• Viva a comuna! (2023)

    Carlos Meixide
    Vigo, Xerais, PVP. 23,27€

Didáctica e entretida

Con linguaxe cinematográfica

Quizais o xénero que máis se resiste á normalización da narrativa popular en lingua galega que se puxo en marcha, dun xeito máis ou menos organizado e irregular desde a afastada década do 1980 sexa a novela histórica. Poderiamos lembrar agora os intentos (encomiables aínda que frouxos) de Xoán Bernárdez Vilar, Luís Rei Núñez e outras voces, mais cando a literatura galega se pon a pescudar no seu pasado ten case sempre máis peso o artístico ca o artesanal. As obras históricas de Alfredo Conde ou Darío Xohán Cabana, entre outros, marcaron unha liña moi persoal que é difícil encaixar nos moldes dun tipo de ficción cuxas regras están moi asentadas.

O camiño contrario é o que escolle Carlos Meixide en Viva a Comuna!, publicado por Xerais. O escritor coruñés opta por abrazar con todas as consecuencias un modelo de novelón que se axusta cento por cento ás esixencias do xénero da novela histórica non literaria, pensada para atraer un público afeccionado que adoita ser esixente e ortodoxo.

O fresco histórico sobre a Comuna de París (1871) deseñado por Meixide é, nese sentido, unha gran fazaña para o sistema editorial galego e debería servir de avanzada para unha nova xeración de autores que se acheguen ao pasado con máis obxectivos didácticos e lúdicos ca literarios, pois é unha mágoa que o amplo interese que sobre a historia existe na sociedade se enfoque moitas veces (e refírome a libros en castelán) en acontecementos ou mitos case sempre conservadores, cando non reaccionarios, e case sempre ao servizo dun concepto historiográfico precientífico ou utilitarista.

Viva a Comuna! ten como principais calidades a cercanía co lector a través dunha linguaxe accesible, cinematográfica, que crea ambientes nos que é doado entrar a pesar do caudal inxente de información que o autor tivo que administrar nas case 600 páxinas do libro, e a reivindicación (nada oculta xa desde o título) do proxecto que iniciou a era revolucionaria contemporánea e que foi tan influente na evolución das ideas progresistas nas décadas seguintes.

Dous son os principais problemas da novela. Por un lado, os diálogos. En moitos casos son prescindibles e o autor case nunca consegue que singularicen os personaxes que os enuncian. Por outro, a obra ten un exceso de “graxa narrativa” (frases feitas, excesiva adxectivación, grandilocuencia expresiva) que produce certo cansazo, sobre todo cando a temática é atractiva de seu para non precisar dese “lubricante”.

É certo que o estilo de Meixide permite asimilar Viva a Comuna! á tradición do folletón, onde case sempre sobran páxinas e cualificativos. E nese sentido é coma se esa normalización da narrativa histórica popular da que falabamos padecese unha chisca de desaxuste con modelos do xénero máis modernos.

  • O CRIME DE PSICHIKO (2023)

    Pvlov Nirvanas (trad. Alfonso Blanco)
    Santiago, Hugin e Munin, PVP. 15€

Sangue e parodia

Unha lectura divertida

O crime de Psichiko é unha novela policiaca, irónica, amable, con crítica social e un contido altamente paródico. O autor, o grego Pavlos Nirvanas, alternou a práctica da Medicina coa dedicación á literatura, facendo incursións na poesía, teatro e crítica literaria e aínda tivo tempo para colaborar nunha publicación satírica e traducir a Platón e ao noruegués Knut Hamsum. O protagonista de O crime de Psichiko, Mikos Molochantis, é un mozo ávido de notoriedade, polo que asume o papel de asasino dunha muller días despois da aparición do cadáver no barrio de Atenas que aparece no título. Desde o momento da detención –co conseguinte ingreso na cadea, xuízo e condena a morte–, os lectores asistirán a un proceso no que a policía e a xustiza amosarán un comportamento errático e o protagonista vivirá situacións de angustia, recibirá críticas rotundas dos xornais e ao mesmo tempo gozará do apoio dun grupo de mulleres que gaban “o seu romanticismo” e que lle levan flores e confeitos ao cárcere. O texto ridiculiza o heroe protagonista e caracterízase por un ton irreverente, burlesco, que pon en solfa o sensacionalismo dos diarios, o ambiente carcerario e mais a actuación da policía e a inxenuidade do protagonista, quen padece burlas e enganos –mesmo un amigo lle limpa os cartos– e finalmente será rescatado da traxedia por unha muller á que tiña en pouca estima. Ambientada hai un século en Atenas, a novela amosa diferentes clases sociais e está escrita nun estilo sinxelo, trufado de expresións coloquiais, o que permite lela dunha sentada sen grandes esforzos e sen perder o sorriso.Un texto ideal, pois, para ler no tren ou para espreguizarse na praia sen grandes complicacións.

