A morte na cultura galega
Das tradicións aos usos e costumes

Procesión de Santa Marta de Ribarteme. | FOTOS: ARQUIVO / Judith R. Iglesias
Judith R. Iglesias
A vinculación da cultura de noso coa idea da morte é algo que non se pode negar. Abrolla dunha terra enchida de escuras lendas e supersticións, cunha longa tradición tras de si que no pasado deu reenda a crenzas e pensamentos relacionados coa súa experiencia social e extraterrenal. Agora, en troques, na época globalizada en que vivimos e onde calquera acontecemento é susceptible de facerse viral, trátase do gran tabú do século XXI. Así o definiu, polo menos, a antropóloga Cristina Sánchez-Carretero nunha conferencia que tivo lugar o pasado mes de abril nas xornadas organizadas polo Consello da Cultura Galega, baixo o título “A morte nos fisterras europeos: Bretaña e Galicia.”

Recreación festiva da Santa Compaña. / Arquivo
É curioso, pois, analizalo e chegar á conclusión de que a afirmación de Carretero devén certa. Especialmente, se consideramos que a morte é un dos grandes temas da humanidade, e non son precisamente poucos os autores que, de diferentes xeitos, abordaron esta cuestión ao longo da historia. Non hai respostas claras, pero si preguntas expresadas nas artes, na literatura e mesmo nos costumes sociais propios de cada momento; diversas formas de entender e enfrontar un mesmo suceso, desde puntos de vista filosóficos ou relixiosos. “A certeza é que desde que nacemos, temos que morrer”, sentenciou o filósofo romano Séneca, ancorando ao tempo unha das tantas inquietudes xa extrapoladas á inmortalidade das letras. Séculos antes, Homero xa describía detalladamente na Odisea as mortes dos seus personaxes principais, que asumían o carácter inevitable do destino, nunha reflexión que axiña se tecería como unha constante na literatura. En Galicia, na nosa historia máis recente, as defuncións constituían ata non hai moito verdadeiros actos sociais; e o loito, unha expresión aberta da dor, un sentir compartido coa comunidade.

Terrores do Samaín. / FDV
Nas rexións atlánticas, as tradicións que chegaron canda nós viñeron da man de antigas crenzas e supersticións que mesmo chamaron a atención de ilustres escritores como Vicente Risco, Xosé Mariño Ferro, especializado na antropoloxía galega, ou mesmo Castelao quen, no seu exilio en Buenos Artes pronunciou estas palabras: “É moito mellor evocar algo irreal, algo puramente imaxinario, algo que co seu simbolismo nos deixe ver o pasado para proveito do futuro (...) Podemos imaxinar, por exemplo, unha Santa Compaña de inmortais galegos, en interminable procesión. Alí veremos as nobres dignidades e os fortes caracteres que deu Galicia no transcorrer da súa Historia”. Facía referencia á lembranza dos defuntos, a través dunha das lendas pagás máis estendidas do folclore galego, sobre ánimas ou almas errantes que teñen tamén a súa advocación noutras mitoloxías populares como a asturiana, onde é coñecida como la Güestia.
A medida que nos afastamos das urbes para somerxernos no rural, a cultura arredor da idea da morte cobra diferentes matices e unha transcendencia que, malia o paso do tempo, segue a espertar intrigas; é a curiosidade mesturada coa fascinación que impulsa a creación de novas e constantes relecturas. Neste sentido, o cinema documental galego convértese nunha ferramenta social para retratar e estudar, desde un punto de vista etnográfico, os rostros máis peculiares dos nosos costumes. É o caso do filme de 1974, realizado por Alberto Estévez Piña, titulado A romaría da morte, fiel e analítico reflexo da romaría dos cadaleitos de Santa Marta de Ribarteme, en As Neves. Nesta festa, unha das máis antigas de Galicia, os fregueses participan dela procesando no interior de cadaleitos. Do mesmo xeito, a curtametraxe experimental de Pablo Portero, Camposanto (2009), percorre nos seus vinte minutos de gravación diferentes cemiterios galegos, mentres nos achega, entre silencio, música e fotografía, aos rituais propios do Día dos Defuntos. Unha aposta poética para tratar un dos temas máis complexos da sociedade actual.
A cultura é así un vehículo de exploración, unha vía de escape a novas realidades e análise das incertezas. Son múltiples as manifestacións creativas que amosan o impacto da morte nas diferentes culturas e enchen capítulos enteiros da nosa historia, como o xénero pictórico das vánitas ou naturezas mortas: isto é, cando un sinxelo bodegón falaba do efémero de vivir.
A estación escura
Noite de Meigas, Noite de Bruxas ou Samaín; Halloween, como máis coñecida devén esta festa pola influencia norteamericana. Agora ben; os disfraces e mais o terror chegaron co tempo. Porén, ass súas orixes sitúanse na Europa da antiga cultura celta, bañada polo Atlántico. Coa chegada do samahin, termo gaélico que aludía á fin do verán, daba comezo o inverno e, segundo as crenzas dos celtas, esvaecía a fronteira que separaba o mundo dos vivos do mundo dos mortos.A medio camiño entre o equinoccio de outono e o solsticio de inverno, este tempo supuña a fin das colleitas e a irrupción da estación máis escura de todas; o momento tamén no que os espíritos nos facían unha visita. Na mitoloxía irlandesa e escocesa eran coñecidos como aos si, unha raza sobrenatural comparable ás fadas e os elfos, e deixábanselles ofrendas para que asegurasen a boa colleita do novo ano. E é que, para os celtas, o Samahín era tamén o seu Aninovo. Galicia é un dos lugares nos que máis se mantiveron estes costumes e onde o nome da festividade apenas variou ao longo do tempo. O Samaín galego, ronsel de influencias que converxen nun pasado común, segue a festexar o Día dos Defuntos, sendo unha das celebracións máis destacadas a do Parque dos Sentidos, en Briz (Marín). O momento no que as fronteiras esvaen.
Suscríbete para seguir leyendo
- Hallan muerta a la artista viguesa Seila Esencia tras dos semanas desaparecida
- Una familia británica ofrece casi 69.000 euros al año por cuidar de su perro y vivir en su finca
- No cojas pájaros del suelo: la Sociedad Española de Ornitología recuerda lo que debes hacer si encuentras una cría fuera de su nido
- Consternación en Cuntis y Vilagarcía por la muerte del profesor Enrique Portela a los 37 años
- Recupera 400 euros perdidos en el Álvaro Cunqueiro tras ser localizada por las cámaras la persona que los cogió del suelo
- Vende 4 pisos en 2022 y exige que se los devuelvan porque ahora son más caros
- «Quedarán prohibidas las comunicaciones por WhatsApp entre familias y profesores. Se harán a través de un canal oficial y dentro de un horario»
- Comienza la invasión militar en Vigo: el Ejército comienza a instalar el campamento en As Travesas