A Vila Viardot, en Bougival (Francia), vén de celebrar o seu restauro nas Xornadas Europeas do Patrimonio Cultural Europeo. Alí deuse cita a historia coa música nun evento convocado baixo o Alto Padroado de Monsieur Emmanuel Macron, presidente da República.
O célebre barítono portugués Jorge Chaminé é o corazón deste proxecto. De ascendencia española, é descendente de dúas figuras da vida cultural galega: Alfredo Vicenti e Luís Taboada. Este famoso cantante, coñecido adaíl da cultura, ten daquela unha biografía de auténtico europeo, con moita vinculación con Francia, Portugal, España e tamén Galicia.Dende o ano 2000, Chaminé está a poñer en valor a residencia paladiana que a cantante e compositora francesa de ascendencia española Pauline Viardot-García (1821-1910) e mais o seu marido, o escritor, hispanista, produtor e intelectual Louis Viardot (1800-1883), se fixeron construír en Bougival, non lonxe de París.
Nese lugar campestre os Viardot tiñan de veciño o escritor ruso Ivan Turguénev (1818-1883) quen formaba parte do círculo máis íntimo de Pauline. Tamén a casa do compositor Georges Bizet (1838-1875) está próxima do palacete dos Viardot. Este enderezo en Francia non pode ter máis referencias europeas e hispanistas grazas aos seus egrexios moradores. Alí a composición e interpretación de música e os debates e conversas no salón dos Viardot ocupaban todo o tempo, e ese feito deixou unha forte pegada cultural que agora, co restauro, se procura avivar.
No empeño de recuperar a esencia musical deste grupo de europeos, foise contar asemade co concello de Bougival, coa Asociación de Amigos de Georges Bizet e coa presenza ao longo dos anos, como representante da cultura e profesora maxistral, da mezzosoprano Teresa Berganza (1933-2022) a cuxa memoria se dedicou toda a celebración da inauguración. Todas estas forzas unidas crean o Centro Europeo da Música que ten sede en Bougival e pólas en Lisboa, Mafra, Santiago de Compostela, Madrid, Córdoba, Baden-Baden.
A memoria da saga de músicos, iniciada polo gran cantante de ópera e compositor Manuel del Pópulo Vicente García (Sevilla 1775-París 1832) e continuada pola súa filla María Malibrán (1808-1836), a outra filla Pauline Viardot e outros destacados membros da familia, non podía estar mellor celebrada que con este proxecto de inspiración española, arraigo francés e vocación europea, o Centro Europeo da Música.
O leitmotiv "europeos" (citando o libro do historiador Orlando Figes) non poido estar mellar traído a colación que coa presencia na xornada de inauguración da vila Viardot de moitas mulleres e homes dedicados á causa cultural europea.
Estivo a pianista galega Isabel Pérez Dobarro quen acudiu na compaña do seu prometido o profesor de frauta Rubén Torres Melero, ámbolos dous son de seu uns absolutos europeos, participando na construción dunha escena artística continental, onde vangardas e academias son coetáneas e vigorosas. Vestida de vermello a pianista Isabel Dobarro, interpretou nun antigo piano que pertenceu á propia Pauline Viardot varias das románticas composicións da gran cantante e música. As obras levan por título: Mazourke, Serenade, Suite Arménienne, Alza Pepita. Esas e outras cancións de Pauline Viardot poden escoitarse na gravación que a propia Isabel Pérez Dobarro ten no mercado baixo o título The unknown Pauline Viardot: Chamber songs and duets.
Tamén participou na mesa redonda do CEM (Centro Europeo da Música) titulada: "Pauline Viardot, l'Européene".
Os actos na inauguración foron celebrados in memoriam Teresa Berganza(1933-2022). A mezzosoprano nada en Madrid era ela mesma unha rendida admiradora de Pauline Viardot a quen citaba con moita frecuencia e a quen celebrou interpretando o seu repertorio e impartindo clases maxistrais na vila Viardot xunto a Jorge Chaminé, antes mesmo da flamante restauración que agora ollamos no renovado edificio. No día da inauguración, a soprano Cecilia Lavilla Berganza estivo presente para celebrar a música e recordar a súa nai. A celebración estivo centrada na música como vehículo de cohesión social e activo integrador, unha concepción holística do feito musical que permitirá afianzar proxectos de forte dimensión.
Na xornada sucedéronse os concertos, con repertorio de Pauline Viardot, e as conferencias para afondar na pegada europea do canto e a composición musical da familia García e, en especial, de Pauline Viardot-García.
O pianista Curro Soriano presentou un disco en estrea absoluta, con cancións de Pauline Viardot baixo o leitmotiv de melodías españolas. E tamén deleitou os asistentes cun concerto no que acompañou a soprano Léa Safarti e mais á mezzosoprano Helena Ressureiçâo, interpretando “Tortolilla triste”, “Caña Española”, “Madrid” e “Ay, que me robó.”
Léa Safarti cantou asemade acompañada polo guitarrista Gabriele Natilla e pola pianista Lucie Sansen.