Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Entrevista
Lois Pérez Leira Investigador da emigración galega en América

“A RAG ten materias pendentes coa cultura galega en América”

Lois Pérez Leira, estes días en Vigo. J. Lores

Dezasete libros, millares de artigos e máis de vinte documentais avalían a traxectoria de Lois Pérez Leira na investigación da historia da emigración galega en América, á que leva dedicados 56 anos da súa vida.

–Ten dito Vde. que lle farían falta sete vidas para poder pescudar nas historias máis interesantes dos emigrantes e exilados galegos en América…

–E quedeime curto. Galicia é un dos países do mundo que, proporcionalmente, produciu un maior volume de emigrantes, e a maioría deles cara a América.

–A partir de cando se pode falar, masivamente, de emigración galega a América?–

–A partir de mediados do século XIX. Nesa primeira etapa, houbo que construír centros de atención sanitaria e hospitais, porque os galegos que chegaban a América, a maioría procedentes de aldeas pequenas, adoitaban caer doentes nas primeiras semanas debido a que, loxicamente, non tiñan desenrolados anticorpos contra as enfermidades tropicais, que se daban moito, nomeadamente en Brasil e Cuba. Superados eses problemáticos inicios, tanto os propietarios das empresas nas que traballaban como os propios emigrantes propiciaron a creación das sociedades benéficas, entidades mixtas onde participaban galegos e tamén emigrantes procedentes doutros lu¡gares de España.

–Esa onda emigrante foi a pioneira, pero é que despois se converteu nun, chámemoslle, “fenómeno social...

–Talmente. Pódese dicir que foi a principios do século XX cando estalou a emigración masiva dos galegos a América. E, coma na anterior onda, a maioría viñan de zonas moi atrasadas onde non había colexios e, polo tanto, na súa meirande parte eran analfabetos. Foi por ese motivo polo que se foron creando entidades pequenas, a xeito de parroquias, que servían para recibir notícias da aldea: quen casaba, quen finara, que tal as festas, etc. Daquela dicíase que non había barco que chegara a América onde non houbese unha gaita. Foron esas pequenas entidades, que antes citaba, as que, decatándose de que había unha cuestión pendente de Ensino e Educación, promoveron varias iniciativas, e unha das tarefas máis importates que levaron a cabo foi a da construción de escolas e incluso de centros de Formacion Profesional, para que os galegos tiveran saídas laboráas; simultaneamente, tamén se deu pulo aos primeiros centros galegos na emigración.

–E velaí onde entra a cultura...

–Pois si, porque, da man da gaita, as primeiras activides foron musicais, aínda que tamén teñen moito interese os cantos populares, porque de feito pódese dicir que grupos de gaiteiros, pero tamén coros, corais e orfeóns, representaron as primeiras expresións da cultura galega en América. Dito o anterior, tamén hai que sinalar que, aínda que a maioría de emigrantes galegos eran analfabetos, con eles tamén chegaron a América intelectuais, escritores, artistas, xornalistas…influenciados olas novas ideas, nomedadamente as da masonería, dende a que se potenciaba precisamente a Educación. De maneira que, ademais de centros sanitarios, escolas, e centros culturais, axiña non tardaron en xurdir xornais, escritos en galego, en castelán, ou bilingües, nos que se formaron moitísimos futuros escritores e artistas, non só galegos, senón tamén americanos (véxase os casos de Cortázar ou García Márquez, do que ben se sabe que tiña unha avoa galega.

"Hoxe en día, para a terceira xeración, acadar a identidade galega é un prestixio"

decoration

–Ademais de Arxentina, Uruguai, Cuba…outros países acolleron emigrantes galegos. Vde. mesmo cita a García Márquez, en Colombia.

–Si, porque os galegos eran man de obra barata, e en América Latina había actividades para as que se necesitaban traballadores fortes e dispostos a aturaren as peores condición laborais. Houbo tres feitos importantes nos que participaron: a construción do Canal de Panamá (no que morreron centos de galegos), a construción do tren en Brasil, e a “febre do caucho”, (o caucho, daquela o ouro verde). Cando se produciu a crise do caucho, a maioría dos galegos que traballaban alí marcharon a outras zonas do Brasil, ou a Iquitos, en Perú. Toda esta xente traballou en condicións laborais de semiescravitude e foron “reclutados” nas propias aldeas onde vivían polos axentes das compañías, con promesas falsas.

–Os centros galegos chegaron a ser un puntal na propia cultura de países como Arxentina. Cal é a situación na actualidade, nomeadamente en Bos Aires?

–O fluxo migratorio hai tempo que rematou, xa non chegan galegos, e o 20 por cento dos supervivintes da primeira xeración ten máis de 80 anos, e a maioría son xa fillos ou netos. A isto hai que engadir os efectos que tivo a pandemia do Covid, que mantivo pechados durante dous anos os centros galegos, onde apenas houbo renovación xeracional. Iso non significa que non se manteñan as tradicións cos coros, os cursos de gaita, pandeireta, de lingua …Un exemplo é a pervivencia e activismo da Federación de Sociedades Galegas en Arxentina (cun coro, unha orquetra sinfónica, cantareiras, grupo de baile, escola de gaitas, teatro...) e outras entidades como Residentes Vigueses. Polo tanto, as novas xeracións, e mesmo xente non galega, tamén participa. E hai que poñer énfase na terceira xeración, porque está constituída por millóns de persoas de orixe galega;na Arxentina cáseque non hai familias nas que non haxa avós galegos ou italianos, calcúlase que ata sete millóns. E estes netos están na procura da súa identidade, cunha Galicia desenrolada que a maioría xa visitou algunha vez. Xa non é a Galicia da pobreza e o analfabetismo. Nesta altura ,ser galego é un prestixio para eles.

–Vde. coida que a Real Academia Galega ten unha especie de materia pendente coa cultura galega na emigración e o exilio. Porén, a RAG xa lle dedicou o Día das Letras Galegas a Luís Seoane, a Dieste e, hai pouco, a Florencio Delgado Gurriarán…

–Si, pero non é suficiente. Hai un senfín de escritores galegos que están esquecidos. En primeiro lugar, podemos falar de Ramón Suárez Picallo que, se ben ten pouca obra en galego (tampouco a tiveron otros homenaxeados como o propio Manuel Murguía), foi unha das peroas que máis difundiu a cultura galega no exterior, e, porén, na historia oficial xoga un inxusto papel secundario. Por outra banda, están escritores e poetas excepcionais como Emilio Pita, Pepe Velo, Fuco Gómez, Avelino Díaz, Ramón Rey Baltar (que escribiu o primeiro libro en galego durante o franquismo), Antón Zapata Garcí, Fortunato Cruces. ..A RAG ten que pensar neles porque todos fixeronn grandes esforzos para difundiren o galego, pero o que eu noto é unha grande indiferencia.

–Algúns de certo que mrecerían un Día das Letras Galega, pero igual sería boa idea dedicarlles un ano a todos eles.

–Pode ser colectivo ou individual, pero hai algún, como os xa citados e outro que me quedou pendente, Arturo Cuadrado, que merecen de seu un Día. Cuadrado foi unha das figuras culturais máis importantes da Arxentina. Cando chegou a Bos Aires, onde o esperaba Seoane, do primeiro que falaron é da necesidade de crearen editoriais. De feito, fundaron a editorial máis importante da Arxentina, MC, posteriormente chamada Botella de Mar, e deron pulo á revista Correo Literario, na que debutou Julio Cortázar, entre outros.

Compartir el artículo

stats