Internet pode dar moito medo, especialmente en períodos electorais, pero tamén aporta moitas alegrías. Non só permite descubrir novas e novos creadores ou ser unha plataforma para ofrecer visibilidade, e vendas, aos seus labores; tamén conta con espazo para promocionar obras fora do circuíto editorial.
Este é o caso do fanzine de Papá hace lo que puede, de José Domingo (Zaragoza, 1982), unha recompilación das tiras do mesmo nome publicadas nas redes do autor a principios do ano 2022. Un pequeno volume autoeditado con moito agarimo: formato cadrado de 28 páxinas a cor en papel offset con encadernado con grampas que se pode adquirir na súa páxina web, con dedicatoria e omais agasallo dunha chapa.
Papá hace lo que puede está formado por páxinas de catro viñetas que recollen as anécdotas do autor na crianza do seu fillo Telmo coa cotiandade da nova paternidade como tema central, tratado desde o humor e a tenrura do tópico (real) de que os pais e as nais viven co medo constante a equivocarse no coidado dos seus bebés, esforzándose por facer todo o que supostamente é correcto e facéndoo o mellor que poden… con diferentes resultados. O autor emprega o seu estilo divertido e caricaturesco para contalo, con grande expresividade nas dúas personaxes centrais.
Aínda que nacido en Zaragoza, José Domingo criouse en Galicia e estudou na facultade de Belas Artes de Pontevedra. É un dos autores incluídos na exposición actual, organizada pola propia facultade e mais o Concello de Pontevedra, 9 narrativas gráficas e unha animación desesperada, para a que realiza a ilustración do cartel. A súa carreira profesional deu inicio no mundo da animación, como deseñador de personaxes e debuxante de storyboards en Dygra Films. Tamén foi parte do equipo de arte da película Psiconautas, los niños olvidados (2015). E aínda nesa altura tamén principiou a súa carreira gráfica. Formou, e forma, parte do colectivo Polaqia e publica historias curtas en diferentes fanzines, como Haima, Barsowia, Carne Líquida ou Retranca.
En 2008 publicou Cuimhne. El fuego distante (Dolmen), a súa primeira obra, guionizada por Kike Benlloch (A Coruña, 1974). Tres anos máis tarde aparece a novela que o faría famoso internacionalmente: Aventuras de un oficinista japonés (Bang Edicións, 2011; Astiberri, 2017). Inicialmente foi un encargo de cinco páxinas para as Xornadas de Banda de Ourense que se converteu no seu primeiro cómic longo en solitario, polo que obtivo o premio á mellor obra nacional no Salón de Cómic de Barcelona en 2012, recibindo, ademais, un nomeamento aos premios Eisner na categoría de mellor cómic internacional en 2014, despois da publicación nos Estados Unidos e no Reino Unido da man da editorial Nobrow Press.
Estreouse coa editorial Astiberri con Conspiraciones (2013), unha recompilación de lendas urbanas, e repetiu con Pablo & Jane en la dimensión de los monstruos (2015), un álbum infantil que mestura o cómic e mais o libro-xogo ilustrado. Tamén para o público infantil, publicou No me hables de política (Montena, 2017), xunto á guionista Berta Barbet (Barcelona, 1986), unha explicación do sistema político en forma de banda deseñada.
Entre o seu traballo como ilustrador en diferentes medios e a paternidade, Domingo atopou un recuncho para publicar este anecdotario que, como é obvio, desfrutarán especialmente os novos pais.
A Sala Universitaria Profesor Manuel Moldes, na facultade de Belas Artes da Universidade de Vigo no campus de Pontevedra, inaugura unha nova etapa baixo a coordinación de Ignacio Pérez-Jofre (Madrid, 1965), vicedecano de Cultura, coa mira posta en tres eixos: dar visibilidade ao traballo creado desde a facultade, ter unha ollada no contexto cultural e ser un estímulo para a continuidade na creación e investigación.
Esta nova etapa arranca coa estrea da exposición colectiva 9 narrativas gráficas e unha animación desesperada, realizada en colaboración co Concello de Pontevedra e comisariada por Kiko da Silva (Vigo, 1979), e que se poderá visitar ata o 29 de xuño. Nela móstranse as obras de dez profesionais da banda deseñada e a ilustración, ex alumnas e alumnos da facultade: Brais Rodríguez (Brión, 1980), Jano (A Coruña, 1979), José Domingo (Zaragoza, 1982), Julia Lago (A Coruña, 1994), Martín Romero (Boiro, 1981), Miguel Cuba (Lugo, 1982), Miguel Porto (Vigo, 1980) e Miriam Iglesias (Ferrol, 1994), así como o traballo do propio Kiko da Silva. Tamén inclúe unha animación e bosquexos de Psiconautas, película de animación de Alberto Vázquez (A Coruña, 1980), antigo alumno e gañador de catro premios Goya.
Para Da Silva esta exposición supón un “acto de xustiza” para a banda deseñada, unha nova reivindicación dun recoñecemento tardío e difícil dentro do ámbito artístico que, coida, supoñerá un cambio. Ademais, o autor e editor resalta como a formación en Belas Artes de gran parte dos profesionais da industria permite atopar gran cantidade de estéticas e procesos creativos que aparecen reflectidos na exposición.