Museos

O zapato e a vida

Museo do Calzado de São João da Madeira

Vista dunha das salas do museo.

Vista dunha das salas do museo. / FdV

En São João da Madeira –integrada na área metropolitana do Porto desde 2004– perviven aínda antigas industrias tradicionais de Portugal que forman parte da historia do país e que poden coñecerse a través da súa rede museística e mesmo visitando algunhas fábricas. Un destes espazos emblemáticos é o Museu do Calçado, que retrata a memoria desta actividade no municipio, a realidade do deseño destes artigos no século XX e os camiños da vangarda tecnolóxica abertos no século XXI. Pero antes de falarmos do calzado e da súa traxectoria, é necesario facelo do edificio no que se sitúa, posto que o museo naceu dentro das antigas instalacións da empresa Oliva. Todo un bastión da metalurxia portuguesa, a empresa formou parte da vida de miles de traballadores que desde 1925 axudaron a construír unha historia en paralelo asociada para sempre ás máquinas de coser chamadas así, Oliva.

O zapato  e a vida

Andel con zapatos. / FdV

Fundada por António José Pinto de Oliveira, desta factoría sairían tamén, ao longo de máis de oitenta anos, apeiros agrícolas, equipos para a industria da sombrerería, tubos para canalizacións, cociñas, ferros, prensas para o viño, radiadores, equipos para lavandeirías, motores de explosión de pequena cilindrada e moitos outros obxectos e máquinas. Oliva chegou a ser unha das empresas europeas máis dinámicas, e no imaxinario colectivo quedan os centenares de tendas abertas ao longo do país luso, así como os propios concursos e mesmo películas que patrocinaba a marca. Este lugar de patrimonio e identidade que São João da Madeira non quixo perder, foi rehabilitado e renaceu para novos usos, como ser depositario da memoria industrial tanto local como nacional.

"O museo organiza visitas de carácter temático"

Neste edificio emblemático está un museo que vai máis aló de albergar unha simple colección de obxectos. É un espazo interactivo que permite aprender e experimentar a través do percorrido expositivo. Desde a orixe do recubrimento dos pés ao tipo de materiais que se empregaban e os diferentes utensilios propios do oficio de zapateiro, a historias de vida das xentes locais consagradas á artesanía de elaboraren calzado para diferentes usos: nos traballos do campo, no día a día, nas faenas domésticas, nas xornadas de festa. Tamén hai un apartado dos zapatos na arte ou unha explicación da traxectoria da marca Luís Onofre, convertida nun selo de referencia internacional. Por iso neste museo peculiar dialogan as mans experimentadas do oficio e mais a creatividade dos novos deseñadores. Cóntase a historia do calzado ao longo do tempo e coñécense vidas dedicadas aos zapatos e zapatos que marcaron vidas.

Vista dunha das salas  do museo.  De arriba abaixo:  andel con zapatos; panel explicativo; ferramentas  do oficio.

Panel explicativo. / FdV

O espazo conta con numerosas actividades ao longo do ano, ademais de exposicións temporais e itinerantes, unha biblioteca e visitas guiadas, mesmo a través da web. Dividido en cinco áreas, a exposición permanente presenta unha zona dedicada á fabricación tradicional e outra envorcada na produción industrial. Noutro apartado o visitante pode retroceder por un túnel do tempo para coñecer a evolución dos zapatos desde a prehistoria ata o final do século XX. Así se pode saber que a sandalia foi o primeiro calzado e evolucionou desde unha simple tira sobre o pé ata modelos máis complexos. Os interesados mesmo poden crear unha sandalia real a través da técnica de dobrado e pegado dunha tira de coiro. Xa a cuarta área expositiva presenta obxectos producidos polos principais deseñadores de todo o mundo e historias de zapatos insignes. Finalmente, a última sección está dedicada á produción artística contemporánea, onde se presentan obras de artistas nacionais e internacionais co zapato como inspiración.

O zapato  e a vida

Ferramentas do oficio. / FdV

Para que a experiencia sexa máis interactiva, o museo organiza visitas temáticas que poden concertarse ao longo do ano. “O ofício do sapateiro”, “Histórias dunha passadeira vermelha” ou “O que é nacional…” son algunhas delas.

[object Object]

São João da Madeira desempeñou un papel fundamental no pasado industrial do país. Durante os séculos XIX e XX converteuse nun importante centro de produción que exportaba milleiros de zapatos e outros produtos de alta calidade a todo o mundo. A industria do calzado floreceu nesta terra grazas á habilidade artesanal dos traballadores locais e ao enfoque empresarial na innovación e a calidade. Dos pés á cabeza, o concello ten moitas historias que contar.

Do espírito emprendedor da localidade tamén dá testemuño o Museu da Chapeleria, único na península. No espazo museolóxico están as imaxes, os mecanismos e as pezas que ilustran o modo de produción dos chapeus, pero tamén a dimensión humana, social e cultural dunha comunidade para a cal esta ocupación tivo desde sempre un papel relevante. O museo exhibe unha gran colección de chapeus históricos, máquinas antigas utilizadas na fabricación de tocados e outros obxectos relacionados con esta industria. Os visitantes poden saber acerca da evolución do deseño das pezas que cobren a cabeza, os materiais empregados e os procesos de fabricación, así como a súa importancia cultural e social. Ademais da exposición permanente, o museo organiza mostras temporais e actividades interactivas, o que brinda unha experiencia dinámica e inmersiva. Tamén é posible crear un chapeu propio.

Suscríbete para seguir leyendo

Tracking Pixel Contents