Libros recomendados

Crítica literaria

---

---

VV.AA.

  • O SEGREDO DAS IRMÁS ASOREY (2024)

    Marta Estévez, Allariz, Aira Ed., PVP. 20,80€

Boas luvas á medida

Máis do que promete

Iago Fernández

A autora conta cun dos precedentes literarios máis disuasorios de toda a Eurozona: ter chegado a finalista dun Premio Planeta cunha novela aínda sen publicar. Non obstante, O segredo das irmás Asorey dispón dos méritos literarios necesarios para se catalogar coma iso que Sergio Vila-Sanjuán, referíndose ás novelas de Don Winslow ou Umberto Eco, denomina “best-seller de calidade”. O cal quere dicir que certas novelas etiquetadas –ou concibidas– coma best-seller contan con características que redimen a súa presunta falta de seriedade.

Un dos trazos típicos dos best-seller é recorrer a patróns compositivos e temáticos sinxelos de reproducir e dixerir tanto idelóxica coma formalmente. Así por exemplo, Brandon Sanderson, o autor superventas de fantasía épica, nun dos seus últimos libros, Curso de escritura creativa, descobre a súa particular fórmula da Coca-Cola: personaxes + atmósfera + trama. En principio, estas tres categorías serven para se facer un enganoso retrato robot da novela de Estévez: catro irmás compostelás, durante o transo á Segunda República, ocultan o cadáver do seu pai. Ao mesmo tempo, o falecemento da lavandeira que traballa para elas activa unha investigación policial que podería estragar o ocultamento do cadáver.

A novela tamén cumpre con outro dos ingredientes supercalifraxilísticos que Sanderson revela no seu Curso de escritura creativa: a mestura de subxéneros. No seu caso, en Imperio final, a primeira entrega da triloxía “Nacidos da bruma”, mestura o da fantasía épica co dos atracos. Marta Estévez, en O segredo das irmás Asorey Asorey, mestura costumismo con novela histórica e intriga policial.

Agora ben, retomando a proposta de catalogación de Vila-Sanjuán, é certo que a novela de Estévez posúe virtudes que a posicionan literariamente moi por riba dos trebellos de Sanderson: principalmente, a dignidade estilística e a integridade das personaxes. O estilo, dun barroquismo ás veces excesivo, é moi versátil e, por momentos, expresivo: “Bisban as hordas vestidas na súa maioría de negro: seminaristas, viúvas, chorandeiras, orfos, mendigos, prostitutas, monxas, incluso nenos. Bisban coma unha acción antinatural ante o que lles é estraño ou os intriga. Do mercado á casa, da casa ao rosario, do rosario ao lupanar. O importante é o murmurio; o de menos, as palabras”. En canto ás personaxes, a personalidade das catro irmás está suficientemente cincelada para que as súas motivacións non xurdan das imposicións da trama.

Se temos en conta os presupostos literarios dos que parte Estévez, O segredo das irmás Asorey posúe virtudes notables que a distinguen de case todos os aspirantes a best-seller da Casa do Libro.


  • MILENNIALS (2024)

    Raquel C. Pico, Vigo, Galaxia, PVP. 20,20€

A sensación dunha época

Narración e ensaio-reportaxe da “crise” millennial

Lois Alcayde Dans

 O espírito de época é sempre un alento creativo. Quen lles escribe non é dado a gregarismos gratuítos, mais a percepción dunha atmosfera, dunha luz, dun estar, dunha fotografía (como se a vida fora un filme) que recobren unha época son per se materia creativa. Quen le A Señora Dalloway, da enorme Virginia Woolf, non só percibe unha fabulación de epifanía case relixiosa no seu dominio da prosa, senón que intúe imaxes e sensacións propias dunha muller que viviu a Primeira Guerra Mundial, a soidade e a deshumanización da persoa. Toda obra é filla dunha época, tamén co perigo de quedar ancorado nesa época. O ensaio Millennials. Unha xeración entre dúas crises (Galaxia, 2023) é unha peneira nas sensacións pos 11-S, pos 2008, malia que o que escribe, iso si, non concorde coas conclusións do propio libro. A autora realiza unha recompilación de impresións propias e alleas, cun traballo notable de descrición da cultura popular e do anecdótico, tamén relevante para expresar o espírito de época, ao redor de certos tópicos como son o mercado de traballo, o modelo de familia, o audiovisual ou a nostalxia, das cousas mellor tratadas no texto. Todo isto co epílogo dunha crise económica do 2008 á que se lle sumou a crise provocada pola Covid-19. Porén, o máis interesante é non o contido explícito do ensaio, senón o seu indirecto Zeitgeist (palabra alemá tamén empregada no escrito, un “espírito de época”) que o propio enfoque e estilo do libro reflicten, un espello da propia substancia da época que narra cando di que os pais, da xeración precedente, “non tiñan problemas para chegar a fin de mes”. O texto incide en humores e sentimentos ben universais, tamén interesantes, en todas as xeracións: barrido dos matices, centralismo da xeración propia, cambio existencial e paradigmático da historia humana na xeración propia e, ademais, a dor máis grande, tamén, na xeración propia que conta a historia.


