EscenaVigo

Xornadas e mostras de teatro de noso

Dolores Miloro

Dolores Miloro / M.F.V.

Manuel F. Vieites

Quen se deteña cun pouco de vagar nas hemerotecas de FARO DE VIGO, El Pueblo Gallego, Galicia: Diario de Vigo, Hoja del Lunes, e outras publicacións periódicas, tomará conciencia da importancia da programación teatral nos tres primeiros cuartos do século vinte. Aí quedan moitas historias por contar, tamén no que fai referencia á historia do teatro galego, se lembramos colectivos como a Agrupación Artística de Vigo, creada en 1917, ou a Agrupación Dramática Galega, que se presenta en 1931. Por non falar de teatros, salas de concerto, e outros espazos de exhibición dos que apenas queda noticia. A actividade teatral foi notable nos anos sesenta e setenta, como mostra este estudio de Dolores Miloro, As Xornadas e as Mostras de Teatro de Vigo (1972-1979). O rexurdir da actividade dramática na mudanza de réxime, que edita a Universidade da Coruña. Amais de dar conta do acontecidos en xornadas e mostras, tamén ofrece un estudo do desenvolvemento da actividade teatral na cidade, lembrando iniciativas pioneiras. Entre elas o Grupo Teatral da Asociación da Prensa de Vigo, no que participan María Xosé Queizán ou Manuel Álvarez Botana, entre moitas outras persoas ben coñecidas.

Nesa recuperación de voces e historias, salientamos capítulos como “O teatro en Vigo nas décadas dos cincuenta e sesenta”, que relata actividades realizadas en centros educativos adscritos á Universidade de Santiago e na Alianza Francesa, ou promovidas pola Caixa de Aforros Municipal, no seu antigo e lembrado Auditorio. Ou as achegas de Maximino Queizán, co Teatro de Cámara da Academia Victoria, o Teatro Popular Galego ou o Teatro Popular Keyzán. Tamén resulta reconfortante o capítulo dedicado a grupos como Esperpento Teatro Joven, con Xulio Lago e Dorotea Bárcena, e Teatro Popular COPE, ou aquel no que se lembran iniciativas de café-teatro e mesón-teatro, esta última no Mesón Pepe do Calvario. Finalmente un inventario dos grupos afeccionados das parroquias da contorna, como Alén Laboratorio de Teatro, A Farándula, Más Vital, Bombarda, Escoitade, Máscara 17, Saudade, Simón Bolivar ou Teatro Popular Galego (logo Artello), onde atopamos a Ramón Rodríguez Guisande, director de escena infelizmente falecido nos inicios deste ano.

Segue unha crónica do que foron as Jornadas de Teatro que se celebran entre 1972 e 1978, coa exhibición de espectáculos chegados da Península, e un amplo abano de actividades paralelas, como mesas redondas, conferencias ou cursos, e coa presenza de redactores de importantes revistas de teatro como Yorik ou Primer Acto. E así pasaron por Vigo, entre outros, espectáculos de José Luis Gómez, Akelarre, Ditirambo, Els Comediants, Acción Teatral, A Comuna, Els Joglars, Caterva, Margen, Dagoll Dagom, El Espolón del Gallo, Margen o Denok. Entre os relatores, José Monleón, Ricard Salvat, Gonzalo Pérez Oleguer, Juan Diego, Moisés Pérez Coterillo, Xavier Fàbregas, Carlos Porto o Miguel Bilbatúa. Unha escolla do mellor que había naquela altura.

cartaz

Jornadas de teatro / FdV

Despois preséntase un reconto do que foi a Mostra de Teatro Galego, entre 1975 e 1979, cun programa similar. E así se puideron ver, entre outros, espectáculos de Candea, O Facho, Antroido, Histrión 70, Ditea, Teatro Circo, Escoitade, Malveira, A Farándula, Auriense, Teatro Popular Keyzán, Saudade, Artello, Troula, Escola Dramática Galega, Tagallo, Máscara 17, e Andrómena. Como relatores, Manuel Lourenzo, Xesús Alonso Montero, Manolo Camba ou Víctor Freixanes. Outra escolla do mellor que había nun país cun teatro en proceso de construción.

Amais de capítulos con resultados e conclusións, nos que se presentan cuestións relativas ao xiro profesional do teatro galego que se vai xestando a finais dos anos setenta, e das liortas que provoca, cómpre destacar os apéndices, con datos numerosos, un deles dedicado á programación da Sala Carral, e unha bibliografía moi ampla, con críticas e recensións publicadas en FARO DE VIGO por Ánxel Vence, Fernando Franco, Francisco Pablos ou José Antonio Perozo. Un libro moi oportuno, para tomar conciencia das historias que aínda quedan por reconstruír e contar.

De novo bótase en falta un Centro de Documentación Teatral para afondar nese patrimonio común.

[object Object]

As Jornadas de Teatro de Vigo patrocinadas polo Concello, a Caixa de Aforros Municipal, e a Deputación de 1977 a 1978, permitiu ver na cidade algunhas das compañías máis notables e innovadoras do teatro independente español. FARO DE VIGO prestoulle moita atención, e nas súas páxinas podemos ler non só crónicas dos espectáculos senón referencias ás diversas polémicas que provocou unha programación que perseguía ofrecer o que se estaba facendo noutros lugares, máis aínda cando o teatro galego conta desde 1973 cun espazo privilexiado en Ribadavia. Pero esa idea, ben clara, non callou en determinados sectores da militancia política e cultual. En efecto, as críticas, por veces duras e acedas de máis, non tardaron en chegar, en especial pola presenza escasa do teatro propio na programación. Eran tempos de loita pola normalización lingüística, en que todo o que estaba en galego se daba por bo, e o uso do castelán semellaba desprezo ou insulto, e mesmo se chegou a falar de “colonialismo cultural”. Hoxe hai festivais en Galicia que programan espectáculos de todo o mundo e non hai problema. Eran, certamente, outros tempos, e outras mentalidades, pero naqueles anos Vigo contou cun dos máis importantes festivais de teatro da Península. Unha oportunidade perdida para reivindicar a importancia da periferia e converter Vigo na capital do teatro máis innovador, como acontecerá co FITEI do Porto. Aprenderemos?

Suscríbete para seguir leyendo

Tracking Pixel Contents