Arte: publicidade

José Arija en Galicia

Un artista ao servizo da marca Mondariz

Autorretrato publicado en "Blanco y Negro" (1904).

Autorretrato publicado en "Blanco y Negro" (1904). / Arquivo

Alberte Reboreda

Jose Arija Sáinz (Burgos 1872-Madrid 1920) foi un ilustrador, gravador e decorador modernista que acadou moita notoriedade en Madrid a finais do s. XIX e principios do s.XX. Formado inicialmente na Academia de Debuxo do Consulado, cursou o bacharelato na súa cidade natal na especialidade de artes, no Instituto de Ensino Medio, onde comezou a destacar no debuxo a pluma.

Tempo despois trasládase a Madrid, onde foi discípulo de dous grandes artistas españois de finais do XIX: o escultor Ricardo Bellver e o arquitecto e decorador Arturo Mélida. A principios do s. XX, Arija convértese en colaborador habitual da prestixiosa revista Blanco y Negro, onde se fixo responsable de boa parte das ilustracións xunto con outros debuxantes, pintores e escultores de renome como Alberti, Juan Francés, Xaudaró, Santiago Regidor, Sancha, Coullaut Valera, Martínez Abades, Eugenio Chiorino ou Eulogio Varela. O noso artista tamén publicou os seus traballos na revista ilustrada La Gran Vía (1893-1895), fundada polo dramaturgo, poeta e xornalista sevillano de ideoloxía progresista Felipe Pérez y González. No outro lado da balanza daquela sociedade de principios do s.XX, os seus servizos foron requiridos polo elitista Casino de Madrid, onde se encargou dalgunhas das pinturas do seu salón de baile.

Éxito e recoñecemento

O éxito e mais o prestixio acadado por Arija explican que no ano 1896 o goberno lle conceda a Cruz de Cabaleiro da Orde de Carlos III en recoñecemento da súa dedicación artística, e oito anos máis tarde recibe a primeira medalla na sección de Arte Decorativo na Exposición Nacional de Belas Artes polos seus debuxos e deseños, a meirande parte deles publicados en Blanco y Negro.

Ademais de debuxante, José Arija destacou tamén como gravador. Non en van, tal e como sinala Brasas Egido (2005), gañou por oposición a praza de gravador na Fábrica Nacional de Moeda e Timbre. Non será a única responsabilidade docente que ocupe, xa que tamén se fará cargo da praza de profesor de modelado e baleirado da Escola Central de Artes e Oficios. Outra das obras polas que Arija pasou á historia da arte peninsular é por ser autor dos magníficos deseños que locen as paredes e mais o teito do salón de festas do Edificio Blanco y Negro de Madrid, que inclúen o despacho do fundador, Torcuato Luca de Tena. Nesa sala pública destacan as pinturas de tres alegorías femininas con cabelos desabolados que representan a Prensa, a Ilustración e a Literatura.

Autorretrato, publicado en Blanco y Negro (1904). Primeiro logo modernista de Aguas de Mondariz,  feito por Arija.  |  FOTOS: ARQUIVO

Primeiro logo modernista de Aguas de Mondariz, feito por Arija. / Arquivo

O vínculo entre José Arija e Galicia –en particular co Balneario de Mondariz– data de 1899, ano no que o pintor burgalés recibe o encargo de deseñar as capas do Álbum-Guía Mondariz. A contracapa desta publicación pasará á historia por incluír o deseño modernista que acabaría sendo o logotipo publicitario do balneario e das súas augas minerais durante un cuarto de século. Alén diso, o logo deseñado polo artista burgalés será a primeira imaxe gráfica de Mondariz, aparecendo en forma de fundición calada na Fonte de Troncoso, sobre azulexo na Fonte da Gándara e, de novo en fundición, no quiosco da música situado nos xardíns do Gran Hotel. En palabras de Pérez Sánchez (2008) “o gravado de Arija está formado pola botella de augas de Mondariz tecida co H e o P de “Hijos de Peinador” e rodeada coa lenda: “Aguas de Mondariz” coa mesma tipografía modernista. Como en toda tradición inventada, Mondariz crea os seus signos identitarios. Este motivo aparece en varios edificios do establecemento (...) estamparase nas etiquetas das botellas de auga, utilízase como timbre nos documentos do establecemento e folletos publicitarios, e adorna os stands promocionais das augas en exposicións nacionais e internacionais”.

Enreixado modernista

O comisario de exposicións David Barro (2018) define o primeiro logo de Mondariz como “unha sorte de enreixado modernista arredor dun círculo que sitúa a botella no seu interior” e o prestixioso deseñador Pepe Barro (2018) matiza: é “un círculo repleto de caligrafía modernista ensarillada, todo moi ilexible pero moi glamuroso”. En realidade, o deseño mondarizán de José Arija bebe dalgúns dos mandamentos estéticos do art noveau: a inspiración na natureza e a utilización de elementos desa orixe (as formas redondeadas e entrelazadas de tipo orgánico), o uso da liña curva, a estilización dos motivos, a sensualidade e o exotismo.

Xa que logo, Arija figura tamén na nómina de pintores vinculados ao Balneario de Mondariz xunto a colegas como Castelao, Pradilla, Casanova, Eduardo Alba, Donati, Corredoira, Imeldo Corral, Llorens, Sorolla ou Blanchand. Este vínculo con Mondariz foi recordado nun número especial de La Temporada, publicado con motivo do 50 aniversario do Balneario, que se celebrou en xuño de 1923.

[object Object]

Coa chegada da industrialización a Galicia no século XIX e o aumento da poboación urbana, o noso país sobe ao carro do capitalismo e da produción de bens de consumo masivos. Nese contexto as marcas e as súas imaxes gráficas xogan un papel crucial, ao proxectar distintivos ou composicións tipográficas representativas das empresas que as fan recoñecibles e populares entre o gran público. Velaí os exemplos senlleiros de Cabreiroá, Massó, Sargadelos, Mondariz ou Adolfo Domínguez. O logotipo modernista deseñado para o balneario do Tea por José Arija, xunto coa alegoría feminina -tamén de estilo modernista- que Manuel Alcázar realizou no ano 1906, e a imaxe que deseñou a axencia madrileña Maga en 1924, que mostra un home abrazado a unha botella de auga mineral, pasaron á historia como as tres imaxes de marca máis icónicas de Mondariz ata os nosos días. Tres símbolos gráficos que renovaron a imaxe dunha empresa con 150 anos de historia; tres emblemas que representan o chimpo que esta auga mineral deu dos estantes das farmacias aos lineais dos supermercados, deseño e modernidade mediante.

Suscríbete para seguir leyendo

Tracking Pixel Contents