Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

Libros

Libros recomendados da semana

Libros recomendados da semana en Faro da Cultura.

Libros recomendados da semana en Faro da Cultura. / FdV

VV.AA.

Atopando a luz

Para meterlle un gol á vida

Pilar Ponte

A saída dun novo libro de Rosa Aneiros é sempre un momento literario feliz para esta que escribe, e as noites estreladas deste verán poñen o marco perfecto para poder gozar plenamente da súa última novela, A noite das cebolas. Non o digo por dicir, porque así é como arranca, coa protagonista ollando a noite estrelada de Vicent van Gogh no MoMA de Nova York, que ela leva observando dende hai máis de tres décadas, pero que nesta ocasión ha ser especial porque recibe un correo onde o seu oncólogo lle comunica que o cancro é irreversible e que a morte deu “por fin co enderezo do seu corpo”. E así, nese momento onde pensamos que esa é a fin da historia, recibe outra mensaxe na que lle notifican a morte do seu tío Bastián e a necesidade de contactar co notario para resolver a herdanza, un faro. Aquí, si, é onde realmente comeza todo.

O faro vai permitirlle volver ás orixes a esta muller nómade e pragmática sen ningún lugar propio do que sentirse parte, e no pasado é onde vai atopar ese momento de anagnórise necesario para nos reconciliar con nós mesmas e as persoas que o habitaron.

Atopamos ese Valdoviño da terra natal da autora, recreando unha vez máis a paisaxe como unha forza viva que se enfronta ás personaxes ata resultar insoportable pero que logo evoluciona ata ser parte esencial delas mesmas, e ese faro, que recoñecemos na Frouxeira, arrodeado de cantís.

As cebolas no texto funcionan como unha dobre metáfora, dunha banda a da vida como algo opaco no seu conxunto mais que se compón de múltiples capas que cando se van separando deixan paso á luz, e doutra banda como metáfora da vida como algo que, se coidamos e mimamos, xermina.

Aneiros é unha gran deseñadora de personaxes e, sobre todo, é unha mestra creando protagonistas femininas poderosas. Moitas delas, como no caso de Abril, que é produtora, son mulleres profesionais ás que atopamos en momentos claves da súa vida; sempre presentan unha riqueza interior que nos atrapa. Lembremos a Alba de Veu visitarme o mar, a Inverno de Sol de inverno, a Sibila... e nesta nova entrega Abril Andrade, cos seus sesenta e nove anos que, condenada a unha inexorable morte por cancro, se suma a ese mosaico de grandes mulleres para nos amosar que o importante é meterlle un gol á vida aínda que sexa no último minuto da prórroga e poder dicir: aquí estiven, vivín, son digna parte da historia do universo que habitei.

A autora amósanos outras constantes da súa narrativa como a habelencia no deseño dunha arquitectura narrativa na que ao final todo encaixa, a presenza do desarraigo e a esperanza. Aneiros aínda nas historias máis tráxicas ou nos momentos máis difíciles, como este de Abril Andrade, ábrenos unha porta á esperanza que nos congratula co mundo.

O máis pracenteiro mergullo este verán é somerxerse nas páxinas d’A noite das cebolas e aprender onde temos que tender a ollada para atopar a luz.

Imagen

A noite das cebolas

Autor: Rosa Aneiros

Editorial: Xerais

PVP.: 17,05 €

Nº de páginas: 320

Unha novela redonda

Todo un descubrimento

Fabio Rivas

“Esa noite na casa paira un manto bretemoso de agonía. Seguen as cinco na cociña, máis irmás que nunca, un trebón a piques de desatar nos ollos, mastigando angustias que non saben como han de aliviar.”

Se ben hai poucas semanas falaba por aquí da grata sorpresa que levei ao dar coa narrativa de Juan Parcero, a mesma distinción merecen a tradutora María Alonso Seisdedos (Vigo, 1961), recoñecida con galardóns como o Premio Nacional de Tradución ou os tres últimos Follas Novas, e As Jermaine, a súa primeira novela. A partir desta descubrimos unha voz xenuína que ata o de agora servía exclusivamente de intermediaria para lermos na nosa lingua a autores como Kazuo Ishiguro, James Joyce ou Irene Solà.

Pero desta volta, a man de Alonso Seisdedos dá forma a tres historias ambientadas en tres épocas e tres localizacións diferentes que, unha vez entretecidas, logo de rastros miúdos que a autora vai deixando por entre as páxinas, ensamblan unha sorte de rape and revenge, tan explotado no cinema norteamericano dos 70, que se constrúe mesturando humor e misterio con solvencia e orixinalidade. O retrato psicolóxico dos personaxes resulta inmellorable: as cinco irmás Jermaine teñen personalidade de seu e as remitentes das múltiples misivas da novela, cadansúa escrita individualizada. Ademais, os diálogos, escasos e atinados, respectan o seu cometido e colaboran á perfección no desenvolvemento da trama.

