Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Espellismo beef

Batallas de galos e mercado

Os rapeiros 2Pac (1971-1996), á esquerda, e The Notorious B.I.G. (1972-1997).

É inevitábel: todo cambia e tamén as formas nas que se expresa a radicalidade da xuventude. A crítica, e a súa ferramenta dialéctica de confrontación, conforma un valor a potenciar nas persoas mozas; e aínda que resulta difícil dar o salto xeracional, trátase dun esforzo necesario. Elas e eles non chegaron sós onde están, tiveron axuda dos que hoxe observamos con perplexidade as consecuencias das nosas loitas. O sentido crítico da educación, que pensamos desaparecido, existe pero fóra do marco tradicional; existe aínda que sexa unha merda de marco. E medrará moito máis senón abordamos o cambio deste contexto obsoleto no que contemos ás novas e novos

Non resulta difícil pensar as rivalidades críticas na arte. Inmediatamente amontóanse na mente numerosos nomes. Bansky e King Robbo, Dylan e Warhol, Siqueiros e Rivera, Pollock e De Kooning, García Marquez e Vargas Llosa... A arte préstase para que os egos expandan as súas apetencias transcendentes. Rivalizaron por cuestións estéticas e ideoloxicas pero tamén por outras menos elegantes aínda que, sendo honestos, nunca é estritamente por estas solemnidades.

Pero sempre se pode mellorar nisto das guerras, xa que atopamos novas tecnoloxías para aguzar o tiro, mais a mellora estratéxica parece ser inversamente proporcional á calidade dos contidos. O fenómeno beef é un bo exemplo, unha rivalidade entre artistas na que se emprega a propia creación musical co fin de infamar outra persoa. Esta práctica ten o seu inicio no hip hop. “As batallas de galos”, este xénero discursivo que utilizan os rapeiros, promoveu un formato onde a confrontación é máis prolongada, non se ubica nun momento artístico puntual senón que se mantén no tempo. A confrontación más famosa da historia do hip hop foi protagonizada nos 90 entre 2Pac e The Notorious B.I.G. Rematou con varios tiroteos nos que morreron os dous protagonistas. Outros menos extremos tamén acabaron, pero só coas súas carreiras musicais.Neste fenómeno, prodúcense recriminacións de tipo político, social e sobre a forma de entender a creación. Estas batallas líricas prolónganse con comunicacións a través das redes que recollen a participación dos fans de forma inmediata. Recentemente, nunha destas batallas, un autor manifestou que daría a réplica ao contrincante despois de vender 30.000 euros cunhas camisetas. O obxectivo alcanzouse en poucas horas.

Estes creadores intentan ser exeñosos e ás veces conseguen selo, pero moitos deles teñen máis éxito sendo arrogantes, agresivos, e estereotipados; e con frecuencia tamén acadan grandes cotas de machismo, racismo, vulgaridade e superficialidade nos seus lirismos. Eles teñen unha importancia radical na construción das identidades da xente nova polo que deberíamos abandonar o estupor ante as condutas machistas, violentas e individualistas que se reproducen entre eles na actualidade. Aínda que as plataformas dixitais son un recurso importante para a proxección destes artistas, o propio beef é unha forma de obter popularidade. Nada mellor que una boa liorta para chamar a atención. O tema, aínda que sexa antipático, conclúe por disolverse e o que queda é a popularidade, e neste caso, tamén os cartos.

Tradicionalmente estes movementos eran parte dunha construción reivindicativa e chea de orgullo da súa orixe, o triunfo do quinqui. Reinvindicación que xa abordara o cine dos 80. Hoxe asistimos a unha romantización deste contexto marxinal para unha venda masiva da súa estética, trocando a denuncia nunha moda para que as grandes marcas patrocinen eventos reinvindicativos, gañen moito diñeiro e, coa mesma, esgoten a reclamación porque esta práctica comercial oculta e desvaloriza a traxedia destes fenómenos. Hoxe, popularizado e con proxección mediática, conquista as clases medias con artistas doutra realidade. As súas preocupacións son as da clase media: o aburrimento, o medo ao futuro, o consumo de drogas e o pracer festivo superficial do sexo. Pode que algún deles foron protagonistas desa marxinalidade no pasado, pero agora están convertidos na excepción do sistema. Hoxe son ricos e todo cani o que quere é salvarse aínda que sexa só. Unha subcultura que naceu ligada á fraxilidade social na cidade pero que agora está contaminada con outros valores e que, pola contra, mantén esa realidade orixinal no mesmo lugar.

Por moito beef, a esencia dunha reinvindicación social non pode manterse patrocinada polo mercado porque o mercado é corrosivo, nel todo é produto.

Compartir el artículo

stats