Arte: exposicións

Pesar a pintura e o espazo

A obra de Lluís Lleó no MARCO

Unha procurada e especial relación coa arquitectura e mais o espazo é un dos alicerces da pintura que presenta o artista catalán Lluís Lleó (Barcelona, 1961) no MARCO, ocupando a totalidade da planta baixa do museo.

Pittore -que este é o título de exposición presente até o 24 de setembro- mostra un conxunto de obras realizadas desde o regreso do artista dos Estados Unidos en 2017 e concibidas, practicamente na súa totalidade, para esta exposición. A mostra non pretende un percorrido antolóxico pola obra do pintor -que residiu en Nova York entre 1989 e 2017-, senón ofrecer un diálogo entre a súa pintura e o singular espazo do museo.

  • Título da mostra: Pittore

    Artista: Lluís Lleó

    Comisariado: Rosa Gutiérrez, Herranz e Miguel Fernández-Cid.

    Local e data: MARCO, Museo de Arte Contemporánea de Vigo. Até o 24 de setembro.

Para a exposición viguesa, Lleó produciu unha atraente sucesión de pinturas, esculturas e unha estrutura circular de aceiro revestida de terracota pintada ao fresco para o panóptico, que forman grupos de superficies pintadas, de dimensións diversas e aliñadas ou estruturadas en diálogo co espazo do museo. O punto de partida foi o interese polas técnicas tradicionais da pintura ao fresco -homenaxe a seu pai muralista- a través da utilización de pigmentos en estado puro, empregados despois nos cadros en distintos soportes, reforzando a relación singular co edificio-soporte. Hai pois unha vontade nítida de construír unha relación específica coa arquitectura do edificio, en interacción coa obra arquitectónica mais non sometida á mesma.

Pesar a pintura e o espazo

Pesar a pintura e o espazo / Carlos L. Bernárdez

Este diálogo é explícito xa desde a montaxe realizada, na cal os conxuntos pictóricos de Lleó desenvolven percepcións espaciais diversas, desde os diferentes ángulos en que os podemos percibir, con especial proxección escenográfica nas distintas salas e no panóptico, ámbito que de novo mostra as posibilidades que posúe para intervencións singulares e que no conxunto da mostra loce con especial vigor.

A escenografía é unha das chaves para a comprensión do traballo do pintor catalán. En Pittore toda a mostra remite a este carácter, sendo a pintura, as manchas de cor, non un límite, senón un ámbito para suxerir a profundidade ou para a suxestión dun espazo interior na pintura, con especial brillantez e calidade nos enormes pinturas sobre papel ou liño. A cor e mais o debuxo abren o espazo nesta dupla dirección, para a dentro e para fóra, afondando, proxectando para a un interior virtual e espellando cor e luz, nun diálogo non realizado en pura complementaridade senón aberto e libre. O resultado é extremadamente equilibrado, deixando na ollada do espectador todo un abano de suxestións.

Pesar a pintura e o espazo

Pesar a pintura e o espazo / Carlos L. Bernárdez

Hai, por tanto, en toda a obra, unha sensación de abertura de límites, que se dá por medio dun compromiso total coa pintura -algo que o título da exposición claramente apunta-, por medio deses grandes papeis que flutúan nos patios ou nas estruturas circulares e esculturas; soportes e técnicas que tamén axudan a modular as sensacións e a crear percepcións complementarias e dispares. Igualmente importantes son os agrupamentos das pinturas, que, como un quebracabezas labiríntico, acaban constituíndo unha especie de comunicación criptografada -co complemento dos títulos-, que non remite á escrita, senón que serve de estímulo ao ollar, a unha contemplación tamén labiríntica e aberta a diferentes lecturas e suxestións.

Pesar a pintura e o espazo

Pesar a pintura e o espazo / Carlos L. Bernárdez

Traxectoria e diálogo

Lluís Lleó asenta a súa carreira artística como pintor a partir dos anos oitenta, sempre cun interese especial por facer dialogar a súa pintura e o seu debuxo cos espazos arquitectónicos.

lleo5.jpg

Marta G. Brea / Lluís Lleó na mostra "Pittore"

Na súa obra hai unha aposta por unha creatividade moi meditada, por unha ligazón estreita e fluída entre as fases e factores da súa creación: icónicos, cromáticos e espaciais, que se fan explícitos como parte do acto de creación, mais sen afogaren o valor do puramente plástico. É a súa unha pintura que ten moito de espacialidade expansiva e esencialmente cromática que a converte nunha “construción ambiental” que busca espontaneamente a arquitectura mergullando o espectador no seu mundo e abrindo o espazo para a súa imaxinación.

O interese do pintor polo espazo construído sitúa a súa obra nun permanente diálogo coa tradición artística e coa reflexión teórica da arte occidental, nomeadamente a que desde o século XVIII ten a arquitectura e o carácter escenográfico como elemento nuclear. Se callar, esta é unha das chaves dos eu traballo -tamén do realizado no MARCO-, ese carácter ao mesmo tempo aberto e concentrado, que desde o pormenor e a pincelada nos leva á amplitude espacial e á intensa sensación lumínica, e desde esta novamente ao punto inicial, nunha espiral envolvente. Porque, a final, o que nos propón o artista son distintas maneiras de ollar, mesmo no sentido máis literal, ollar desde distintas distancias e puntos de vista. Un tema tan vello, produto dun debate case académico, mais que na súa proposta se torna plenamente actuante e pertinente.

Suscríbete para seguir leyendo