira comuñón, a da voda dos nosos pais... o patrimonio é a nosa foto como sociedade, a nosa memoria, é o que somos, o lugar do que vimos, por iso é algo sagrado absolutamente. No fondo o patrimonio é unha carta e unha declaración de amor á vida e ao lugar do que procedemos, alí onde temos as nosas raíces, aquilo que nos une á terra. Iso é o patrimonio". “Eu tiven unha vida proustiana, desculpa a inmodestia, no sentido de que dediqueime a recobrar a memoria dos antepasados, memoria do ano mil, pero non para recordala, senón para conservala. É dicir, ir á memoria para restaurala, para resucitala, porque se perdía”.

España é o terceiro Estado do mundo canto a patrimonio histórico recoñecido pola Unesco e o primeiro de Europa en patrimonio inmaterial. Preguntámoslle que valor teñen estes datos para a xente, e o noso experto responde que a sociedade valora isto “con naturalidade e cun pouco de descoido. A sociedade non é suficientemente consciente do tesouro que temos en España, tanto no plano material como no inmaterial. Dentro del eu incluiría a arquitectura popular e a arte máis humilde que son as artesanías e tamén as tradicións que temos, porque proban que somos unha sociedade viva que soubo conservar o seu legado.”

José María Pérez, Peridis, en Redondela.  Na imaxe pequena: detalle do Pórtico  da Gloria (Santiago  de Compostela).  |  FOTOS: A.R.

Detalle do Pórtico da Gloria (Santiago de Compostela). / A.R.

Interrogamos a Peridis sobre cal é o ben cultural de Galicia que lle provoca máis emoción, e o arquitecto e divulgador palentino, que traballou no noso país xunto a Carlos Valle e Soraluce Blond durante a elaboración da Enciclopedia do Románico, responde que “sen dúbida a catedral de Santiago, porque o Pórtico da Gloria é algo sublime. Mateo atrévese a representar o ceo na terra e faino a través da música, que é a máis espiritual das artes. É certo que está rodeado de arquitectura, pero o mestre faino cos medios que tiña no século XII desa maneira tan brillante. Eu vexo alí ao profeta Isaías e paréceme ver o Moisés de Miguel Anxo”.

"A clave está en saber vivirmos aquilo que herdamos"

A Lei do Patrimonio Histórico Español de 1985 está a piques de cumprir corenta anos de historia e interesámonos por saber en que claves debería actualizarse. José María responde que “a lei é algo importante, pero eu creo máis no espírito de pertenza. Penso que o fundamental é que a sociedade se implique e asuma o patrimonio, non coma unha carga, senón coma un beneficio. A min cabréanme moito aqueles que din 'é que temos tanto que non o podemos conservar todo'. Eu nunca escoitei a ningún herdeiro de casas, de fábricas ou de fincas que se queixe do que herdou. Se temos ben coidada a nosa casa, como imos deixar caer o templo. A clave está en fomentar a responsabilidade social á hora de conservar o que herdamos, pero sobre todo en vivilo, en coidalo, en ensinalo, hai que querelo e gozar del”.

Movemento asociativo

No Reino Unido, a National Trust, en España Hispania Nostra, en Galicia Apatrigal. Todas elas son asociacións de centos de persoas que traballan de forma altruísta en defensa do patrimonio cultural de noso. ¿Como valoras o seu papel?, preguntamos. “É fundamental. Todo o que se fixo en Aguilar de Campoo naceu dunha asociación de amigos en 1977, e o primeiro que fixemos foi desentullar o mosteiro, que daquela era unha ruína. Logo enchemos ese cenobio e as igrexas románicas de Palencia de poesía e música. Non se pode coidar aquilo que non se ama, por iso o primeiro que temos que conseguir é que a xente queira e valore o patrimonio. O compromiso, o cariño polos pequenos monumentos que tes cerca, o amor ás raíces e o aprecio polo que é de todos, iso é o fundamental”.

Sumidoiro vs manancial

“Vivimos só unha vez, e como podes vivir varias veces?, pois vivindo varias vidas nunha con distintas miradas”, afirma para explicar por que o noso arquitecto se dedica agora a escribir novela histórica. “O meu lema na vida é somos o que facemos e recibimos o que damos”, sostén Peridis. “Chegado a este punto da vida sei que tes o que dás. Cando nos facemos maiores preguntámonos: que fixen eu polos demais? ¿que é o que dei?. Entre ser sumidoiro e ser manancial, eu véxoo moi claro: é moito mellor ser manancial”, conclúe de forma taxativa.

Suscríbete para seguir leyendo