Cidades espoliadas

Xentrificación, turismo, urbanofilia

Turistas na Praza da Quintana (Santiago de Compostela).

Turistas na Praza da Quintana (Santiago de Compostela). / Xoán Álvarez

Se un repasa a súa experiencia persoal en materia de vivenda nos últimos anos, de certo que o estado que sentirá padecer vén resultar, como mínimo, aquel de perplexidade. E así como a enerxía non se crea nin se destrúe senón que se transforma, os cartos que a maioría de cidadáns deixamos de ter, andarán nos petos duns poucos. E se esa vivencia nos di que con dous soldos medios, hai corenta anos eramos capaces de mercar un piso amplo no centro dunha cidade, vinte despois, e cun salario equivalente, devira imposible unha vivenda sinxela nunha zona non tan boa.

Ou como sinalaba non hai moito o xornalista Jordi Amat, constatando o aviso do Banco de España de que a metade dos nosos concidadáns que viven de aluguer están en risco de pobreza, unha cidade onde os seus traballadores non poden pagar a vivenda é unha cidade enferma. Unha situación tan vertixinosa que non somos capaces de asimilar as súas causas polas feridas que nos producen as consecuencias.

Sobre esta situación crítica, Jorge Dioni vén de publicar El malestar de las ciudades (Arpa), un lúcido e extenso traballo no que sitúa a cerna (cabería dicir múltiple) que nos levou onde estamos nunha dimensión mundial. Unha vez o sector produtivo deixou de estar monetizado polo seu traslado a outros países (nomeadamente a China), seguiulle unha política para eliminar -especialmente en España- ese capital financeiro de decisión local e servizo público que eran as caixas de aforros: tras a devolución da débeda a Alemaña con financiación pública, o paso inevitable era concentrar o capital circulante nunhas poucas entidades. Nesa nova volta, ese capital, tradicionalmente vinculado aos bancos, pasou a estar dominado polos fondos de inversión, cuxa opacidade impide coñecer quen hai detrás. Un novo panorama, pois,centrado nas cidades, no que somos pacientes e -involuntariamente- axentes. A monetización das cidades foi da man do turismo de masas que está a invadir os centros históricos. A modificación da paisaxe urbana é evidente: desaparecen os residentes de sempre a prol de turistas ocasionais e nómades dixitais, e a diversidade comercial enxebre -gastronómica incluída- é substituída por unha oferta uniforme de cadeas de marcas e locais cuquis.

Pero boa parte da culpa é enxebre. Os capitais resultantes da desindustrialización serviron -e Barcelona é un bo exemplo- para mercar os locais comerciais das zonas máis cotizadas, que foron revendidos aos fondos de inversión. Renda individual ou familiar improdutiva e moitas veces non sometida a control fiscal. Mais se esa primeira resistencia fronte á invasión turística e á xentrificación chegou de sectores concienciados, cando son os propios veciños os que plantan cara xa non se pode falar de turismofobia senón de urbanofilia: quérese continuar na cidade de sempre. E aí é onde os concellos teñen que comezar a tomaren medidas, algunhas das cales -por simple consecuencia- supoñen expropiar o patrimonio urbano ao uso cidadán nin que sexa para protexelo (sucede co Parc Güell barcelonés, inaccesible decote se non tes entrada de pago).

Pero as consecuencias non son só a imposibilidade económica de vivir na propia cidade senón esoutra referida á oferta de vivenda. Porque acontece que eses fondos especulativos teñen os ollos postos tamén nos barrios populares (históricos ou non) para o turismo ou as novas migracións, que pagarán si ou si por un aluguer. E se para ocupar eses barrios teñen que degradalos (caso de Lavapiés en Madrid ou do Raval barcelonés), degrádanse incluso coa presenza de narcopisos. Unhas zonas urbanas por Europa adiante que son “non lugares”, baleiros de calquera rastro de vida cidadá.

O traballo de Jorge Dioni é complexo e completo pero esquece algúns dos fenómenos que acompañan esta situación: o turismo aéreo e marítimo low cost, e a presenza -o caso de Venecia é paradigmático- de inxentes cantidades de diñeiro oculto (ulos, os cartos da droga que se consome?) que se branquea nesa nova febre do ouro. E alerta, que a nosa Compostela xa está a expulsar os estudantes dos pisos do centro para que os ocupen os turistas.

Suscríbete para seguir leyendo

Tracking Pixel Contents