Museos

Arte de poeta

Casa Museo José Régio, Vila do Conde

A José Régio, pseudónimo de José Maria dos Reis Pereira (Vila do Conde, 1901-1969), se hai un adxectivo que lle encaixe ben, ese vén ser o de polifacético. E é que, en efecto, Régio foi poeta, crítico, pintor, coleccionista…, anticuario e dramaturgo, especialmente valorado por ser guía e impulsor da chamada segunda parte da literatura modernista portuguesa. Profesor de ensino secundario durante gran parte da súa vida, está considerado, xunto a Antero de Quental e Fernando Pessoa, un dos grandes poetas metafísicos de Portugal. A casa familiar de Vila do Conde é desde hai anos un museo sobre a súa figura e mais a súa obra onde se mostra o seu gusto polo coleccionismo de arte, ademais do ambiente en que vivía.

A casa museo de José Régio sitúase na avenida que tomou o nome do poeta, outrora Avenida Campos Henriques e Rua das Hortas. Inaugurada o 17 de setembro de 1975, seis anos despois do seu falecemento, a vivenda -adquirida pola Cámara Municipal- atópase tal como el a distribuiu. A Régio está dedicado outro museo en Portalegre, no inmoble que habitou mentres foi profesor nesta localidade do Alentejo. A de Vila do Conde chegou ata o poeta a través da transmisión do seu pai quen, á súa vez, a herdou da súa tía –a madriña Libânia- en 1928. A casa é un edificio de tres plantas, datado a finais do século XIX. Na vivenda familiar o escritor pasaba as vacacións e preparouna para vivir cando se xubilou do ensino, en 1966.

Fóra da sala de arte e pintura moderna, que Régio pediu ao seu irmán Júlio María que organizase, toda a decoración e disposición dos obxectos expostos nas diversas estancias son resultado da concepción do poeta. Ávido coleccionista de obxectos de arte popular e relixiosa, especialmente durante as décadas que viviu en Portalegre, o escritor regresou ao seu fogar de Vila do Conde xa xubilado e acompañado dalgunhas das mellores obras do seu mostrario persoal. Foi entón cando fixo os últimos cambios na súa casa, facéndoa máis funcional e adaptada á súa idade. A exposición de carácter permanente inclúe a sala de arte contemporánea na planta baixa, o dormitorio, o despacho e mais a biblioteca no primeiro piso, mentres que na última planta se atopa un comedor e dúas habitacións de invitados. No exterior da casa hai un xardín con miradoiro e un anexo de dous pisos, cada un cunha división.

Arte de poeta

Arte de poeta / Tere Gradín

Aínda que parte do seu legado está na casa de Portalegre, na de Vila do Conde pódese gozar de diversas coleccións, desde pintura a mobiliario. Hai cadros dos máis variados temas, desde relixiosos a obras contemporáneas de Júlio Álvarez, incluíndo debuxos do propio escritor. Tamén se poden ver cartas, fotografías, primeiras edicións de libros e esculturas populares das que Régio era gran afeccionado, tanto de arte profana como sacra: cristos, exvotos ou imaxinería relixiosa. Existe unha orixinal antoloxía de máis de 400 imaxes de Cristo Crucificado, sendo a máis antiga do século XV. Tamén é posible ver cruces, oratorios e outras expresións populares de fe, así como pezas que lembran os oficios tradicionais como o traballo da cortiza e do ferro forxado. A casa posúe ademais unha extensa biblioteca.

Arte de poeta

Arte de poeta / Tere Gradín

A vivenda adxacente era propiedade doutro irmán, João Maria, e a seguinte era a residencia da empregada da familia, Benilde. A Cámara de Vila do Conde adquiriuna e transformouna na sede do Centro de Estudos Regianos (CER). Trátase, esta, dunha unha asociación cultural de utilidade pública cuxo obxectivo é a divulgación e investigación da obra de José Régio. Ademais da publicación da súa revista anual, Estudos Regianos, que ten por fin reunir e promover os traballos que se realizan sobre a obra do escritor, o CER atópase ao dispor de lectores e estudosos na procura de documentación e información. Tamén apoia accións ligadas á investigación da literatura, filoloxía e cultura portuguesas do século XX.

Do divino e do humano

O escritor de Vila do Conde deixou unha abundante obra de creación poética, así como unha importante produción de ensaios. Foi un dos grandes literatos do grupo Presença, ao que pertencía, nome tomado da revista da que foi impulsor, creada en Coimbra desde 1927 a 1940. Régio está considerado unha figura central do modernismo portugués.

Estatua de José Regio en Vila do Conde

Estatua de José Regio en Vila do Conde, Portugal

A súa obra reflicte conflitos intrinsecamente unidos á natureza humana, como a pugna co transcendente, a soidade do individuo na sociedade contemporánea, a loita entre o ben e o mal ou a salvación e a condenación. A súa carreira literaria comezou en 1925, antes mesmo de concluír a carreira de Letras en Coimbra, coa publicación do volume Poemas de Deus e do Diabo. Dous anos despois, xunto a outros amigos, fundan a referida revista Presença, marco inicial, segundo os estudosos, da segunda fase do modernismo luso. Ademais de poesía escribiu novela, teatro, ensaio e colaborou en xornais como o Diário de Notícias e O Comércio do Porto. Como ensaísta, dedicouse ao estudo de Camões e Florbela Espanca, entre outros. As Encruzilhadas de Deus, Cântico Suspenso, Filho do Homem ou Histórias de Mulheres son algúns dos títulos da súa abundante obra, que compaxinou coa docencia durante trinta anos en Portalegre, onde ten tamén casa museo.

Suscríbete para seguir leyendo