Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Á beira do mar bravo

O xacemento de Adro Vello

Vista aérea do xacemento. | FOTO: A. R.

Durante o pasado verán tivo lugar a última campaña de escavación no xacemento de Adro Vello (O Grove), un sitio arqueolóxico multiforme no que a Universidade de Vigo, mercé ao financiamento da Consellería de Cultura, vén de acometer unha serie de traballos de escavación, consolidación, conservación e restauración.

Os labores desenvolvidos centráronse na protección da cabeceira dos muros e na consolidación dos propios muros que deron forma a unha factoría de salga, unha villa romana e a un complexo relixioso conformado polos restos de dous templos medievais e 106 tumbas que deron forma á súa necrópole.

O levantamento dixital do conxunto, que se levou a cabo mediante técnicas fotogramétricas e Lidar, xunto co reforzo das súas estruturas para facelas máis consistentes, centraron boa parte dos traballos desenvolvidos.Ademais, levouse a cabo a substitución de terra por morteiro de cal nas xuntas dos muros, o que vai axudar a que a vexetación evite a súa colonización, freando así o seu deterioro. A maiores executouse a reconstrución puntual na cabeceira da igrexa, utilizando a “fiada de sacrificio”; isto é, utilizando bloques de pedra que non pertencen ás ruínas para recrecer algunha parte da estrutura.

Detalle de cráneo nun enterramento A.R.

Un dos obxectivos desta campaña, que foi dirixida polo profesor de arqueoloxía da Uvigo Adolfo Fernández, era afinar na cronoloxía e funcionalidade do xacemento fixada por Carro Otero, o seu principal escavador ata o momento, a finais da década de 1980.

Fábrica de salga: Foi datada entre o século I e III da nosa era e está formada por un total dun mínimo de 4 pilos que acollen restos de ictiofauna (espiñas de xouba e, en menor medida, de xurelos) e moluscos (ostras, mariscos). Estes restos –estudados polo profesor Vázquez Varela en 1968– foron destinados á creación de salsas culinarias (licuamen, muria, garum) adubadas con herbas aromáticas. No transcurso da última campaña retiráronse os recheos dos catro pilos ou piletas dedicados á elaboración destas salsas de peixe, o que permitirá estudar coa tecnoloxía actual os restos de fauna mariña que conteñen. Os morteiros cos que foron recubertas estas piletas tamén van ser estudados pola Escola de Enxeñaría e Minas da Universidade de Vigo.

Villa romana: Foi datada no século IV da nosa era e está formada por unha casa romana que puido contar cunha pars rústica; isto é, cun espazo dedicado á transformación de produtos do mar. “A vida desta residencia privada romana puido concluír no s. VI”, sinala Adolfo Fernández, aínda que non o sabemos con certeza dado que a casa é o elemento máis arrasado do conxunto. “A construción desta residencia obrigou a construír muros de contención e unha terraza artificial de cachotería e cantaría, xa que é o elemento que está máis lonxe da praia”, precisa. Os estucos documentados nesta parte do edificio, que garda moitas similitudes con Toralla, serán estudados na universidade de Aveiro.

Templo e necrópole: No ano 1755 o Padre Sarmiento visita a igrexa románica de San Vicente do Grove, que “está a la orilla del mar bravo, cerca del Promontorio, y hoy alli no ay casas. Por lo mismo el año de 745 se fabricó muy tierra adentro la casa del Cura; y este año de 755 se piensa trasladar al mismo sitio la iglesia parroquial (…). Es pequeña a lo antiguo. Tiene atrio alrededor”. Antes do templo ribeirán que coñeceu o ilustrado pontevedrés, houbo aquí unha igrexa visigoda altomedieval que estivo en pé entre os séculos VII e XII, e que contaba cunha nave para os oficios relixiosos e un campanario exento. É a mesma que aparece citada nun pergameo do ano 912 pertencente ao mosteiro de San Martiño Pinario: “et ecclesiam Sancti Uincentii de Ogrobe cum totis suis directuris et familia”.

A necrópole (s. V ou VI-XVIII), vinculada ao templo que escavou o finado Carro Otero hai máis de tres décadas, sitúase no interior e no exterior do templo. Nela documentáronse un total de dez niveis de soterramento en menos dun metro de potencia estratigráfica, o que permitiu dar terra a uns 3.200 individuos, segundo este profesor de medicina da USC. Efectivamente, durante os traballos desenvolvidos pola UVigo entre 2017 e 2023 foron exhumados uns 200 individuos en posición anatómica (unha trintena deles, completos), o que confirma a tese do médico compostelán. “As sepulturas están por todas partes, hai unha densidade elevadísima. Lamentablemente queda moi pouca terra en Adro Vello –unicamente as testemuñas da escavación primeira– polo que temos que desentrañar 1.800 anos de historia en 80 cm, de aí a grande complexidade do noso traballo”, resume o director actual da intervención.

Achados arqueolóxicos

Hai tres décadas, Carro Otero documentou aquí unha moeda do s. XII na que se representa a barca de pedra na que tivo lugar a traslatio apostólica. Tamén unha ara dedicada a Deverius, unha deidade local prerromana, así coma outra dedicada aos Lares Viais (unha delas está perdida, seica) consagrada á protección dos peregrinos que percorrían os camiños do mar. Todo este material está depositado, ao parecer, na Facultade de Medicina, ao igual que as dúas estelas funerarias.

Na campaña de 2023 documentáronse unicamente entre 30-40 fragmentos cerámicos e un coitelo cun mango de óso tallado nun contexto dun vertedoiro da fábrica de salga. Tamén media ducia de moedas medievais e outros utensilios de uso funerario (un anel e contas de colar de acibeche) vinculados ao enxoval dos corpos inhumados durante a Idade Media e a Idade Moderna.

Compartir el artículo

stats