Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Libros recomendados da semana

Libros recomendados FDV

estirpe fdv

Tropas celestiais e infernais

Amálgama mitolóxica de noso

Francisco Martínez Bouzas

Debuta na narrativa de formato longo Nati Rey (Rianxo, 1988). Mais non é unha neófita na escrita de noso pois é autora de artigos, algún de investigación etnográfica, e de relatos publicados en revistas como Barbantía, ou en libros de autoría compartida. Pero, como digo, A estirpe do arcanxo é a súa primeira novela, unha novela, en aparencia xuvenil, de fantasía cuxa temática e personaxes forman parte da literatura fantástica galega: unha amálgama da mitoloxía de noso cunha historia de demos e anxos caídos. Confesa a autora que se documentou visitando a igrexa de San Martín Pinario que é a que máis anxos ten en toda Europa. Tirou asemade información da casa de Vicente Risco, xa que o polifacético intelectual, un dos cabezaleiros da Xeración Nós, sempre se interesou polas temáticas esotéricas e polo ocultismo. Outros lugares que tamén comparten protagonismo, son Betanzos e Abegondo, entre outros.

En A estirpe do arcanxo o lector atopará literatura fantástica, con protagonista xuvenil: un xénero narrativo cuxos lindes, segundo Todorov, virían marcadas polo amplo espazo do marabilloso onde se desbota o funcionamento racional do mundo. O relato fantástico introduce un elemento sobrenatural que se afasta da orde natural e que, xa que logo, produce inquietude no lector, pois non soamente sorprende e causa medo por ser descoñecido, senón que abre unha fenda en todo o sistema epistemolóxico do mundo. E nesas coordenadas móvese A estirpe do arcanxo. A súa protagonista é Maia, dezasete anos e adoradora de libros antigos, alumna dun instituto de Rianxo. Desde cativa vive coa avoa; o seu pai quedara a vivir en París.

Todo comeza cando un novo profesor lle fala ao alumnado do “Codex Gigas, A Biblia do Demo”. Será o preludio da tormenta e da irrupción do sobrenatural. Un Codex coas páxinas non feitas de papel senón de proteínas e peles de carneiro, composto por un monxe de Bohemia que fixera un pacto con Satanás. Non entanto, a novela de Nati Rey, malia que fala abondo dos anxos caídos, céntrase nomeadamente na estirpe dun arcanxo en dun corpo aberto no que se introduce unha entidade, un tema moi propio da mitoloxía galega.

Novela protagonizada por un personaxe xuvenil, mais non novela xuvenil. Na mesma hai datos históricos ou fabulados dificultosos para seren comprendidos por adolescentes. Tamén historias de relacións amorosas entre rapazas e rapaces e veneración por algún adulto. Unha historia contada por una narrador homodiexético, nunha estrutura lineal e cun galego sinxelo pero correcto. Pouco máis se pode dicir deste debut de Nati Rey, que agardo que se consolide en vindeiras publicacións.

A ESTIRPE DO ARCANXO (2023): Nati Rey, Allariz, Aira Ed., PVP. 18,95€

caleidoscopio fdv

Esgazando os sentimentos

Unha poesía que envolve

Héitor Mera

Conchi da Silva, poeta xa coñecida, preséntanos o seu primeiro poemario en galego. Esta cuestión non é menor pois serve para facer mención arredor do primerio poema do libro no que, con valentía e coherencia, ilustra esa decisión que tantas persoas toman nun momento dado da súa vida. Fronte á presión social, ese paso para distinguirnos en galego. O tal poema é merecente de servir de recurso-exemplo en calquera clase de Lingua e literatura do País.

E no que atinxe ao resto do poemario dicir que, como deixamos entrever, da Silva esgaza os seus sentimentos, preséntaos con toda a crueza ou tenrura, segundo sexa o momento, tratando os temas que poderíamos ter como típico-tópicos cunha personalidade e afouteza sorprendente. Así, non on foxe dos amores tóxicos (nin dos amores fermosos…), non foxe dos sentimentos negativos que a fan dubidar, expón cada unha das posibilidades do seu discurso poético coa expansión e perspectivas dun, claro está, calidoscopio que expande a mirada.

O sentimento de dúbida e valentía ao que fixemos referencia vense reforzados por un resultado notable cunha poesía que nos envolve. Desde o punto de vista formal tende a combinacións estróficas clásicas, de arte menor. As posibilidades do ritmo que experiementa vense acompañadas por unhas metáforas e imaxes dunha forte carga semántica, apoiadas no matiz, nas sensacións que mesturan eses recursos cunha transparencia absoluta na mensaxe última, poetizada coa habelenza de quen ten un talento innato e unha aprendizaxe e coñecemento teórico sólido.

