Dorothé Schubarth na lembranza
A musicóloga que recolleu a voz do noso pobo

A musicóloga suíza Dorothé Schubarth (Basilea, 1944-2023). | FOTO: ARQUIVO / Maruxa Gestoso Álvarez
A cultura galega está de loito polo pasamento, o pasado 7 de setembro, da musicóloga e compositora Dorothé Schubarth. A suíza (Basilea,1944) foi unha estudosa da música popular europea desde a súa cátedra de Harmonía e Contrapunto da Academia de Música de Lucerna. Autora de O canto popular en Europa, especialista na música popular dos Balcáns, o Cáucaso, Alemaña e Francia, chegou a Galicia en 1978. O que en principio ía ser unha viaxe de vacacións, converteuse nunha profunda investigación, a maior que nunca se fixo na nosa terra, que durou cinco anos e que a levou a percorrer a xeografía galega e a recompilar, analizar e clasificar máis de 5000 melodías e textos do noso repertorio popular.
Dorothé non coñecía o idioma, pero atopou unha gramática de Carvalho Calero nunha biblioteca; non conducía, pero percorreu a nosa xeografía mais trece concellos das zonas limítrofes de galegofalantes nunha época na que ser muller e viaxar soa en autobús ou autostop podía suscitar máis receos que confianzas. Dorothé chegou ás vilas e gravou material sonoro; foi ás vacas, estivo nos traballos colectivos, nas tabernas e nas festas e, sobre todo, entrou nas cociñas. Porque o cantar tradicional tamén foi cousa de homes, pero sobre todo tivo voz de muller. Nas cociñas daquelas mulleres que cantaban e facían música cunha fonte se non tiñan pandeireta; nas cociñas daquelas mulleres ás que ningén escoitaba, ou quen as escoitaba non lles daba valor; nas cociñas daquelas que estaban a cantar a voz dun pobo, coas súas tradicións, crenzas, opinións, conflitos sociais, valores, problemas e mentalidades e a transmitir eses saberes aos cativos que coidaban; nas cociñas daquelas que non tiveran nome ata que Dorothé llelo anotou e deuno a coñecer. Porque a suíza foi a primeira persoa culta que recolleu o nome dos e das informantes, a primeira que o ensinou nas súas obras ao carón da melodía que presentaba.
Pouco a pouco as portas foron abríndose grazas ao contacto co catedrático de Filoloxía Galega da USC Antón Santamarina. Será el quen lle axude no seu traballo e, coa intermediación de Filgueira Valverde, conseguirá unha bolsa na Fundación Barrié. Por fin, en 1984 logo dun inxente traballo, verá a luz o Cancioneiro popular galego, obra en sete volumes, a auténtica Biblia da música tradicional galega: o maior repertorio musical popular, unha análise profunda das melodías, unha proposta crítica de clasificación, teorías sobre as orixes dos distintos tipos de melodías,… Dorothé Schubarth recoñecía que o labor non fora sinxelo. Ela, que viña de traballar en Alemaña, onde se recibía cos brazos abertos ao antropólogo que quería escoitar, dicía que aquí tivera que comezar desde cero, con todas as suspicacias que supoñía chegar e querer escoitar e porse a gravar. Pero, unha vez superado, houbo vínculos que non racharon xamais.
O Cancioneiro é un enorme tesouro que Dorothé nos deixou. Desde 2014 a súa obra forma parte do Arquivo Sonoro de Galicia (CCG) e desde 2017 as cintas orixinais das súas recollidas, as súas libretas de campo, fotografías e relatos de viaxes foron doados por ela mesma ao Arquivo do Patrimonio Oral da Idenidade (APOI) do Museo do Pobo Galego onde están a disposición de todo aquel que se queira achegar a elas.
Os galegos e galegas estaremos sempre en débeda con Dorothé. Ela chegou polos pelos, en palabras de Antón Santamarina; ela puxo en valor aquilo que os e as galegas non viamos e estabamos a piques de perder; podemos afirmar que ela salvou do esquecemento a nosa propia música popular. Chegou no momento en que o mundo tradicional se estaba a derrubar e o tránsito cara ao mundo moderno rachaba coas cosmovisións de antano. Ese pobo que cantaba os seus desexos, aspiracións, ideas e festividades estaba á beira de esmorecer; o mundo moderno viña suplantalo e, neste proceso, a desaparición de todo aquel saber antigo que nos fixo chegar ata aquí caería no esquecemento. Dorothé reparou no que nós non estabamos a reparar e, de non ser por ela, cando nos decatásemos sería xa tarde. Nunca deveceu pola sona, pero o orgullo co que disfrutamos hoxe da nosa música tradicional debémosllo en grande parte a ela e así deberemos de recoñecerllo. Ela fixo que a nosa voz non caera no esquecemento; agora é labor noso dar a coñecer o seu nome ás vindeiras xeracións.
Suscríbete para seguir leyendo
- «Quedarán prohibidas las comunicaciones por WhatsApp entre familias y profesores. Se harán a través de un canal oficial y dentro de un horario»
- El antiguo concesionario Opel de la Avenida de Madrid será un hotel de 3 estrellas y 132 habitaciones
- Cazan al arrastrero portugués «Coimbra» por presunta pesca ilegal en uno de los caladeros estratégicos de la flota gallega
- La afición del Friburgo se rinde al «aura» de Balaídos y Vigo: «Estuve en muchos estadios y esto es una experiencia 10/10 »
- Un ourensano intenta pasar la ITV con un coche y una caravana vinculados a una estafa sufrida por un riojano
- Bertín Osborne actuará en la Festa do Galo, con María Mera de pregonera
- El Concello de Moaña contrata, por primera vez, un técnico para acelerar las tramitaciones en todos los departamentos
- Un desahucio sin inquilinos en Vigo que se prolongó año y medio: «Se fueron, dejaron de pagar el alquiler pero no pudimos entrar hasta ahora»