Bibliorunning

Corredores, soidade, literatura

Tom Courtenay nun fotograma de  A soidade do corredor de fondo (Tony Richardson, 1962).  |  FOTO:  ARQUIIVO

Tom Courtenay nun fotograma de A soidade do corredor de fondo (Tony Richardson, 1962). | FOTO: ARQUIIVO / Armando Requeixo

Armando Requeixo

Estes días pasados saltaba aos medios a nova da concesión do Premio Príncipe de Asturias das Letras ao escritor xaponés Haruki Murakami, un narrador de extensa e celebrada obra que é tamén un consumado corredor, maratoniano dende hai décadas que ten escrito sobre esta súa paixón atlética en obras mundialmente coñecidas como, poño por caso, Do que estou a falar cando falo de correr (2007).

Non é Murakami o único autor no que convive a afección polas carreiras de fondo coa palabra, pois é longa a tradición da escrita sobre o exercicio atlético, que xa vén da Antigüidade. Non cómpre máis que lembrar os epinicios de Píndaro gabando os vencedores dos xogos panhelénicos. Porén, non cabe dúbida de que, con todos os antecedentes que se queiran sinalar (recórdese que, segundo o seu biógrafo Samuel Johnson, Jonathan Swift corría milla e media diaria para mellorar dos males da vertixe), é na nosa época na que esta convivencia entre o atletismo das carreiras de longa distancia e a escrita se ten dado máis profusamente.E un exemplo do que afirmo o relato A soidade do corredor de fondo (1959) do británico Alan Sillitoe, historia protagonizada por Colin Smith, un mozo dos barrios máis deprimidos de Nottingham que tenta mellorar socialmente a través das carreiras, mais que anteporá a dignidade e a solidariedade á efémera gloria das vitorias. Esta ben simbólica narración foi levada ao cine por Tony Richardson en 1962 con Tom Courtenay como actor principal.

Un auténtico fenómeno social como bibliorunning constituíuno O corredor de fondo, a novela que Patricia Nell Warren publicou en 1974 e da que se teñen vendido máis de dez millóns de exemplares nunha ducia de idiomas. A narración conta a historia de amor entre un atleta mozo e o seu adestrador namentres preparan os Xogos Olímpicos de Montreal e constitúe todo un canto contra a homofobia dentro e fóra das pistas de atletismo. Tanto é así que no mesmo ano da súa publicación un grupo lgtbi en San Francisco conformou o primeiro club de frontrunners (o título orixinal da obra de Warren era The Front Runner), colectivo atlético que hoxe ten sociedades de frontrunners en Alemaña, Australia, Canadá, Dinamarca, Estados Unidos, Finlandia, Francia, Irlanda, Italia, México, Noruega, Nova Zelandia, Países Baixos, Reino Unido, Suíza e Uruguai.

Nunha liña que case poderiamos adxectivar de épica sitúase O corredor (1978) de John L. Parker, novela sobre a que paira o espírito do amadorismo universitario e dos soños por derrubar míticas fronteiras do mediofondo, neste caso baixar dos catro minutos correndo unha milla, que é a meta que move o protagonista desta obra, Quenton Cassidy, e que foi tamén o obxectivo real que perseguiron tres grandes deportistas nos anos cincuenta: o inglés Roger Bannister, o estadounidense Wes Santee e o australiano John Landy, como biografou Neal Bascomb na ben coñecida A milla perfecta (2004).Tamén na heroicidade deste deporte se centra a novela Correr (2008) do escritor francés Jean Echenoz, quen relata nela a vida do corredor checo Emil Zátopek, gañador nos Xogos Olímpicos de Helsinqui de 1952 de tres medallas de ouro en dez días: a dos cinco mil, a dos dez mil e maila do maratón, unha proeza que aínda non volveu repetir ninguén.

Entre as novelas hispanas desta temática aparecidas nos últimos anos non debe esquecerse A media distancia (1984) de Alejandro Gándara, a intensa historia de luces e sombras de Charro, un corredor que acaba de fichar por un prestixioso club madrileño que verá como, aos poucos, os triunfos van dando paso ás derrotas non só nas competicións, senón noutras ordes da súa vida, namentres todo nos seus días semella perder pé e se ve impelido a atopar un equilibrio, a súa propia media distancia.

Nunha liña máis ou menos paralela coa anterior avanza O corredor nocturno (2005) do uruguaio Hugo Burel. Nesta historia, levada ao cinema en 2009 por Gerardo Herrero, Eduardo, un xerente dunha compañía de seguros, corre e corre, día tras día, para desestresarse. Todo vai ben e as súas maratonianas sesións procúranlle o equilibro necesario, mais de súpeto entra na súa vida un enigmático individuo chamado Raimundi Conti que vai exercer nel unha poderosa influencia, facendo que a súa vida derive a territorios de areas movedizas.

A lista podería seguir e aínda integraría títulos recentes como Cemiterio de pianos (2007) de José Luis Peixoto, Tanto correr (2013) de Mariano Quirós, A corredora (2015) de Carrie Snyder, Non me digas que tes medo (2014) de Giuseppe Catozella, Sen fronteiras (2015) de Vicente García Campo ou Sombras na meta (2018) de Pascual Buniet, entre outros autores e obras nas que o bibliorunning é toda unha filosofía de vida.

Letras galegas á carreira

Na literatura galega tamén se atopan, aquí e acolá, relatos, poemas e outros textos nos que os corredores de fondo son os protagonistas. Mais coido que de entre todas estas obras pode resultar paradigmática A diagonal dos tolos, novela de coa que Santiago Lopo gañou o Premio de Narrativa Breve Repsol en 2014.

A historia que nos propón Lopo lévanos aos antípodas, concretamente á antiga Île Bourbon, hoxe Illa Reunión. Alí, un mozo informático, fillo dun potentado local da aristocracia de orixe francesa que goberna os destinos da vella excolonia, recibe a noticia de que o seu proxenitor, ao falecer, lle lega o seu herdo con condicións: deixa estipulado que todo o seu patrimonio será para el sempre e cando participe no célebre maratón que cada ano percorre en oblicuo toda a illa ao longo de 160 quilómetros. No testamento indica, amais, que ese percorrido deberá facelo en menos de 50 horas, so pena de ficar desherdado. Todo un reto, como a vida mesma, sempre ás carreiras.

Suscríbete para seguir leyendo