Integrado na subrexión do Alto Tâmega, o concello de Vila Pouca de Aguiar sitúase ao norte do distrito de Vila Real, entre as serras do Alvão e de Padrela e foi, en tempos, unha auténtica mina de ouro. Quixo a natureza que nas súas entrañas de pedra abundase o prezado metal, que se trasladaba despois ata Astorga pola Via Nova. Esta memoria do que foi a explotación aurífera e o que supuxo para a zona está fielmente reflectida no Centro Interpretativo de Tresminas, que inclúe unha visita guiada a unha das galerías. Os séculos I e II despois de Cristo foron de intensa actividade mineira, principalmente para a explotación do ouro, pero tamén de prata e chumbo. Destes traballos resultou un conxunto monumental formado polas minas ao descuberto e por un interesante complexo de pozos e galerías subterráneas. O seu bo estado de conservación levou á súa clasificación como Imóvel de Interesse Público (1997).
A zona mineira de Tresminas constitúe unha das paisaxes culturais máis espectaculares do noroeste peninsular. Hai uns 2000 anos un destacamento dunha das poderosas lexións romanas instalouse na Serra de Padrela para organizar e controlar a explotación a grande escala do ouro da vila de Tresminas e de Jales, no mesmo concello e onde tamén hai museo. Na actualidade, o territorio aurífero de Tresminas, por ser o máis complexo, o mellor conservado e por estenderse ao longo de varios quilómetros, é o máis importante do Portugal romano.
Localizado no centro da aldea de Tresminas, nas inmediacións da igrexa de São Miguel, o centro de interpretación está composto por áreas expositivas interiores e exteriores que permiten contextualizar o período histórico-arqueolóxico e natural da área mineira, situando o visitante en contacto coa tecnoloxía aplicada na época romana para o máximo aproveitamento do ouro. A interacción cos materiais realízase no exterior, onde se localizan os muíños mineiros de trituración e pulverización das rocas. A contorna natural foi provocando a adaptación da fauna e flora do lugar, outro dos descubrimentos que se fan ao longo do percorrido expositivo coa observación das distintas especies que atoparon acubillo e condicións para o seu hábitat no Complexo Mineiro Romano de Tresminas.
A entrada está marcada por un carreiro empedrado que guía ata o edificio principal a través dunha arquitectura que se fusiona en harmonía cos elementos históricos que alberga. No interior, unha combinación de luces suaves e mais o son da música de fondo crean unha atmosfera evocadora que fai máis real a experiencia. As vitrinas albergan ferramentas antigas, xoias e utensilios de época romana que poñen de manifesto a habilidade de quen os creou. A sala principal do centro está decorada con frescos que transmiten o rico patrimonio mitolóxico dos romanos. As maquetas detalladas descobren a antiga arquitectura mineira de Tresminas. Estas recreacións permiten unha visión clara de como era o complexo romano no seu apoxeo e como se levaba a cabo a minería en toda a rexión.
O centro tamén conta cunha sala de audiovisuais onde se proxectan documentais e películas que mergullan o visitante na historia e a cultura da antiga minería. Actualmente, os carreiros sinalizados permiten a visita interpretada a esta mina romana desde unha perspectiva global a partir dos miradoiros sobre os cortados e a propia incursión nas galerías subterráneas acompañados de guía e con reserva previa.
O Complexo Mineiro Romano de Tresminas foi un dos socios fundadores do Roteiro de Minas e Pontos de Interesse Geológico e Mineiro de Portugal. Mais aínda que devén o máis importante, o complexo de Tresminas non é o único. En Jales existe outro espazo expositivo localizado na Casa do Guincho do pozo de Santa Bárbara.
A mina do século XX
En Campo de Jales está a Casa do Guincho, un espazo museolóxico que busca un recoñecemento á antiga actividade mineira que tivo e mais aos seus traballadores. A concesión estivo activa entre 1933 e 1992, e foi a última mina de ouro portuguesa aberta ata o século XX. Constituída por coleccións privadas doadas polos propios mineiros –avós, pais e fillos- a exposición céntrase nas historias dos traballadores e nas dinámicas socioeconómicas e culturais que a compañía mineira fomentaba no territorio. A réplica da galería permite ao visitante a experiencia de percorrer o subsolo, observar os utensilios e comprobar de preto como era o día a día do traballo mineiro.
Por outra banda, o Museo Municipal, situado na Casa do Condado, posibilita unha viaxe única polo pasado do territorio, desde como e onde vivían os primeiros poboadores á explotación dos recursos propiciados pola rexión ao longo de miles de anos: a auga, o granito e o ouro. Vila Pouca de Aguiar é un concello monumental que ten moitos outros puntos de interese como o castelo de Aguiar da Pena, unha singular combinación de natureza e enxeño humano. É un castelo roqueiro asentado nun afloramento granítico cuxas orixes se remontan aos séculos IX ou X. Declarado Monumento Nacional, a fortificación ofrece unha magnífica panorámica de todo o val de Aguiar.