No Museo Centro Gaiás da Cidade da Cultura pódese contemplar até o 5 de novembro unha ampla mostra antolóxica de Nicolás Muller (Oròsháza - Hungría, 1913 - Llanes - Asturias, 2000) un fotógrafo húngaro cun percurso vital que o levou desde o seu país natal até Francia, Marrocos e a Península Ibérica, fuxindo da Segunda Guerra Mundial e que acabou morando na parte final da súa vida en Asturias.Nicolás Muller. Vento Norte revisa e recupera o traballo realizado por un creador cun labor que está á altura dos mellores fotógrafos documentais do pasado século. Estamos perante un artista que foi elaborando un relato que desvela o seu ollar, fondamente humanista, sobre as xentes traballadoras e a a realidade natural de Galicia, Asturias, Cantabria, País Vasco e Navarra, e que se completa cunha sección que leva o nome de “Obras Mestras” na cal son escolmados algúns dos seus traballos de maior suceso.

A súa produción caracterízase por un ollar ao mesmo tempo distanciado e afectivo a respecto dos temas captados, moitas veces populares: traballo, oficios, lecer e costumes e por medio deles procura un vieiro propio desde a perspectiva estética, que acabou por situalo como unha figura relevante dentro da fotografía da súa xeración. As súas imaxes dos sesenta dan testemuño da variedade humana e paisaxística, e por mor da súa mirada tamén se percibe a mudanza na sociedade española, o xurdimento dun usos sociais en proceso de transformación –velaí as súas escenas de praia–, que non impedían o mantemento das formas tradicionais da vida do pobo, perante esta realidade a súa intención salienta fundamentalmente por achar o común denominador do humano.
Mais este mundo que encontra non é simple resultado dun estilo, non quere nunca ser alleo ao real, sempre o plasma desde un fondo respecto co medio, lonxe de calquera afectación e cun extremo rigor formal, un rigor procurado realizando unhas fotografías que lonxe dunha utópica obxectividade procuran a maior integridade e honestidade posíbel. Hai moito de exploración dun territorio, como recolección dunha memoria visual, un punto de vista claramente individual mais que mantén o respecto fondo polo captado. Partindo destes postulados, constrúe imaxes elaboradas e de composicións perfectamente equilibradas, dentro da aparente simplicidade, como se poden observar nas súas fotografías de meniños ou traballadores.
Salienta pola intensidade de visión e polo coñecemento das calidades do medio fotográfico, cun respecto absoluto polo oficio e polo obxecto a fotografar, sen facer uso de procesos de manipulación. O resultado é unha estética propia, con persoais encadramentos, baseada nos motivos captados e na captación do intre preciso, resaltando a solidez das formas, utilizadas como elementos significantes. Este criterio é seguido no tratamento das escenas de ambiente urbano e na captación dos mommentos de sociabilidade, resaltando a homoxeneidade ou o carácter contrastivo das situacións. Porén, estas imaxes son senpre realizadas desde o rigor, un aspecto que o fotógrafo semella considerar ineludíbel á hora de abeirar o seu traballo, sen que o inmediato e o sentido da oportunidade xornalística poida limitar o valor estético e a capacidade de comunicación que toda obra debe tamén presentar para se converter nun elemento con capacidade de plena comunicación. Neste sentido a súa vontade semella querer captar o momento emocional para mostrar ao home o que é o home, respectando a realidade presentada.
VENTO NORTE, A OBRA FOTOGRÁFICA DE NICOLÁS MULLER
Título: Vento Norte
Autor: Nicolás Muller
Comisariado: José Ferrero
Local: Museo Centro Gaiás, Cidade da Cultura, Santiago de Compostela. Até o 5 de novembro
Traballos dos anos 60
En conxunto, no Museo Centro Gaiás son presentadas un total de 131 imaxes, pertencentes ao Museo de Bellas Artes de Asturias, ao Fondo Ana Muller e ao Archivo Regional de la Comunidad de Madrid. As 82 fotografías que forman o groso da exposición correspóndense cos traballos realizados por Muller nos anos 60, cando recibe a encomenda de levar a cabo fotografías para unha serie de libros ilustrados que tiñan como finalidade captaren a variedade de paisaxes e culturas peninsulares. Alén da documentación de monumentos e edificios abondo coñecidos, a encomenda requiría o achegamento a escenas da vida cotiá en aldeas, vilas e cidades, que son as que o comisario da mostra, José Ferrero Villares, e Ana Muller, filla do fotógrafo, seleccionaron para esta exposición. Trátase, na súa maioría, de fotografías que ben non foran impresas no seu día ou ben foran utilizadas nunha pequena proporción nas publicacións, case sempre con encadramentos recortados que deturpaban a súa entidade e beleza. A mostra recupéraas no seu formato orixinal, reivindicando a calidade destes traballos no conxunto da obra fotográfica de Muller. Para completar esta percepción, o deseño do espazo expositivo establece un percorrido xeográfico que comeza en Galicia e continúa polas imaxes tiradas en Cantabria, Asturias, Navarra e o País Vasco. No final da mostra acrecéntase, so o título “Obras Mestras”, unha selección de 49 das instantáneas máis coñecidas do fotógrafo.