Crónica do pintor Francisco Miguel
Da necesaria recuperación da memoria
O pasado 21 de setembro, grazas aos esforzos da Asociación para a Recuperación da Memoria Histórica, foron achados no cemiterio de Bértoa (Carballo) os restos de catro asasinados polo fascismo o 28 de setembro de 1936: Juan Boedo Pardo, Andrés Pinilla Fraga, Pedro Pinilla Calvete e Francisco Miguel Fernández. Os seus corpos foron depositados nunha fosa clandestina dentro do camposanto desta parroquia. O último dos citados era o pintor coruñés Francisco Miguel (A Coruña, 1997- Bértoa, 1936), unha figura central na arte galega anterior á Guerra Civil sobre a que o seu asasinato chantou unha pesada lousa de silencio. Cómpre sinalar que Francisco Miguel foi un pintor de notábel interese, que colaborou nos anos vinte en importantes proxectos vangardistas como a revista Alfar ou a revista luguesa Ronsel (1924). A el imos dedicar entón, estas páxinas coa vontade de subliñar o valor a súa traxectoria vital e artística e enfatizar a necesidade crucial de recuperar a nosa memoria colectiva.
Na primeira metade dos vinte o seu ámbito referencial é A Coruña, con estadías en París en 1920 e 1923. Francisco Miguel móvese no grupo de artistas coruñeses que xira ao redor da revista Alfar –nunha primeira etapa chamada Revista de Casa América-Galicia-, publicación da vangarda plástica e literaria creada polo poeta uruguaio –e cónsul do seu país- Julio J. Casal e publicada entre 1920-1927, ano en que o director torna ao Uruguai. Para valorarmos a importancia da publicación e o ambiente intelectual que xera -que é o de Francisco Miguel- abonda sinalarmos as variadas e brillantes colaboracións da publicación, con importante presenza da literatura e da arte da vangarda internacional, movéndose nunha modernidade cosmopolita que ten como referencia o ultraísmo. Nela aparecen colaboracións de artistas como Barradas, Picasso, Gris, Norah Borges, Alberto, Ángel Ferrant, Francisco Bores, Álvaro Cebreiro ou Manuel Méndez. Alfar será fundamental para a divulgación da plástica renovadora en Galicia, non só polas obras reproducidas, senón polo espallamento do pensamento artístico modernizador no noso país, sen eludir a polémica co rexionalismo e o nacionalismo culturalmente dominantes cando nace a publicación.
Nela teñen unha intensa presenza Luís Huici -pintor tamén asasinado en 1936- e Francisco Miguel. O primeiro ilustra cos seus debuxos e gravados moitos números da revista, cun linealismo acusado, moi achegado ao debuxo de moitos ilustradores do ambiente da xeración do 27, como Manuel Ángeles Ortiz, Moreno Villa, Bores, Benjamín Palencia ou García Lorca; e Francisco Miguel une a estas cualidades o influxo da estampa xaponesa e da arte africana peneirada polo cubismo. Nos seus gravados percíbese un esquematismo primitivista moi do gusto da vangarda do momento algúns cun acusado interese pola plasmación do ritmo e do dinamismo e outros dun marcado planimetrismo case contrutivista.
En 1926, Francisco Miguel, coa súa esposa Syra Alonso -que logo sería autora duns fundamentais Diarios que permiten seguir a súa traxectoria- marcha a América, primeiro a Cuba e despois a México. O período mexicano vai ser fundamental na súa vida e na súa obra e comprende desde 1926 até 1933. Nestes anos desenvolve unha grande actividade ligada á obra de artistas como David Alfaro Siqueiros e ao grupo de escritores denominados os Contemporáneos, vivindo nun ambiente de compromiso da arte coa causa revolucionaria, mais sen implicar o cultivo dunha temática social. A inicios dos anos trinta Syra e Francisco Miguel partillan morada coa poeta uruguaia Blanca Luz Blum e con Siqueiros en Taxco, habitando nun convento abandonado. O ambiente que os rodea está marcado polo enxalzamento dos valores populares indixenistas e polas preocupacións sociais inseridos nun cenáculo intelectual e artístico ao que tamén están ligados pintores como María Izquierdo ou Rufino Tamayo.
A súa obra reflicte unha estética virada cara a posicións análogas ao retorno á orde posvangardista, de forte cromatismo. “Orde” e “obxectividade” son conceptos que o pintor manexa en textos sobre a súa obra e que se expresan nitidamente en retratos dunha figuración poscubista como o seu Autorretrato (ca. 1933). Nalgunhas pinturas percíbese a pegada do indixenismo do muralismo mexicano dun Siqueiros, Orozco ou Rivera, como é o caso de Retrato de María Izquierdo (ca. 1931). Nos seus lenzos da década dos trinta de motivos mariños semella máis achegado ao realismo máxico coas súas naturezas mortas de brillantes cunchas, buguinas e cons, elaboradas cunha precisión naturalista que xera un ambiente de irrealidade e distanciamento. Son bos exemplos os óleos Muíño de vento (ca. 1930) e Cunchas mariñas (1936), meticulosas composicións de froitas e/ou tema mariño, frecuentemente abertas á paisaxe desde unha xanela, recurso polo que separa nitidamente interior e exterior conseguindo unha construción clara, síntese da visión paisaxística e da natureza morta. Estes elementos manteñen un equilibrio dotando as composicións dun ar que lembra a obras da Nova Obxectividade, na súa vertente maxicista.
Suscríbete para seguir leyendo
- Un tractor camuflado y una semirrígida con tres potentes motores pone en alerta a la Guardia Civil de Arousa
- Agrio final judicial para la camarera de Vigo que se encontró el bar cerrado tras 10 días de baja
- Salvaje persecución por Vigo y O Porriño: 50 kilómetros a la fuga y cuatro coches policiales dañados
- Hallan el cadáver del joven desaparecido en Silleda
- Una histórica cafetería de Vigo echa el cierre con las uvas después 44 años cotizados: 'Nos vemos en los bares
- Trece implicados y 270 toneladas intervenidas en Vigo y otras localidades de Pontevedra por comercializar de forma ilegal productos del mar congelados
- Una familia de Taboada denuncia la desaparición de su hijo de 18 años, que se despidió en las redes
- La tajante decisión de Antena 3 después de que Cristina Pedroche y Chicote se colarán en las Campanadas de TVE: así zanjaron la broma