En Mitos e mentiras da Transición (El Viejo Topo, 2006) André-Bazzana afirma que “a memoria da transición construíuse no imaxinario colectivo tanto a partir das lembranzas como dos esquecementos. Efectivamente, un deses mitos é o que sostén que a Transición foi un proceso pacífico liderado do rei Xoán Carlos que nos levou dende a ditadura franquista á nosa democracia actual.
Os límites cronolóxicos da Transición
Considerando que a Transición é un proceso político que, como titulaba no ano 1977 José Vidal Beneyto, consiste no tránsito dunha ditadura de clase, o franquismo, a unha democracia de clase, resulta evidente que os límites dese período hai que establecelos entre o 20 de novembro de 1975, data na que morre o ditador, e o 6 de decembro de 1978, data na que se aproba en referendo a Constitución da monarquía parlamentaria española. Non obstante, os diferentes autores que investigaron este período propoñen outros lindes. Así, Paniagua (2009) e Preston (1983) fan comezar a Transición no ano 1973, coincidindo co comezo da crise do petróleo e mais o atentado perpetrado por ETA contra Carrero Blanco (20/12/1973); aínda que quizais haxa que retrotraerse a 1972, data do inicio do ciclo de mobilizacións obreiras que marcaron o período. No remate, tanto Maravall -quen no libro A política da transición (1982) fai arrancar esta no ano 1975- como Preston coinciden en propor o ano 1980; non obstante, Paniagua fai coincidir o final da Transición co ingreso de España no Mercado Común Europeo -MCE, hoxe UE- e na OTAN -logo de que nun referendo se aprobase pola mínima a permanencia nesa organización militar-, feitos que tiveron lugar no ano 1986.

Os feitos (non violentos) que marcaron a Transición
O 22 de novembro de 1975, seguindo o plan previsto polo ditador, Xoán Carlos de Borbón -designado sucesor de Franco a título de rei o 22 de xullo de 1969 nunha cerimonia na que xurou os principios do Movemento-, foi proclamado rei.A partir dese momento sucédense os feitos: ratificación do goberno franquista de Arias Navarro que, co apoio de Fraga, aprobou tímidas reformas tales a limitada lei de asociacións e de reunión, así como a lei de Relacións Laborais (8/4/1976). Xa baixo o goberno reformista de Suárez foi decisiva a aprobación da lei para a Reforma Política (4/1/1977), a disolución do Movemento Nacional (1/4/1977), a legalización do PCE (9/4/1977) e a celebración de eleccións a Cortes constituíntes (15/5/1977). A partir dese momento o “goberno do consenso”, encabezado de novo por Suárez, aproba a lei de Amnistía (15/10/977) e subscribe un conxunto de criterios de carácter económico, social e político -os Pactos da Moncloa asinados no mes de outubro de 1977-, que foron a base do texto constitucional aprobado en referendo o 6 de decembro de 1978. Ao longo da primeira lexislatura constitucional (1979-1982), subscribiuse un acordo económico coa Santa Sé (3/1/1979), aprobouse o Estatuto dos Traballadores (10/3/1980), aprobouse o ingreso de España na OTAN (29/10/1981), formalizado no ano 1982, e avanzouse no proceso autonómico coa aprobación dos estatutos de Cataluña e Euskadi (25/10/1979) e Galicia (21/12/1980). O golpe de Estado do 23 de febreiro de 1981 culminou a estratexia da tensión dos anos anteriores e facilitou a chegada ao poder dun goberno socialista que fixo as reformas necesarias para consolidar a democracia de clase, que xira arredor de tres eixes: o neoliberalismo, o europeísmo dos mercadores e o atlantismo no plano militar.
Así, malia que dende o ano 1972 un potente movemento obreiro e universitario viña pulando por unha ruptura democrática que instaurase un réxime non tutelado polas institucións herdeiras do franquismo, as clases dominantes -con fortes vínculos internacionais-, lograron pilotar un proceso de transición que, logo duns anos dominados pola estratexia da tensión, concluíu no ano 1986, tras da da plena integración na OTAN e no MCE e despois da desmobilización dese vizoso movemento de oposición ao franquismo que no transcurso deses 14 anos deixou polo camiño demasiados compañeiros mortos vítimas de crimes de Estado.
Estratexias e vítimas
Segundo o cómputo realizado por Baby na súa tese Violencia e política na transición democrática española (2006), o número de vitímas mortais por causa de tal proceder, en España e entre 1975-1982, foi de 700 persoas: delas, 328 foron provocadas por ETA, polo que resta un número moi elevado que se pode atribuír tanto a organizacións de extrema esquerda (GRAPO, FRAP) como de extrema dereita (BVE, GAL...) e mais a propia represión policial, e velaí os mortos do 10-II-1972 en Ferrol, a matanza de Vitoria (3-III-1976), os sucesos de Montejurra (9-V-1976) ou a semana tráxica de xaneiro de 1977, que inclúe a matanza de Atocha, provocados como demostra Carlos Portomeñe no seu libro A matanza de Atocha e outros crimes de Estado (Atrapasueños, 2022), no marco dunha estratexia da tensión na que actuaron impunemente as forzas da extrema dereita, que contaban co apoio do Estado. Tratouse dunha estratexia que tiña por obxectivo “guiar” o combativo movemento obreiro e universitario, republicano e socialista, cara a opcións políticas menos hostís coas clases dominantes..., para o que se puxeron en marcha todos os medios dispoñibles nunha violenta estratexia da tensión que tamén funcionou noutros países de Europa, como foi o caso de Italia.