Entrevista | Xosé Cermeño Escritor e creador audiovisual
“Os mentireiros son unha parte importante da sociedade”
“Sempre hai máis humanidade e máis vida cando o humor ten unha porta pola que entrar”

Xosé Cermeño / Paula Cermeño
–A que se debeu ese longo silencio literario seu, de case trinta nos, ata a publicación de Días felices con Fábia.
–A verdade é que estiven en silencio a medias. Escribín e dirixín moita televisión: series, documentais e programas de entretemento. Fixen uns setecentos programas en prime-time, con milleiros de horas de emisión. É certo que publiquei pouco en libro, pero o meu traballo foi sempre “contar historias”. E pagou a pena madurar amodo esta novela. Hoxe dixéronme: “nótase que traballaches para que todo teña un aspecto sinxelo e fluído” e agradecín esa observación, porque procurei que a escritura estivera a favor do lector. Quixen ofrecer una historia intensa, ben contada. Ao final, o gozo de quen le é a mellor recompensa.
A trama de Días felices con Fábia xira, en gran parte, arredor da mentira e mais os mentireiros, do engano e dos que enganan. Por que o seu interese por este “concepto” (o da mentira) e polo seus “practicantes” (os mentireiros)?
–Mentireiros e mentireiras son unha parte moi importante da sociedade! A novela conta unha historia de amor e tamén unha historia sobre como as mentiras condicionan e moldean as vidas das persoas. Tense escrito mil veces que o uso da man ou a fabricación de ferramentas ou o tamaño do noso cerebro foi o que nos fixo humanos… Pero eu creo que foi o descubrimento da capacidade de mentir o que nos fixo definitivamente humanos. Que poidamos dicir “tal cousa é así” e que non sexa certo, pero que outros confíen no que lles dicimos é unha capacidade terrible en moitos casos, pero tamén marabillosa noutros. En “Días felices con Fábia” os mentiráns, os impostores e os falsificadores son unha fonte de inspiración para o protagonista. E unha forma de xustificarse tamén.
–Non obstante, tense dito que hai más verdade nun bo libro de literatura que nun manual de Historia...
–Son verdades diferentes. Un historiador, como un xornalista, débese aos feitos documentados ou probados, e iso é único que podemos chamar verdade. A literatura, como dicía Vargas Llosa, é “a verdade das mentiras”, unha maneira moi útil de explorar a condición humana a través da imaxinación e das metáforas. En Días felices con Fábia deixo que o protagonista –un personaxe fráxil, inseguro e tamén algo covarde- conte a súa verdade, as suas carencias e, sobre todo, a súa loita contra a infelicidade.

Xosé Cermeño, cun exemplar do seu novo libro. / PAULA CERMEÑO
–Tamén atopamos as súas características pingas de humor, cousa que,por certo, estase moito a botar en falta na narrativa galega que se fai hoxe en día. Quepasa coa relación entre o humor e a literatura de noso? Coida que existen prexuízos e os novos autores pensan que o humor vai “desprestixiar” as súas obras?
–Un ton dramático sempre parece máis transcendente, pero é un prexuízo, como ti dis. Unha boa parte das obras de Shakespeare, de Molière ou de Goldoni son comedias. Cervantes, Montaigne e Swift están impregnados de humor. Sempre hai máis humanidade e máis vida cando o humor ten unha porta pola que entrar. Os meus mestres foron Billy Wilder, Lubitsch, Woody Allen, Mark Twain…. e síntome moi ben acompañado por eles. É certo que demasiados escritores pensan máis na súa propia consideración intelectual que nos lectores... pero xa se decatarán do seu erro cando medren! Traballar para a televisión ensina que a creación é comunicación e pensar no público é esencial.
-O tema central da novela é o amor. A min, sinceramente, chamoume a atención a súa frase de que “as historias de amor empezan sempre cunha mentira”...
