Arte: exposicións

Entre o celebrativo e o onírico

O “Monstro vello” de Noa e Lara Castro Lema

Noa e Lara Castro Lema nun momento da 'performance' de 'Monstro vello dos cantares'.

Noa e Lara Castro Lema nun momento da 'performance' de 'Monstro vello dos cantares'. / Carlos L. Bernárdez

O espazo Argonautas 34, coordinado polo artista e galerista Diego Santomé presenta até o 13 de xullo a exposición Monstro vello dos cantares, traballo das irmás Noa e Lara Castro Lema.

Estas dúas artistas forman un colectivo desenvolvendo un traballo performativo moi autorreflexivo que entende a actividade creativa ligada a unha intensa dualidade, marcada pola tensión entre a experiencia vital e o seu contacto co contexto sociocultural, incidindo no relato e no canto como fonte de creatividade. Para ese propósito as artistas seguen estratexias de produción artística performativas entendéndoas como unha serie prácticas que apostan por evidenciaren a relación entre o visual, o corporal e o sonoro. Na obra das irmás Castro Lema a expresión da experiencia, ligada ao familiar e a unha fonda reelaboración da vivencia da cultura popular, desde os relatos orais até as regueifas, é froito dunha actitude analítica na cal o importante é patentizar a vontade de regresión ao pasado persoal, familiar e colectivo.

No Monstro vello dos cantares performance e videocreación son organizadas segundo un camiño que se desenvolve como se fose un percurso que nos leva á contemplación e escenificación de relatos, vida e memoria. A videocreación -e a performance- pode ser entendida como un percurso através da vida e da morte, un relato celebrativo e ao mesmo tempo ateigado de ambigüidade, por medio de espazos e sons que nos transportan a aspectos fulcrais dunha realidade ancestral, o que causa en nós sensacións de ambiguas que, xuntamente coa dimensión visual da creación, propicia pensar a relación natureza-memoria, podendo a primeira servir como substituta da segunda, mais tamén a segunda como substituta da primeira, até completaren circularmente a ambigüidade da memoria.

Paradoxo visual e elucidativo

Alén diso, o papel activo de figuras disfrazadas enxalza a súa presenza, a nosa presenza na realidade, creando un paradoxo que é, ao mesmo tempo, visual e elucidativo, sendo simultaneamente materiais realistas -coa inserción de obxectos cotiáns (roupas) alterados con ironía e sentido lúdico- e, tamen, case non naturais na súa intensa sensación onírica. Todo o traballo está en consonancia cun proxecto orgánico que, en certo modo, o trae de volta á vida amplificando os ecos emocionais.

  • "Monstro vello dos cantares”

    Artistas: Noa e Lara Castro Lema Curadoría: Diego Santomé Local: Galería Argonautas 34 (Rúa dos Argonautas, Nigrán ) Até o 13 de xullo

O labor de Noa e Lara Castro Lema parte no esencial dunha dialéctica entre o espazo e o corpo, complementándose cunha importancia relevante dada á acción e ao aspecto aberto da obra, ben representado na peza Monstro vello dos cantares, con ese fluxo entre o interior -en que está en cuestión é a privacidade espacial e emocional- e exterior -en que se subliña o que está exposto ao público-. Está dualidade está representada dunha forma sinxela e ao tempo expresiva por medio deses traxes tensos e dotados dunha presenza que se move entre o tradicional e o consumo máis convencional. En relación con eles o corpo é entendido na dupla concepción de soporte e resorte para a acción. Estamos, pois, perante un traballo que permite establecer unha dialéctica da que vai nacer a lectura cargada de referencias á memoria, ao mesmo tempo tensa e lúdica.

Noa e Lara Castro Lema,  en diversos momentos da ‘perfomance’  de Monstro velllo  dos cantares.  |  FOTOS:  C. L. B.

Un momento da 'performance'. / C.L.B.

As artistas sitúannos fronte a un tipo de traballo que parte dunha idea de análise da experiencia vital e da memoria etnográfica e que incide en análises de extrema actualidade, no formal e no temático. Unha obra que mestura o pulo vital, o visceral e o conceptual, todo realizado cunha potencia performativa que funciona como resorte en primeiro termo para logo favorecer a reflexión.

Rituais íntimos

A precepción desde o eu, tamén físico, preside as “roupas” convertendo estes vestidos en elementos de transmisión que se fan donos das persoas que se atreven a activalos. Son pezas catárticas percibidas como sombras estáticas até o momento en que se tornan vivas, cando a persoa que se achega a elas sente a “urxencia” de experimentar estas obras poderosas e cargadas de significado.

Deste xeito as artistas afronta o feito creativo como un intento de dar solución a un reto (formal e temático) con fórmulas de intenso contido vivencial que funcionan como liberadores e enriquecedores, como pulo para se mergullar na comprensión e na interpretación do seu mundo e da súa experiencia vital, producíndose unha interrelación de logros formais e desenvolvemento temático.

Mais en medio dese desacougo, entre celebrativo e onírico, relato, regueifa, música e paisaxe aparecen como explícitos territorios para a análise sobre a tradición e o presente. Con eles as artistas activan un particular ritual intimo que é reforzado polo contacto directo co corpo, instrumento que libera o traballo da súa reclusión ao rachar os límites de barreiras invisíbeis, sendo este o seu xeito de engulir e dixerir os discursos tópicos, expulsándoos, para así facer xurdir unha nova realidade, que poida ser fermento de novas formas de creatividade.

Suscríbete para seguir leyendo