Todos temos –e como non– a Tina Turner gardada nalgún alxube da nosa lembranza. Eterna e con ese sorriso cargado de refulxencia mentres nos chisca o ollo dende a pantalla dun televisor, bailando e desprendendo miles de faíscas arredor, eternamente moza e presa dunha enerxía que contaxiaba e fascinaba a partes iguais. Foise Tina e o mundo enteiro chora a súa perda probablemente pola sorpresa e maiso inesperado destas novas cando acontece que esquecemos botar as contas de que a lei de vida, ao final, non absolve a ninguén, nin sequera ás nosas máis queridas estrelas da música.
Era ela era puro rock and roll e, dende logo, que unha das pezas claves na súa popularización: incluso para alén da propia etiqueta pois ela, como ben sabedes, fixo moito e ben variado pero sempre dende o perfil dunha voz que nunca deixou de soar a puro rock. E haberá quen se quede con aqueles inicios con Ike –“..And do it easy”– ou con aqueleoutros éxitos dos 80, ou mesmo como actriz, protagonizando, entre outras, aquela terceira entrega da saga “Mad Max” e interpretando “We Don’t Need Another Hero” e compartindo pantalla xunto a un ben novo Mel Gibson que se viraba pequeno á súa beira. O certo é que Tina estaba aí e parecía tan eterna como moitas das cancións que interpretou dese xeito tan impoñente e tan fantástico.
Tina viviu unha vida de película e cargada de momentos terribles e moitos problemas que a querían poñer contra as cordas mentres se rebelaba nunhas cancións nas que proxectaba todas as ansias dunha muller tan furacán, tan vital e asemade tan sol. E contan que Jagger non sería Jagger sen Tina, e que Bowie a admiraba e sentía devoción por ela. Tamén Mark Knopfler lle profesou amizade e foi socio e compositor daquel “Private Dancer” que daba título a un disco cargado dun monllo de superhits que a puxeron a recoller grammys e a manexarse no máis alto das listas comerciais de todo o mundo.
Coa súa voz potente, poderosa e magnificamente rachada e levada ao límite; co seu magnetismo feminino e tan salvaxemente explosivo Tina gañou unha coroa de raíña que xa ninguén lle poderá arrebatar. Ela foi e será sempre “Simply the Best”, camiñando polas nubes con taconazos e melena de xefaza suprema da selva. O seu baile de deusa continuará a mirarnos dende arriba con complicidade por quen se sabe tan admirada polo seu traballo. Foise a raíña pero queda material para gozala e valorala como se merece: discos, cancións magníficas ao longo de décadas e unha boa colección de colaboracións en directo que son tan gozables á escoita como a vista por ese xeito tan de seu de vivir a música cunha intensidade e entrega que namorou tanto pola calidade como por esa incomparable actitude, repartindo positivismo a esgalla. Eu, xa postos a remexer nas lembranzas, escollo o “Tonight” cantado a medias con Bowie no Private Dancer Tour de 1985: quen puidera velos bailar de novo!
Kase7e
KASE7E son unha banda nova con denominación de orixe Melide. Falamos de punk rock de cheiro auténtico e devoción pola relixión da roda de tres acordes de baixo, batería e guitarra, aínda que aliñados tamén polo apoio melódico dun teclado que aporta por momentos luminosidade e pingas de pintura diferente entre estrofas e retrousos. Eles son Iván, no baixo; Toni, na guitarra; Mateo, na batería; Xaime, no teclado, e Brais na outra guitarra e nunha voz principal cargada de mensaxe e inconformismo.
Sons fortes, suciedade e ritmos acelerados van da man nunha primeira entrega baixo o título de “punk guarro” que xa anticipa o que podemos escoitar nos seis cortes desta primera entrega. Coa etiqueta do pedigree firmada polo templo Gatos de Melide, Kase7e propóñennos unha viaxe polos fondos de armario de bandas que se miraron no espello de referentes como Eskorbuto, Cicatriz ou a Banda trapera del rio e demais alfaias da música punk antisistema de sempre, por citar algunhas, mais todo tocado coa garantía dunha xuventude na que sempre sobra enerxía ademais do talento musical máis que sobrado da xente destes tempos.
“Son Punk” “Combustión” “Voar” “metralletas” ou a “motorhera” e preferida dun servidor “Punk guarro” conforman un bo prato para inxerir un pouco de rebeldía imprescindible e de enerxía trepidante e pouco cómoda ao óído. Un pouco de mala hostia, se se me permite a expresión, e moito de acariñarnos coas novas xeracións que apostan polo rock da vella escola para sacarem fóra os diaños e berrarlle as inxustizas e ao compromiso que tantas veces parece perdido en propostas musicais alentadas pola salsa rosa do que mandan os massmedia. Dende logo que estes KASE7E non escollen o camiño doado para o éxito e xa só por iso hai que poñerlles un dez no seu debut.