–Na vida non sempre é así, pero case. Cando tratamos de seducir, mostramos o mellor de nós e ocultamos -ata onde é posible- os nosos defectos. Ademais, unha novela necesita ter un elemento de tensión ou de conflito para desenvolverse. Despois de ler Días felices con Fábia, moitos lectores e lectoras van sentir que eles -ou algunha persoa que coñecen- teñen moito que ver co personaxe principal. A colección de mentiras que o protagonista vai reunindo sérvelle para preguntarse “por que mentimos?” e ”por que estou mentindo eu?”. Conseguir un pouco de afecto é unha das posibles respostas. O personaxe vai escribindo no seu caderno esas historias de tramposos: desde suplantadores do Rei Sebastián a artistas da falsificación, pasando por videntes e adiviños. Pensa que el ten algunha relación con esa clase de enganadores. É unha parte divertida da novela.
–Outro elemento da súa obra é a melancolía. Tamén é saudable rirnos da melancolía ou a esta hai que terlle un certo respecto?
–Melancolía e humor non son incompatibles. De feito, con frecuencia pasamos polas dúas experiencias. Un personaxe medio náufrago, metido nunha relación amorosa malencamiñada, produce certa melancolía, porque está a perder unha oportunidade na vida. Na distancia acabamos vendo estes impostores con certa compaixón, aínda que non a merezan.
-Hai un protagonista non humano, que é o polbo. Débese á súa devoción pola gastronomía do país?
–O polbo é un protagonista involuntario: a novela fala dun realizador de televisión, que anda mal de cartos e de afectos, e vai gravar unha reportaxe sobre a acuicultura dos polbos. Interésame moito o polbo como animal, do que os biólogos din que ten un sistema neurolóxico complexo e sorprendente nun invertebrado. Coñecer as condicións necesarias para crialo en granxas, foi un reto científico, case unha novela de suspense. Tamén é un animal de gran valor literario e simbólico. Ademais, é certo que me gusta a gastronomía!
–A novela ten unha dedicatoria singular...
–Si, a novela transcorre no Porto e nos seus arredores, en Portugal, e está dedicada a esa cidade. Porto é hospitalaria, fermosa e sempre me sentín ben acollido. O turismo está sometendo a cidade a cambios moi acelerados, pero será difícil que perda os seus encantos máis profundos.
-Non podo esquecer a súa faceta audiovisual, pero vaiamos por partes. Pode ser un guión (dunha serie, dunha película) tamén una boa peza literaria?
–Desde logo que si. Un guión e unha novela están escritos coa mesma materia prima, que son as palabras e as historias. Woody Allen, Ben Hetch, William Goldman, Jane Campion ou Rafel Azcona son grandes escritores.
-A serie creada por Vde. que tivo máis éxito foi, sen dúbida, Pratos Combinados. Resulta curioso comprobar como tantos anos despois a xente continúa a rir cos chistes do bar Suízo e os seus personaxes. Podería dicirse que unha das varas para calibrar se o humor ten calidade é que perdura no tempo? Con outras palabras, o humor de verdade non é unha arte efémera?
-Pode ser. Eu estou moi agradecido pola permanencia de Pratos Combinados na memoria dos espectadores, porque foi unha serie pioneira e abriu moitos camiños no audiovisual de Galicia. Para min, constitúe unha maneira de querer e entender a audiencia, algo que falta ás veces na literatura galega e na propia televisión.
Suscríbete para seguir leyendo
- Hallan muerta a la artista viguesa Seila Esencia tras dos semanas desaparecida
- Una familia británica ofrece casi 69.000 euros al año por cuidar de su perro y vivir en su finca
- Olalla, acogedora de dos hermanos con dedicación exclusiva: «Ni lo haces por ti ni por trabajo o vocación, es una forma de vida»
- No cojas pájaros del suelo: la Sociedad Española de Ornitología recuerda lo que debes hacer si encuentras una cría fuera de su nido
- Consternación en Cuntis y Vilagarcía por la muerte del profesor Enrique Portela a los 37 años
- Recupera 400 euros perdidos en el Álvaro Cunqueiro tras ser localizada por las cámaras la persona que los cogió del suelo
- Vende 4 pisos en 2022 y exige que se los devuelvan porque ahora son más caros
- Comienza la invasión militar en Vigo: el Ejército comienza a instalar el campamento en As Travesas
