Como é ben coñecido, os álbums de Castelao Galicia Mártir (febreiro,1937), Atila en Galicia (xullo, 1937) e Milicianos (agosto, 1938) foron elaborados no transcurso da Guerra Civil española. Tales volumes, a denunciaren a barbarie fascista en Galicia, non só interesaron na España republicana e na América emigrante, senón aínda noutros países afastados da nosa realidade. Tal vén ser ese, daquela, o caso da China, onde foron reeditados varias veces: tantas como en ningún outro lugar do mundo, por mor da admiración do grande escritor chinés Ba Jin polo noso inmorredoiro rianxeiro.
O profesor da USC Claudio Rodríguez Fer –autor dun recente e moi interesante traballo que leva por título “Castelao editado e reeditado en China”, no que ofrece cumprida noticia de semellante conxuntura– vén de recibir, en perfecto estado, a primeira edición de Atila en Galicia, publicada en 1940 no país asiático, sob o título de Xibanya de kunan, que vén significar “O sufrimento de España”.
Xa en 2015 a editorial xaponesa Da Chen xustificaba a desaparición da referencia ao noso país nos títulos de Galicia Mártir e Atila en Galicia –convertidos, respectivamente, en O sangue de España e O sufrimento de España– por razóns de comprensibilidade. A razón desta adaptación radica en que case ninguén nunha China pechada a Occidente coñecía o topónimo “Galicia” nin aínda o antropónimo “Atila”, polo que se considerou preferible optar por fórmulas máis eficazmente descritivas e intelixiblemente recoñecibles para o público chinés, como eran as alusivas aos padecementos provocados pola sublevación fascista no conxunto de España, dos que a brutal represión producida entre nós foi contemplada como representativa. Así e todo, Ba Jin si mantivo a referencia ao pobo galego que figuraba na dedicatoria de Galicia Mártir “Aos galegos que andan polo mundo”.
A adquisición do volume citado por parte do profesor Rodriguez Fer, quen dirixe a Cátedra José Ángel Valente de Poesía e Estética na USC, levouse a cabo mediante o labor da profesora Zhou Wei, quen conseguiu localizar ese exemplar de Atila en Galicia nunha libraría de vello chinesa, na cal o álbum de Castelao xaceu durante mais de oito décadas. Pero como xa adiantamos, non foi o único álbum de Castelao editado na China. O primeiro, Galicia Mártir, apareceu en Cantón (1938). A solidariedade antifascista levara un exemplar do álbum á China ao ano de ser publicado en Valencia.
Atila en Galicia foi descuberto por Ba Jin en Shangai (1940), co xa referido titulo de Xibanya de kunan (O sufrimento de España). A fidelidade editorial e mais o respecto de Ba Jin por Castelao non se detiveron, e así publicaron as outras dúas obras conxuntamente, engadindo o rótulo da versión en italiano: Xibanya de xue (Il sangue di Spagna), 1948 e1949. Estas edicións bilingües, en chinés e italiano, aparecen realizadas “A la cura de Li Pei Kan”, quen vén ser o tradutor ao italiano dun “Pórtico” xeral que mantén o colofón orixinal de Atila en Galicia, reproducíndose ademais as vinte estampas de Galicia Mártir e de Atila en Galicia, se ben que substituíndo os pés manuscritos en galego de Castelao pola súa tradución ao italiano, lingua en que tamén aparecen os breves prefacios que o autor puxera en ambas obras, nestes dous casos así mesmo vertidos ao chinés.
Tres exemplares da edición de 1948 poden atoparse na Biblioteca Pública Arús (Barcelona), a través das pescudas de Joan Prados e Jaume Rodon, quen os descubriron investigando para unha exposición e para o seu libro: Dibuixant de la Revolució. Outro exemplar consérvase no Centre International de Recherches sur l’Anarchisme de Lausana. Mais existen tamén volumes da edición italo-chinesa de 1949 nas mans do escritor e tradutor Henrique Harguindey Banet. En 1975 foi publicada unha nova versión italo-chinesa en Dwarf Publications, de Hong Kong, así mesmo conservada, no Centro de Lausana. Esta edición demostra que, dende a mesma Guerra Civil española ata a fin da ditadura militar resultante, a cultura chinesa foi solidaria coas vítimas da represión franquista.