Picasso: Guitar Maker
Samuel Diz e Fernando Buide en Roma

Mostra de Picasso na GNAMeC (1953). / Román Padín Otero
Román Padín Otero
A mostra Picasso Metamórfico recorda, na Gallería Nazionale d’Arte Moderna e Contemporánea de Roma, os cincuenta anos do pasamento do xenio español. A carón dun motivo axial na iconografía do artista malagueño como é a guitarra, os músicos galegos Samuel Diz (Tui 1986) e Fernando Buide del Real (Santiago 1980) son protagonistas, xunto con outros célebres creadores, do concerto titulado Picasso: Guitar Maker que se celebra o 29 de outubro na mesma, citada, Galleria Nazionale d’Arte Moderna.

Fernando Buide del Real. / FDV
O investigador e guitarrista Samuel Diz será, entón, o intérprete neste concerto para guitarra soa que inclúe no programa composicións non soamente de Fernando Buide del Real, mais tamén de Rosita García Ascot (1902-2022), Salvador Bacarisse (1898-1963), Manuel de Falla (1876-1946), Fernando Remacha (1898-1984), Robert Gerhard (1896-1970) e Federico García Lorca (1898-1936).

Samuel Diz. / FDV
Hai asemade unha presenza evocada de Jesús Bal y Gay (Lugo 1905- Torrelaguna 1993), pois o célebre compositor e musicólogo compuxo unha obra para guitarra titulada Pastoral (1933) que permaneceu inédita até ben entrado o século XXI. Tras da descuberta da composición, a súa escoita resultou inspiradora para outros músicos e intérpretes. Inspirada, daquela, na Pastoral de Bal y Gay, atopamos a composición Nocturnal (Bal y Gay) de Fernando Buide que se interpreta no concerto en Roma. Buide, el mesmo romano temporalmente, pois foi bolseiro na Real Academia de España en Roma hai non moitos anos, explica o significado desta obra para guitarra:“unha visión nocturna, unha especie de soño ou recreación das emocións que me produce a Pastoral de Bal y Gay, que recuperou Samuel”. Asemade, a evocación a Jesús Bal y Gay aparece certamente por outra das compositoras presentes no programa, a que fora a súa dona, Rosita García Ascot, da cal se interpretan as creacións para guitarra: Canción de cuna e Española.
A guitarra aparece, daquela, para Picasso e para os vangardistas como unha metáfora de modernidade, o mesmo Manuel de Falla compón as obras que se interpretan no concerto romano logo de coñecer o pai do cubismo. As pezas Homenaje a Debussy (1920) e El sombrero de tres picos (1919) foron compostas tras do paso do compositor granadino polos Ballets Russes de Diaghilev. A primeira vaise interpretar integral e da segunda selecciónase a “Danza del molinero” para a matinal romana.
Discípula de Manuel de Falla, Rosita García Ascot acadou certamente unha renovación da linguaxe musical coa composición titulada: Española (1933). De Fernando Remacha interprétase Preludio (1929) que supón asemade un empuxe renovador que o compositor culminou mentres residiu na Real Academia de España en Roma entre 1923 e 1927. Nese mesmo enderezo da Academia, o compositor Fernando Buide del Real compuxo e dedicou no 2012 a Samuel Diz a súa obra Pastoral (Bal y Gay).
O concerto e mais a exposición na Galleria Nazionale d´Arte Moderna de Roma son testemuño dunhas xeracións marcadas pola Guerra Civil e pola ditadura franquista. A memoria deses anos vive a través dos seus artistas, que relataron e retrataron con franqueza feitos e inquedanzas. Ese testemuño atópase nas obras de Picasso presentes na mostra, nas súas augafortes, gravados e fotografías. Tamén os fragmentos musicais compostos por Robert Gerhard, baseados en For whom the bell tolls (1965) de Ernest Hemingway, son unha memoria ou laio deses difíciles episodios de mediados do século XX.
Federico García Lorca expresaba a Manuel de Falla en 1923 o moito que recordaba o compositor cando se arrancaba con Homenaje a Debussy na súa guitarra. Do poeta granadino vaise escoitar unha selección das Canciones Populares.
Metamorfose
A arte de Pablo Picasso transformou ou metamorfoseou a visión que temos da realidade, outorgando outras ópticas para recoñecer un momento dado. Os seus retratos trasladan a quen observa a forza psicolóxica do persoeiro no cadro. As súas narracións en imaxes como Sueño y mentira de Franco afrontan o reto de reflectir unha realidade repulsiva dun xeito intelixible. A mostra en Roma celebra asemade o 70 aniversario doutra mostra de Picasso na cidade eterna. Daquela, a pomba creada polo malagueño era o emblema en todos os congresos políticos progresistas; ese debuxo sinxelo encarnará a paz xa para sempre.
Os músicos son quen de trocaren un recordo de tristura ou ledicia en algo evocador e cheo de memoria poética. Artistas e intérpretes modernos e contemporáneos deveñen capaces de abriren para o público unhas fiestras que xamais foran abertas e descubrir a través delas novas paisaxes e paraísos.
A guitarra de Samuel Diz e mais as súas investigacións como musicólogo traen cara a nós extraordinarias creacións que reflicten con grande calidade analítica momentos axiais das vangardas e da contemporaneidade. Artistas viaxeiros á forza, uns, e voluntariamente, outros, que por medio das súas metamorfoses como veciños do mundo e como filtros das tendencias artísticas nos outorgan un anhelo por un mundo mellor.
Suscríbete para seguir leyendo
- Un iceberg 11 veces más grande que Vigo atraviesa un caladero gallego y amenaza con impactar contra las Georgias del Sur
- Primeras palabras de 'El Cordobés' sobre la separación de Virginia Troconis: 'Ahora estoy con...
- Muere el icónico presentador Xosé Manuel Piñeiro
- De ganar el bote de Pasapalabra a ocupar un alto cargo en el Ministerio de Interior
- Conmoción en la Policía Local de Vigo: «Se nos ha ido la sonrisa eterna»
- Detectados seis casos de cáncer de cérvix en el área sanitaria tras testar a más de 22.000 mujeres
- Hallan el cadáver del joven desaparecido en Silleda
- El juez del caso Rubiales al abogado de Jenni Hermoso: 'Si sigue así le doy la sentencia para que la ponga ella