Os de fóra
As facturas do colonialismo

Emigrantes irlandeses nos Estados Unidos (comezos do s. XX). / Arquivo
As sociedades europeas están a trocar a súa poboación coa chegada de persoas de países diversos. Sirvan dous exemplos ben distintos. O primeiro, o xogador máis destacado na recente final da Copa do Rei de fútbol foi Nico Williams, un futbolista vasco fillo de pais nacidos en Ghana. O segundo, experimentado persoalmente o pasado setembro en Aqualva-Cacem, un concello dormitorio na periferia de Lisboa: o vestíbulo da estación de tren podería ser o dunha vila de Angola ou Mozambique.
Na balanza social e económica que as novas migracións provocan temos, dunha banda, que o sector autóctono menos favorecido recibe uns servizos –pagados en diñeiro negro moitas veces– aos que anos antes non podía ter acceso: coidado de maiores, limpeza doméstica... Uns traballos –como a dependencia ou o reparto a domicilio– que a poboación autóctona xa non estaría disposta a facer.
A globalización da economía, a baixa natalidade occidental e mais os excedentes demográficos de moitos países do Terceiro Mundo están a provocar esta chegada de estranxeiros na procura dun futuro mellor. Normalmente, os fluxos de chegada proceden de países con afinidade cos de destino por ter sido metrópoles colonizadoras. Así, os latinoamericanos en España ou os africanos en Francia, os surinameses nos Países Baixos ou etíopes e eritreos en Italia. Con todo, hai uns colectivos que escapan a tal consideración –caso dos chineses ou dos paquistanís- que se trasladan movidos por redes que escapan ao coñecemento e ao control das autoridades.
Resulta un comportamento lóxico ese de ollar a cadansúa metrópole. Non obstante, houbo un fenómeno que escapa a tal cousa. Xa sabemos que a memoria –e máis a memoria colectiva– ten as patas moi curtas. E iso foi o que sucedeu hai uns meses en Irlanda, país de tradición emigrante desde hai dous séculos, primeiro cara a América despois das fames da pataca (1845-1849) e xa no século XX a Gran Bretaña. Un incidente illado, o ataque dun cidadán nacido en Alxeria contra diversos nenos, provocou unha explosión de xenofobia alentada por sectores de extrema dereita. Co berro de “Os irlandeses primeiro”, grupos ultranacionalistas provocaron disturbios –con queima de mobiliario urbano, tranvías e coches da policía– . Estes disturbios tiveran un precedente cando en setembro douscentos extremistas bloquearan o Oireachtas (parlamento). E déronse dous paradoxos: quen conseguiu reducir o agresor foi un home brasileiro chamado Caio Benicio, que traballaba de repartidor despois de chegar desde o seu país onde perdera o seu negocio; e segunda, de forma insólita, o goberno pediu á policía de Belfast un canón de auga para dispersar os alborotadores. O sentimento contra os inmigrados (hoxe un 17% da poboación irlandesa) é tan forte que un hotel de Galway, que tiña que acoller un grupo de novos chegados, foi incendiado.
As causas son coñecidas dabondo: o aumento dos alugueres e o descenso (ou non aumento) dos salarios a causa da competencia que os chegados supoñen. Iso sen contar a degradación dos servizos sociais (non adaptados en volume á nova situación) e a disputa das subvencións sociais coa poboación autóctona desfavorecida. Unha situación provocada polas políticas neoliberais que –no caso de Irlanda– son impulsadas polos partidos que fixeron a independencia hai un século.
Naqueles mesmos días, en Francia choraban a morte dun mozo durante unhas festas na Droma (Occitania), feito que foi aproveitado por grupos de extrema dereita para sinalar inmigrantes supostamente non integrados como os causantes. Un sector político representado por Rassemblement National que anos atrás lamentou que a selección francesa de fútbol fose “pouco branca”. Os que ollan a palla en ollo alleo e esquecen a traba no propio, cando os franceses brancos e católicos dominaban con despotismo en Alxeria e noutras partes de Africa (de maneira non moi diferente á de ingleses e españois). Agora láianse da pobreza que traen os inmigrantes porque, no fondo, lles están a disputar as migallas do sistema.
Suscríbete para seguir leyendo
- Bañeras de mármol y piezas de la balaustrada de hace un siglo entre los restos del derribo del antiguo balneario do Outeiro: la Xunta pide a la Policía Autonómica que acuda al inmueble
- Tres apagones tras una avería eléctrica dejan sin luz a miles de vecinos y negocios en el centro de Vigo
- Se entrega en la Guardia Civil tras 20 días fugado el conductor que embistió a un coche de la Policía Local en Salceda
- Los camiones del Combo Dominicano se atascaron en Trives pero la orquesta tiró de entrega y talento para mantener la gira: «Nos hicisteis disfrutar igual que siempre»
- El eclipse desde los cielos gallegos: un avión privado desde Suiza a Peinador, dos A400M militares franceses y decenas de avionetas en el interior
- «Ha sido una de las mejores experiencias de mi vida»: Óscar Pereiro conquista el Camino con su hija Catalina
- Restaurantes y hoteles vigueses ya cuentan con una lista negra de clientes conflictivos
- Roca Rey y José Tomás, dos figuras para dos «No hay billetes»
