Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Revistas

Cultura e modernidade

100 anos da "Revista de Occidente"

A tertulia de "Revista de Occidente". Arquivo

Os xornais de información xeral poden transcender as épocas e mais os accidentes do tempo porque adoitan estar vinculados a unha sociedade local, que os apoia coa publicidade. En troques, resulta insólito que unha revista de reflexión -que non de divulgación- sobre letras, artes e ciencias acade os cen anos superando os atrancos provocados polos cambios sociais -de maneira vexetativa- e por unha guerra e unha ditadura -de maneira cruenta-.

Revista de Occidente, a publicación fundada por José Ortega y Gasset, vén de acadar a fita de chegar ao século de vida. Claro está que por medio houbo un baleiro entre 1936 e 1963, cando ao abeiro da Lei de Prensa viu novamente a luz durante doce anos, aos que seguiron unha nova paréntese de cinco ata que en 1980 apareceu de novo, xa deica os nosos días e en formato impreso, non dixital.

Esta publicación non chegou soa. José Ortega y Gasset naceu nunha familia vinculada á política e mais á prensa tanto por parte paterna como materna, que se remonta ao seu avó pontevedrés Eduardo Gasset Artime, fundador de El Imparcial, cuxa filla, Dolores Gasset, casou co director do xornal, José Ortega Munilla. Estes vimbios tiña Ortega y Gasset cando, malia a súa dedicación profesional á docencia universitaria, iniciou unha particular aventura no mundo da prensa coa revista España (1915-1924) e despois co xornal El Sol (1917-1939), sen dúbida o máis moderno e influínte da súa época.

José Ortega y Gasset (1883-1955).

José Ortega y Gasset (1883-1955). Arquivo

Pero como manifestaba no seu primeiro número, Revista de Occidente era unha publicación necesaria en tanto que espazo de reflexión alén da condición inmediata e da “interpretación superficial e apaixonada [dun] xornal” e baseada no “rigor, equilibrio, moderación e incluso inexpugnable da liberdade de expresión e de pensamento”. Cuns contidos culturais e científicos destinados a España e Hispanoamérica, aberta a todos os correntes de pensamento sempre que aportasen modernidade, incluso con persoeiros que anos despois se situaron na extrema dereita (R. Ledesma Ramos, E. Giménez Caballero, E. Montes). Pero con todo, non pretendía un contido nin “meramente literario, nin co ceño engurrado no científico”.

Revista de Occidente, comandada polo seu secretario de redacción Fernando Vela, actuou de elo entre as xeracións do 98 (Azorín, Baroja) e do 27 (Albertí, García Lorca) con algúns da intermedia como Gómez de la Serna. Grazas a unha boa nómina de tradutores, puido incorporar ás súas páxinas traballos de colaboradores estranxeiros como Russell, Freud, Einstein, Le Corbusier, Zweig, Valéry, Cocteau, Wolf, Mann, Kafka ou Conrad. Entre os ilustradores cómpre salientar a M. Mallo, Barradas, Ocampo , Almada Negreiros, N. Borges ou B. Palencia. E entre as colaboradoras, M. Zambrano e R. Chacel. O papel central da revista estaba flanqueado polo xornal El Sol e pola editorial Espasa-Calpe, que publicou libros senlleiros como Romancero gitano, de F. García Lorca; Cántico, de J. Guillén; Cal y canto, de R. Alberti; ou Víspera del gozo, de P. Salinas.

Portada do número 1 da "Revista de Occidente".

Portada do número 1 da "Revista de Occidente". Arquivo

Desde os presupostos xerais da liberdade de pensamento e de expresión, Revista de Occidente nunca entrou no campo da política cando o réxime da Restauración estaba en crise, un distanciamento que era polo convencemento de “que a política non aspira nunca a entender as cousas”. Pero en 1930 Ortega y Gasset publicou un artigo demoledor, “Delenda est Monarchia” e en abril do ano seguinte a publicación púxose do lado do novo réxime. O propio Ortega y Gasset fundara unhas semanas Agrupación ao Servicio da República con G. Marañón e R. Pérez de Ayala.

No mes de xullo de 1936 Revista de Occidente publicou o seu derradeiro número da primeira etapa. A súa sede foi espoliada por ambos bandos contendentes na guerra. Ortega y Gasset partiu cara ao exilio. Ao seu regreso rematada a contenda, non acabou de encaixar nos esquemas culturais impostos polo franquismo. A plataforma orteguiana, recuperou a condición de referente orgánico ao servicio da liberdade coa reaparición da publicación en 1963 e con Alianza Editorial, que deu paso xa nos anos da Transición á fundación do xornal El País.

De costas

Se repasamos a presenza galega en Revista de Occidente, na súa primeira etapa ata a Guerra Civil é francamente escasa e ademais indirecta. Apenas un artigo de Francisco Javier Sánchez Cantón (“Centenario de Don Antonio Ponz”, núm. 17, 1924) e outro de Evaristo Correa Calderón (“Teoría de la Atlántida”, núm. 152 e 152, 1936). Con carácter indirecto, catro traballos de Lino Novás Calvo, xornalista cubano nacido en Grañas do Sor. Pero ningún deles ten Galicia por asunto ou fondo. A presenza de intelectuais españois alleos aos ambientes de Madrid tamén é limitada. Apenas tres traballos sobre arqueoloxía de Pere Bosch Gimpera e outro sobre o tamén catalán e (mal) poeta Luys Santa Marina, que anos despois formou en Falange Española.

O cosmopolitismo da revista dirixida por Ortega y Gasset tamén foi ignorado en Galicia, e non só polos círculos nacionalistas. Estes pensaban na conexión galega con Europa sen pasar por Madrid e daban prioridade a publicacións rexionais, moitas de segundo nivel. Asemade esquecían ou menosprezaban a fiestra á modernidade que a revista madrileña representaba en ocasións. Incluso en temas que resultaban importantes para os homes de A Nosa Terra e Nós, como un artigo do novelista irlandés Liam O’Flaherty, outro de Oswald Spengler e o de Antonio Marichalar sobre James Joyce.

Compartir el artículo

stats