  • Poesía e sociedade. Dialogando con Celso Emilio Ferreiro (2024)

    VV.AA., A Coruña, RAG, PVP. 12€

Estética e afán de xustiza

Á fala con Celso Emilio

Estro Montaña

 Co gallo do Día da Poesía, a Real Academia Galega publicou un libriño, no que Víctor F. Freixanes escribe un limiar sobre a palabra solidaria e a íntima unión de poesía e sociedade. O profesor Xesús Alonso Montero, gran coñecedor da poesía civil, en particular, e da literatura comprometida, testemuñal e con sentido ético, en xeral, salienta a importancia de Celso Emilio Ferreiro –autor co que dialogan varios poetas actuais–; o autor de Longa noite de pedra aparece nas súas verbas como faro de esperanza e modelo de pericia formal, igual que outros poetas sociais que, polo seu rigor, para nada se poden cualificar de desleixados na súa loita contra a iniquidade. Explica tamén por que o poeta de Celanova foi escollido como eixo para celebrar este día. A continuación atopamos textos de Anxo Angueira, Rosalía Fernández Rial, Ana Romaní, Oriana Méndez, Chus Pato, Alfonso Pexegueiro, Rafa Vilar e Marilar Aleixandre. Estes autores en activo, pertencentes a xeracións ben distintas, fixeron cadansúa escolla de textos de Celso Emilio, un pequeno comentario sobre eles, e escriben un poema, establecendo así un diálogo enriquecedor, que se converte nun homenaxe á memoria dun autor fundamental da poesía galega. Sen dúbida, cada un coa propia voz, dan alento e son tributarios dunha tradición que ten raíces na Idade Media, acadou notoriedade no Rexurdimento, con Rosalía de Castro e Curros Enríquez, e que cultivaron con distinto acerto poetas coma Manuel María, Bernardino Graña, Méndez Ferrín, Xoana Torres, Antón Tovar ou Darío Xohán Cabana. En resumo: trátase dunha curiosa peza literaria, na que estética e afán de xustiza deveñen indisociables.


  • CHARLOTTE (2024)

    VV.AA., A Coruña, RAG, PVP. 12€

Un canto á vida, á tolerancia e ao amor

Con delicadeza e expresividade

María Navarro

 Grazas á tradución de Tamara Andrés podemos ler na nosa lingua Charlotte, un texto de Consuelo Vercher en palabras da propia autora “un canto á vida, á tolerancia e o amor” e no que a nena de seis anos ou case sete vai presentando como se desenvolven os seus días na casa, no colexio, no parque, no tempo libre; cales son os seus pensamentos acerca do que a rodea; a doenza da súa nai e as lembranzas que xorden a partir da súa perda; así como terá que afrontar o futuro que xa é para ela presente. As persoas que están cerca de Charlotte adozan a súa existencia igual ca ela trata de ir encaixando, con toda a dignidade posible, o decorrer dos acontecementos, de modo que a historia convértese en toda unha lección de vida na que subxace unha filosofía do cotiá realista que para si quixeran moitos adultos. O relato envólvese nunha atomosfera de resignación e aceptación que traspasa as fronteiras da normalidade, pero tamén de confianza nas posibilidades de cada un de cumprir o papel que lle tocou vivir na sociedade, porque á fin a ao cabo hai aspectos que, aínda que o desexemos con extraordinaria intensidade, non se poden mudar ou, polo menos, o cambio leva o seu tempo. O rexistro e o ton elixidos pola autora postos en boca da nena achegan ao volume a frescura necesaria que impón a inocencia e a falta de prexuízos propios dos adultos e que nos nenos queda mitigada pola espontaneidade propia da idade, convertendo a historia nun tenro relato que a nivel de ilustracións vén acompañado de imaxes suxerentes de momentos clave, de esceas que resaltan o contido e de detalles interesantes que engaiolarán o lectorado pola delicadeza do trazo e a expresividade dos xestos no que constitúe todo un acerto de Clara Encinas que escolle o branco e negro cunha pingas de cor como proposta plástica.

Suscríbete para seguir leyendo