Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Pensamentos alternativos (I)

Pacifismo e antimilitarismo: Tolstoi,Gandhi, King

Manifestación antimilitarista nas rúas de Vigo.

“As ideas da clase dominante –afirmaban en 1845 Marx e Engels en A ideoloxía alemá–, son as ideas dominantes en cada época”, e aclaran decontado que “as ideas dominantes non son outra cousa que a expresión ideal das relacións materiais dominantes”; isto é, as ideas que garanten a reprodución do sistema de dominación capitalista e os privilexios da clase dominante (as diferentes burguesías, financeira, comercial, industrial...) e das súas aliadas de clase.

Lev Tolstoi. fdv

Velaí a razón pola que na nosa sociedade as ideas, en realidade o conxunto de ideas, crenzas, prexuízos, valores, falsas concepcións..., dominantes proxectan unha cosmovisión, unha visión do mundo na que todos os seres humanos, sendo diversos e libres e habitando nunha sociedade na que prevalece a igualdade de oportunidades, podemos chegar até onde nos propoñamos exclusivamente grazas ao noso talento e esforzo individual. Está mesma cosmovisión, profusamente compartida pola cidadanía contemporánea de diferentes paíse, fai do individualismo e da liberdade (obviamente sen “impedimentos externos” para a súa realización), así como da agresividade natural do ser humano (“os seres humanos somos agresivos por natureza”), e dos privilexios masculinos (patriarcado) e da supremacía racial branca (racismo) os eixos do discurso dominante que, ademais, se combina con fortes doses de negacionismo científico (por exemplo, con respecto ao cambio climático) e a aceptación dunha identidade cisheterosexual. Neste sentido, as ideas dominantes nas nosas sociedades defenden os privilexios das minorías e proxectan un evidente desprezo por todo aquilo que non proceda do que Borrell denominou o “xardín” europeo, nunhas declaracións inzadas de colonialismo e racismo.

Mahatma Gandhi. fdv

Porén, fronte a ese suxeito ideolóxico occidental por excelencia, que pode coexistir con variacións a respecto do xénero, da “raza” ou mesmo da identidade sexual, sempre que non cuestione as relacións de clase que perpetúan os privilexios das clases dominantes, xurdiron pensamentos alternativos: velaí están o pacifismo e o antimilitarismo, o antiimperialismo, o anticolonialismo e os movementos pola liberación nacional, o antirracismo e o indixenismo, os movementos anticapitalistas (anarquistas, socialistas e comunistas), o feminismo, os movementos pola igualdade LGTBI+, o ecoloxismo e o animalismo..., que nas últimas décadas se combinan de diferentes formas no que se vén coñecendo como altermundismo. Con todo ese conxunto de pensamentos alternativos non sempre están entrelazados e en ocasións entran en contradición, velaí está o feminismo branco contra o que veñen alzando a voz colectivos feministas procedentes do Sur global, como expón Rafia Zakaria no seu libro Contra o feminismo branco (2022).

Martin Luther King. fdv

Definindo o pacifismo: En Europa, onde dende o ano 1337 son habituais os conflitos bélicos de longa duración (guerra dos 100 anos, guerra dos 30 anos, guerras da Coalición e logo napoleónicas...), en numerosas ocasións se confunde a paz coa ausencia de conflitos armados e o pacifismo coa oposición á guerra, unha actitude máis propia do antimilitarismo e dos movementos antinucleares que nun momento dado centraron a súa loita na oposición á carreira armamentística entre as dúas grandes potencias da guerra Fría. Non obstante, a paz, máis que a ausencia da guerra, é a ausencia de violencia, polo que o pacifismo conforma o movemento que ten por obxectivo a construción dunha sociedade pacífica, isto é: unha sociedade solidaria, xusta e desenvolvida, na que estean ausentes os conflitos violentos –non os conflitos–. Neste sentido, o pacifismo é unha corrente de pensamento que se opón radicalmente aos proxectos das elites, que precisan da violencia para manteren o estado de cousas. Porén, a proba máis evidente de que o pacifismo como movemento está en horas baixas é a aceptación do discurso militarista saído de diferentes “laboratorios de ideas” que presentan a OTAN como unha ferramenta fundamental para a construción da paz no mundo grazas a súa participación en “misións humanitarias” ou en “defensa da democracia”.

De Tolstói a Gandhi e King

Ao longo da historia atópanse os fundamentos dunha actitude pacifista nas obras de Confucio, Lao Tse, no hinduísmo ou no pensamento de Xesús, expresado no Sermón da Montaña, que inspirou numerosas correntes cristiás (amish...) e a numerosos intelectuais, como Tolstoi, fundador do pacifismo contemporáneo coa súa obra O reino de Deus está en vós (1894), na que expón o principio da non violencia, defendendo que se debe abandonar calquera forma de violencia e renunciar á vinganza.

Ese principio tolstosiano da non violencia foi asumido por Gandhi, que o fundiu co concepto hinduísta de áhimsa, para crear un movemento que, baseándose na non violencia entendida como rexeitamento de calquera tipo de violencia e coerción, buscando solucións aos conflitos nas que todas as partes resulten gañadoras e utilizando a resistencia pasiva tanto individual como colectivamente, conduciu á independencia da India do Imperio Británico en 1947.

Finalmente, a non violencia foi asumida por Martin Luther King, da que en 1964 afirmaba que era “unha arma poderosa e xusta. De feito, a única arma na historia que corta sen ferir”.

Compartir el artículo

stats