Os poemas percíbense como unha introspección íntima, a reflexión continua sen ningún tipo de valado. Sobranceamos esta cuestión polo tratamento serio, cru e sorpresivo que lle dá a cuestións tan íntimas e ao tempo tan universais. Sen dúbida este poemario rezuma honestidade, non é un xogo de posibilidades líricas posibles, mais non reais; moi pola contra, como moita da grande poesía, lévanos á reflexión, á empatía vivísemos ou non experiencias vitais semellantes.

A colección de poesía Barbantesa xa nos ten agasallado con algúns poemarios interesantes de vez. É xusto facer mención non só das autoras e autores, senón tamén daquelas persoas que, co seu criterio editorial, son quen de argallar unha colección de poesía tan sólida coma esta. Os proxectos e traxectorias tamén deben ser recoñecidos

CALIDOSCOPIO (2023): Conchi da Silva, Cangas, Barbantesa, PVP. 12

xoanana fdv

Valiosa lección

A expresión da liberdade

María Navarro

A expresión da liberdade, da loita e da visibilización ten na décimo novena edición do Premio de literatura infantil e xuvenil “Pura e Dora Vázquez” un referente. O seu autor, Francisco Castro, fíxose co galardón con Xoán, Xoana, un texto reivindicativo no que, ficcionando a realidade, é quen de amosar a importancia que para a sociedade ten o coñecemento e a reflexión sobre o que acontece ao noso redor.

O espazo elixido non pode ser máis cercano: o colexio e o fogar, de modo que mestres, alumnos, compañeiros e familias van deitando a súa ollada sobre aqueles aspectos que afectan ao desenvolvemento da vida cotiá e modificando pareceres e condutas propias de quen non sabe -ou non quere- mirar máis alá porque supón mudar consideracións que se antollaban fixas e inamovibles.

Os lectores coñecen os acontecementos a través do diario de Xoana que ha de loitar na escola e na casa para amosar realmente quen é e quen quere ser. Así protagonista e antagonistas percorren un camiño, non exento de atrancos, e que supón unha marabillosa aprendizaxe para todos, todas e todes. Ademais a intervención dun narrador en terceira persoa establece a distancia necesaria que supón un complemento ideal para a ficción narrativa ao adoitar unha postura obxectiva ante o sucedido.

O contexto no que se desenvolven os feitos, a naturalidade coa que a cativada acepta a realidade e mesmo o cambio de criterio dos adultos permiten e propician que o relato se convirta nun exercicio no que se desenvolva o pensamento crítico e se estimule a aprendizaxe.Finalmente, tamén é valiosa a lección que podemos tirar do texto: se resulta complicado anticipármonos aos cambios, polo menos, haberá que abordalos en paralelo cando se presentan.

XOÁN, XOANA (2023): Fracisco Castro (Ils. Elena Andrés), Vigo, Galaxia, PVP. 14,20

increbleplantas fdv

En tempo vexetal

Boa lectura para a fin do verán

Xosé Feixó

En tradución de Moisés Barcia publica Rinoceronte A incrible viaxe das plantas, de Stefano Mancuso (Catanzaro, 1965), profesor na Universidade de Florencia, coñecido polas súas publicacións, artigos e libros de divulgación sobre o mundo e a vida vexetal. Se o seu anterior libro, Sensibilidade e intelixencia no mundo vexetal, divulga o lugar dos vexetais na vida do planeta, a súa supervivencia, a súa sensibilidade, comunicación, memoria… e as súas ensinanzas, agora, neste libro, vénnos falar dos movementos das plantas e das súas viaxes. Claro que hai que entender que non se fala do movemento da planta concreta en si, senón do movemento da especie, da súa supervivencia, da súa adaptación ao medio, da viaxe a miles de quilómetros e mesmo a miles de anos, por terra, por mar e por aire, e en contra de temibles elementos. Como chegan a lugares novos (como unha illa volcánica no océano), como se adaptan ao deserto ou ao xeo, ou á radiactividade.

Ao longo de seis grupos de supostos e dezaseis exemplos (dous ou tres de cada), vainos explicando as viaxes trepidantes, misteriosas e en definitiva incribles. Un dos que máis me impactou foi a da palmeira de Masada, famosa pola calidade dos seus dátiles: Masada era unha cidade fortaleza como Sagunto, e como Sagunto foi conquistada polos romanos, despois de se suicidaren os seus habitantes para non pasar a humillación da derrota e o cativerio (costume habitual na Antigüidade). Co tempo a datileira extinguiuse por causas climáticas. Pois dous mil anos despois, duns dátiles achados nas escavacións de Masada, fíxose crecer unha delas. Todo contado con coñecemento e detalle, atraendo o interese do lector. Boa lectura para acabar o verán.

A INCRIBLE VIAXE DAS PLANTAS (2023): Stefano Mancuso, Cangas, Rinoceronte, PVP. 17

Compartir el artículo

stats