Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Volver estar,volver vivir

José Gil e o cine de correspondencia

O camión de imaxes co que Gil percorreu todos os recantos de Galicia.

Cando Ulises e mais a súa tripulación estaban a piques de avistar a terra natal de Ítaca, unha indómita tormenta arrastrou o seu navío cara a unha illa descoñecida. Ulises enviou algúns dos seus homes para que fosen explorar aquel territorio co fin de obter información verbo dos seus habitantes. Así o fixeron. Entraron en contacto cos nativos da illa que os trataron con suma amabilidade e que incluso lles ofreceron probar un misterioso alimento: o doce froito do loto. Os homes, tras inxerir a planta, caeron nunha especie de letargo que os impelía a esquecer todo: compañeiros, familia, fogar. Perderan a ansia por regresar a Ítaca xunto aos seus. Ante isto, Ulises decidiu saír co resto da súa tripulación na súa busca e, á forza, logrou levalos de volta ao barco. Mircea Eliade afirmaba que na medida no que o pasado se esquece, pode ser equiparado coa morte. A expresión “manter vivo un recordo”, estendida incluso en ámbitos coloquiais, móvese nas marxes connotativas desta interpretación e latexa baixo a ancestral tenacidade humana por alixeirar os devastadores efectos do paso do tempo.

O historiador Manolo González acuñou co termo “cine de correspondencia” os documentos visuais relacionados cos procesos migratorios para a lembranza dos seres, costumes e paisaxes queridos dunha e doutra banda do mar, producidos por encargo do colectivo de emigrantes de América para trasladaren ao país de acollida diversas escenas filmadas do espazo que deixaron atrás. Eran películas que viaxaban nas adegas dos mesmos barcos que transportaban emigrantes ou retornados, para logo seren proxectadas nos mellores cinematógrafos de Buenos Aires ou A Habana. O primeiro destes documentais foi Nuestras fiestas de allá, filmada por José Gil e estreada en 1928. A fita é froito dun encargo da asociación Unión de Hijos de Morgadanes en Montevideo e amosa eventos festivos, lúdicos, relixiosos, sociais e gastronómicos da comarca de Val Miñor, así como as escolas construídas grazas á doazón realizada por parte da citada asociación de emigrantes uruguaios. A paisaxe que rexistra a cámara de José Gil funciona como un “principio reactivo” para a memoria a partir dunha tripla sintagma. Primeiro, por medio dos planos xerais que abren cada un dos bloques que corresponden ás diversas aldeas que o emigrante poderá “visitar”. Sucédenna encadres algo máis pechados nos que a xente irrompe no espazo para presentar o rito ou o evento (procesión, baile, comida campestre, etc.). E xa en última instancia, Gil profunda no desexo do recoñecemento, pero desta vez das persoas, plasmadas mediante planos próximos nos que as facianas pasan a ser recoñecibles. Polo tanto, o esquema resúmese en: gran plano xeral dunha paisaxe (principio reactivo), plano xeral ou de conxunto largo de lugares e xentes (busca de espazos e ritos recoñecibles), planos de conxunto curto e planos americanos de persoas (busca de suxeitos coñecidos). Tarkovski afirmaba que un home que perdeu os seus recordos cae fora do tempo e perde así a súa capacidade de quedar vencellado ao mundo visible, o que quere dicir que está condeado á loucura.

No rótulo que abre o filme de José Gil, pódese ler un texto que de seu encerra o significado último do cine de correspondencia: “Velo atraído (Val Miñor) pola man da arte, é voar cara el”. Non é soamente mirar, senón estar no lugar. A imaxe fílmica, a semellanza da magdalena proustiana, mobiliza o recordo —o cal se instala no eixo temporal— que, á súa vez, impulsa o anhelo dun retorno —eixo espacial—, conxugándose así a dobre morriña que padece o emigrante e que, no seu papel de espectador, proxecta sobre as imaxes. Non se trata unicamente de recordar, senón de volver vivir unha experiencia; revivir, volver vivir, volver estar, volver.

Xira do “Cinemóvil”

O fotógrafo e director cinematográfico José Gil (1870-1937)

Continúa a xira do “CINEMÓVIL” pola provincia de Pontevedra, a exposición ambulante que amosa a vida e obra de José Gil tras a cámara fotográfica e mais o cinematógrafo. A recreación case exacta do camión co que o operador galego levaba a maxia das imaxes en movemento a todos os recunchos de Galicia, ten percorrido xa numerosas vilas da provincia de Pontevedra, e ten acordado para o mes de setembro a súa vindeira parada en Cangas.

A xira conta, ademais, coa promoción do libro Nos días encantados de agosto. Unha biografía de José Gil, escrita polo investigador Manolo González e editada pola Editorial Galaxia dentro da colección “Para unha historia do cinema en lingua galega.” A obra, profusamente documentada, percorre a traxectoria vital e artística do precursor nado en Rubiós (As Neves), quen filmou Galicia todos os agostos entre 1910 e 1934.

  • Para unha historia do cinema en lingua galega. A foresta e as árbores: 2


    Galaxia, PVP. 21,65€

Gil chegou a Vigo en 1905 para traballar como fotógrafo, ata que en 1910 merca unha cámara cinematográfica Gaumont coa que iniciará unha dilatada carreira. En 1916 roda a primeira película de ficción filmada en Galicia Miss Leyda, unha curtametraxe con argumento de López de Haro, na que personaxes célebres como Castelao participan na rodaxe

Compartir el artículo

stats