Pero, sen lugar a dúbidas, máis alá destes argumentos que nos trasladan desde as Antillas de 1949 ata a Galicia de comezos de século, tamén cómpre salientar o dominio lingüístico da autora. Tanto a sintaxe como a disposición léxica da novela están puídas coa esixencia dun canteiro sobre un bloque de granito que non moitos son capaces de traballar.

En definitiva, unha estrea estupenda este As Jermaine. Agardemos que sexa tan só o inicio dunha vizosa xeira na creación literaria de María Alonso Seisdedos.

Imagen

As Jermaine

Autor: María Alonso Seisdedos

Editorial: Galaxia

PVP.: 16,72 €

Nº de páginas: 164

Suxestivo texto

Sexualidade, perda, soidade

Estro Montaña

Sigrid Nunez obtivo en 1918 o National Book Award como mellor libro de ficción por O amigo, unha novela narrada por unha autora, profesora de escritura creativa e amiga dun profesor que se suicidou recentemente. O profesor, de ideas resesas e conquistador que tivo tres esposas, encárgalle o coidado do seu can, un gran danés arlequinado, sabendo que ela en realidade é amante dos gatos. O relato balancease entre dous extremos: a historia co can e, por outra banda, a súa actividade literaria, na que abrollan citas de escritores, opinións e reflexións interesantes sobre cuestións como o puritanismo sexual na literatura e na docencia nos EE UU. A convivencia con Apollon -así se chama o animal- tráelle á narradora problemas coa comunidade de veciños, ao tempo que lle depara sorpresas, nun tempo no que ela vai meditando desde o seu apartamento de Nova York sobre as consecuencias do duelo, sobre a amizade, o sentido da vida e o sufrimento do animal, co que vai descubrir o insospeitado afecto que unha mascota pode espertar nun ser humano.

A intensa relación co gran danés está contada cun estilo leve, inzado de afectividade, que contrasta coas páxinas máis ligadas á literatura, nas que a autora emprega unha semántica densa para transmitirnos ideas interesantes, apoiadas en citas cultas.

Libro suxestivo dunha novelista que escribiu unha coñecida biografía de Susan Sontag e que en O amigo nos descobre un mundo inesperado no que abundan os interrogantes, as palabras de escritores como Coetzee, Virginia Wolff ou Kundera, e mais a análise de temas tan diversos como a sexualidade, a perda e a soidade na sociedade actual, nunha clara demostración de que a novela é un caixón de xastre.

Imagen

O amigo

Autor: Sigrid Nunez (Moisés Barcia, trad.)

Editorial: Rinoceronte

PVP.: 19 €

Nº de páginas: 204

Contra o racismo

Un relato coral

María Navarro

A realidade convértese en ficción en Luz. A historia non contada de Jesse Owens e Luz Long, un relato asinado por Francisco Castro que dá conta dun retallo da historia do deporte agora ás portas da celebración da trixésimo terceira edición dos Xogos Olímpicos e que ten como protagonistas ao norteamericano Jesse Owens e o alemán Luz Long. A súa memoria que permanece no imaxinario colectivo vai máis alá da competición deportiva e aniña no eido da amizade e da xustiza e se superpón ao do racismo e á violencia, dúas formas de concibir o trato entre iguais que distan un abismo do que debe ser a relación entre persoas.

Unha poxa pública en Sotheby´s, unhas cartas escritas polo enfermeiro Eric á súa muller Patty dende o Hospital Británico de Campaña en xullo de 1943 onde coñeceu o atleta Luz Long ferido de guerra, as palabras de George Say enviado especial da sección de deportes do The New York Times, o intercambio de epistolar entre Jesse e Long e a vontade ou curiosidade de quen se deixar impresionar polo detalle e polo respecto e recoñecemento das persoas permítenlle ao lectorado descubrir unha historia non contada que ben pode ser un exemplo máis das inxustizas que ao longo do tempo se teñen producido con aqueles que non teñen voz, con aqueles seres invisibles aos ollos dos que gobernan ou dos que camiñan ao noso lado.

O relato coral que vén de publicar a editorial Galaxia na colección Costa Oeste achega a interesante concepción que do texto fai o seu autor, un referente das nosas letras que agasalla unha vez máis aos lectores e lectoras coa palabra feita narración, testemuño, ou manifestación de compromiso, porque a literatura ha de servir e serve tamén para denunciar, enxalzar, homenaxear, comunicar, estimular e conectármonos como cidadáns do mundo.

Imagen

Luz. A historia non contada de Jesse Owens e Luz Long

Autor: Francisco Castro

Editorial: Galaxia

PVP.: 13,77 €

Nº de páginas: 116

Suscríbete para seguir leyendo

Tracking Pixel Contents