Vangarda a contrafío
Jazz na España de posguerra

Pedro Iturralde (1929-2020) ao saxo. / Arquivo
Escribía Leonard Feather na súa Nova Enciclopedia do Jazz (1960) que España foi un deserto para este xénero musical; apenas incluía dous instrumentistas españois: o pianista catalán Tete Montoliu e mais o saxofonista navarro Pedro Iturralde. Tal vez unha das causas fose que apenas tivo tolerancia oficial tanto no momento da súa eclosión (ditadura de Primo de Rivera) como despois da Guerra Civil.
O jazz (e o seu derivado o swing) sempre foi visto, desde os nacionalismos, como unha música allea ás tradicións, cando non abertamente dexenerada, posiblemente porque negros e xudeus foron os seus principais impulsores. Recentemente, e co gallo das súas actuacións en Barcelona e Madrid, o pianista cubano Roberto Fonseca recoñecía que ata 1994 o xénero estaba censurado en Cuba e que el conseguira formarse grazas á afección da súa nai e á tolerancia da súa profesora de piano rusa. De xeito semellante, boa parte das esquerdas considerárono un símbolo capitalista.

Tete Montoliu (1933-1997) ao piano. / Arquivo
O jazz foi o primeiro xénero musical de raiceiras urbanas e condición transnacional. Chegou a Europa coas tropas norteamericanas destacadas despois da I Guerra Mundial. Non só Londres e París acolleron os novos ritmos: tamén Alemaña os fixo seus nas radios e de aí, aos cabarés. En España, a primeira formación (documentada) que interpretou este estilo foi un quinteto de Anglès (La Selva, Xirona) en 1923. A Exposición Universal de Barcelona de 1929, coa chegada de moitos visitantes estranxeiros, axudou á súa expansión. Incluso as formacións de sardanas, as cobles, que nas festas maiores se reconvertían en orquestras de baile, incorporaron os ritmos de moda. O jazz fora acollido por unha parte da vangarda catalá cando en 1928 S. Gasch, S. Dalí e Ll. Montanyà asinaron o Manifest Groc, no que o defendían fronte ao “sentimentalismo enfermizo” do Orfeó Català. Nos anos seguintes fundáronse, a imitación de Francia, diversos Hot Club: primeiro en Barcelona e despois en Bilbao, Valladolid, Valencia e Madrid (este reaberto en 1948).
Despois da Guerra Civil, o único colectivo que sobrevivira foi o Club de Jazz de Granollers, que retomou as súas actividades en 1946. Houbo un insólito intento de impulsar un Hot Español, que promoveu un concerto no Palau de la Música barcelonés en 1941; doutra banda, a revista Destino (fundada por cataláns de Burgos en 1937) acolleu diversos artigos sobre jazz. Tal circunstancia animou a un grupo de afeccionados ao xénero –entre eles antigos membros de ADLAN e da revista L’Amic de les Arts- a constituír o Club 49 do Hot Club de Barcelona. Desde os seus inicios, esta agrupación contou co concurso do grupo Dau al Set, formado e animado por artistas adscritos a un segundo surrealismo: A. Tàpies, M. Cuixart, J. J. Tharrats, J. Ponç, J. Brossa e J. E. Cirlot. Ben axiña contaron coa colaboración de artistas do grupo El Paso (A. Saura, M. Millares e E. Sempere entre outros). Eran anos da saída da guerra mundial e da autarquía española e non resultaba doado atopar discos. Un dos poucos locais que ofertaba gramola para jazz era o Bar Edén, no Barrio Chino. E nun ambiente máis selecto, cómpre sinalar a presenza da orquestra do xudeu francés Bernard Hilda no Hotel Ritz, co concurso do saxofonista Don Byas, habitual en jam sessions en garitos nocturnos.
Co impulso decisivo de Alfredo Papo (milanés de ascendencia sefardí), o Club 49 organizou catro Salóns de Jazz entre 1951 e 1957. O formato era semellante en todos eles: obras plásticas acompañadas de cadanseus texto e disco de jazz. E, en paralelo, a organización de concertos de primeirísimo nivel aproveitando as viaxes a Europa das figuras máis salientables do jazz: Big Bill Broonzy, Lionel Hampton (con Porgy and Bess no Liceo), Louis Armstrong (catro concertos en 1955), Count Basie, Duke Ellington ou Mahalia Jackson.
Esta pequena historia, cos seus correspondentes materiais, está en El jazz i l’avantguarda artística de postguerra, de Aitor Quiney, modelicamente editado polo Gremi de Llibreters de Vell de Catalunya.
A connotación racista foi, sen dúbida, a principal eiva que entre nós –dito en sentido lato– tivo que aturar o jazz para ser considerada unha música normal, un xénero máis. Pero se nos seus inicios no caso de Madrid, aló por 1927, o grupo que tocaba nos baixos do Hotel Palace era alcumado de “orquestra de negros”, os ecos do pasado colonial español axudaron a que este xénero chegado desde os Estados Unidos tivese unha adaptación relativamente doada en moitas formacións españolas.
Ao cabo, tanto durante o derradeiro período colonial como despois da independencia de Cuba, diversos ritmos executados en España bebían do perpiaño africano (a síncope, fundamentalmente) en ritmos como a rumba ou o mambo. Incluso nun cerramento do circuíto, na década dos 30 actuaron grupos cubanos de jazz que beberan nas fontes de Nova Orleans e Nova York.
Esta cuestión foi retomada polos artistas de Dau al Set, que fixeron da negritude –daquela xeira de actualidade polos conflitos contra a segregación nos Estados Unidos– unha marca da súa expresión plástica. Unha recuperación á que non era allea, no caso da sociedade barcelonesa, a importante participación de industriais cataláns na pasada presenza en Cuba e presente na Guinea Ecuatorial española (sen esquecer o labor dos misioneiros claretianos, congregación de orixes catalás).
Suscríbete para seguir leyendo
- Sargento Matanza, el militar que hará el salto de precisión en paracaídas el Día de las Fuerzas Armadas: «Me tiro una media de cinco veces al día»
- La Xunta recomienda mascarillas y gafas en la calle ante la llegada de partículas en suspensión del Norte de África
- Olalla, acogedora de dos hermanos con dedicación exclusiva: «Ni lo haces por ti ni por trabajo o vocación, es una forma de vida»
- Los científicos alertan de que el megayacimiento de gas entre Mauritania y Senegal, la infraestructura más profunda de África, pone contra las cuerdas a la pesca
- Una boda de altura, mucho baile, visita a Urgencias y una luna de miel sobre ruedas
- El Día de las Fuerzas Armadas en Vigo, minuto a minuto
- Armón Vigo se estrena en buques militares con la botadura del «HMS Sälen», el primer barco para la Armada de Suecia
- La Comisión Europea plantea que los aeropuertos de Oporto y Santiago no puedan ofrecer ayudas a las aerolíneas