  • A DEFUNCIÓN DOS SEXOS (2023)

    Daniela Ferrández Pérez
    Vigo, Xerais, PVP. 17,57€

Inexcusable ensaio

Unha historiografía do país real

Hai unha serie de lugares nos que a acción dos historiadores se fai urxente para cubrir lagoas, dar luz sobre feitos que, ou están manipulados ou directamente elididos. Pasa nas nacións sen Estado como a nosa. Xa unha xeración de historiadores afoutos conseguiron poñer enriba da mesa moitas cuestións que ata hai ben pouco tempo eran tratadas dende unha perspectiva mentireira. O caso que nos ocupa é paradigmático na vontade de conformar unha historiografía do País real. Con A defunción dos sexos vense cubrir unha necesidade de estudo metódico e científico que non proliferaba precisamente en Galiza. Se prestamos a atención arredor da bibliografía que atende esta cuestión, decatarémonos que esta publicación e a súa autora acaban de pasar á historia por afondaren onde ata moi poucos o fixeron e, dende logo, non con este nivel de esforzo investigador. A defunción… é un libro que pretende divulgar, un estudo académico con todo o que iso conleva en todos os procesos de realización do mesmo. A pescuda, cotexo e análise dos textos son fonte para un percorrido das diferentes realidades que se foron dando dende o S.XIX ata agora. O lector vai nadar neste texto entre a curiosidade, a empatía e a concienciación. Cousas nas que no cotián non reparamos e que son presentadas neste libro para que refresquemos, recapacitemos e revaloricemos todo o que sucede arredor dun colectivo duramente tratado ao longo do tempo. O método de Ferrández é contextualizar e analizar cada etapa para despois ir expoñendo unha serie de feitos exemplificantes que converxen para acabar coa idea de que, en cada época, a invisibilidade, o ataque e a inxustiza estaban e están presentes na vida das persoas que non se cinguen ao canon establecido polo patriarcado. Unha das cuestións que me parecen máis relevantes é coñecer actitudes xudiciais e administrativas do pasado, con protagonistas moi recoñecibles que fan entender o por que de que herdeiros desas castes sigan co mesmo modelo necio-homofóbico. Esta investigación abre os ollos á hora de interpretar tamén o presente e fainos saber que estamos avanzando paseniñamente nun campo no que non podemos permitir que se dea un paso atrás.. Ensaio necesario,pois, que debería ser motivación para que as investigadoras e investigadores continúen neste camiño. Boa falta fai.

  • A CURVA DA PANTASMA (2023)

    Fran Alonso
    Vigo, Xerais, PVP. 12,30€

Lendas urbanas

Para medrar xuntos

A día de hoxe, A curva da pantasma é a última entrega que Fran Alonso fai ao panorama literario galego e tamén o título dun dos nove contos que conforman dito volume e a escolla non pode ser máis representativa xa que constitúe unha das lendas urbanas máis coñecidas e que bebe da tradición oral, porque desta volta o escritor inclúe tres textos do seu diario para compartir co lectorado algunha reflexión acerca da dicotomía realidade/ficción, do concepto de lenda na actualidade, da transmisión de saberes e ata das intencións e motivacións dos seus relatos. Pódese dicir que hai tempo os contos, as lendas, as narracións eran quen de describir fenómenos ou circunstancias para as que non existían explicación. Na actualidade ditas interpretacións son substituídas por outras máis modernas pero que gardan igualmente un halo de misterio que desencadea medo ou, cando menos, certa inquedanza. Pois ben, avisados de tal sentimento asistimos á exposición de narracións que xogan cos parámetros da actualidade e atopámonos cos delirios de alguén que consome alcohol en ‘A fuxida e morte de Xoel’, co castigo aos que incendian o monte en ‘O submarinista de Palmira’, co control sobre as redes sociais en ‘A vinganza do móbil’ ou mesmo co papel da posverdade á hora de crear opinión. Todas elas veñen a ser versións máis ou menos adaptadas á segunda década do século XXI onde prima o individualismo e no que semella que as estruturas da sociedade son temporais, inestables e carentes de aspectos sólidos en comparación co pasado. A incertidume pola rapidez dos cambios ten debilitado os vínculos humanos e, por iso, fanse necesarios proxectos acolledores e identidades compartidas capaces de absorber enerxía para medrar xuntos. Ogallá a reflexión o consiga.