Paul Weller entre nós

Para alén das etiquetas

PAUL WELLER EN EL AUDITORIO MAR DE VIGO DENTRO DEL FESTIVAL UNDERFEST.

PAUL WELLER EN EL AUDITORIO MAR DE VIGO DENTRO DEL FESTIVAL UNDERFEST. / JAVIER TENIENTE

V. Neira

Veu Paul Weller tocar a Vigo e, claro, un non podería aturar a idea de saber de tal acontecemento e non verse alí, nunha primeira fila á espera de escoitar, aínda que nada mais fosen media ducia de cancións dos sempre amados The Jam.

Aconteceu o pasado sábado, 16 de setembro, no Auditorio Mar de Vigo e dentro da programación do Underfest, festival que aposta por traer á cidade olívica artistas ben recoñecidos do panorama musical alternativo, cando o The Modfather saíu ao escenario con inmaculado pantalón branco a xogo co seu cabelo, telecaster en man e unha aparente, e fantástica, forma física asemade da súa incrible e, por suposto, que agardada boa forma musical. Alí demostrou o que é, máis aló de etiquetas, de lendas setenteiras, caravanas de vespas e parkas de cor aceituna coas mangas cargadas de parches de dianas mod e bandeiras inglesas: Weller mostrouse coma ese músico e compositor talentoso cargado de detalle, de arranxo certeiro e tremendo oficio musical. E é que Weller foi e é moito máis que un dos emblemas do 77, do punk británico de etiqueta negra, moita clase e indubidable formación en músicas que ían moito para alén das que se propoñían no lugar e no momento. Así foi bandeira duns The Jam rompedores, inesquecibles e imprescindibles, pero tamén o foi despois duns The Style Council onde a súa progresión estilística continuaba a non deixarse encerrar en marcos demasiado evidentes e determinados. Así ata o día de hoxe, convertido en referencia viva dunha música británica que, aínda e afortunadamente, moitas veces convida a unha escoita gozosa e reflexiva e a aprender que, para alén das modas, as boas cancións sempre teñen cabida, incluso nunha escena actual ás veces tan terriblemente oca e superficial.

Paul Weller continúa sacando discos novos a cada pouco, continúa construíndo cancións sumamente orgánicas e continúa rondando ese retrouso non sempre obvio pero sempre evocador e cargado de enerxía popeira, eléctrica e rockeira. Igual no concerto non escoitamos demasiado os Jam ou tal vez era precisamente todo o espírito Jam o que alí cargou a atmosfera de algo tan especial como inusual. Cunha saúde vocal tamén extraordinaria e con toda esa tan intanxible sensibilidade musical que ao cabo sempre é quen de remover algo nos máis adentros da audiencia que está a escoitar. Todo pousado sobre a idea básica, e a luminosidade, do pop menos adulterado pero que se deixa arrolar de vez por pinceladas funk, e incluso blues, para ir debullando un repertorio onde a aposta polo presente creativo do músico foi a pedra fundamental dun deses concertos que abofé gardaremos como alfaia e como clase maxistral dun mestre ao que semella quedarlle aínda moita corda e moito que contar.

Igual como grande pega comentar con moita mágoa a pouca xente nova que se vía no concerto e que non deixa de evidenciar esa crebadura xeracional tan evidente e tan aparentemente complicada de suturar. “Pérdeno eles!”, comentaba algún “pureta” no ambigú do auditorio ao remate do concerto aínda co corazón apretado entre certo ataque de nostalxia e moita emoción pola experiencia do vivido.

skarnivals

Desde Bueu, The Skarnivals / Cortesía do grupo

[object Object]

Préstamos a música, préstanos o seu carácter lúdico e tamén esoutro emocional que é quen de apretarnos o corazón e facernos entrar en estados de máxima ledicia, ou incluso de tristeza e efervescencia, cando unha canción se fai xigante e está tan ben armada que nos escarabella ben dentro mentres a escoitamos.

Hoxe falamos dunha desas cancións que van directas a ese lugar do que falamos e que chegou co seu videoclip para celebrar, o pasado 21 de setembro, o Día Internacional do Alzheimer. Ese día o grupo de Bueu The Skarnivals publicaron na súa canle de youtube “Anhelos no ar”, unha peza que nos sensibiliza co problema do Alzheimer, das persoas que o sofren e das familias que conviven con el. Compromiso humano, social e, ademais, inspirador e cargado de esperanza para facer deste mundo un sitio mellor. “Son, fun, serán e serei, non polo que sei, polo que ti sabes que somos, e hasme cantar outra vez, a través destes ollos que fraguan anhelos no ar...”. Hai veces que a música é moito máis que música e a escala de valores humanos propoñen territorios tan necesarios que merecen toda a nosa a atención.

Alén diso, esta acción vén acompañada do lanzamento dunha camiseta conmemorativa e solidaria que pode comprarse a través da web do propio grupo na sección merchandising e ademais todos os fondos recadados irán destinados a Fagal (Federación de Asociacións Galegas de Familiares de Enfermos de Alzhéimer e outras demencias). Ben polos Skarnivals

Suscríbete para seguir leyendo

Tracking Pixel Contents