Patrimonio / Filoloxía

Tesouros de mar e terra

Do labor do toponimista Iván Sestay

Vista aérea do Monte do Facho (Cangas).

Vista aérea do Monte do Facho (Cangas). / Cortesía do autor

Alberte Reboreda

Conta Iván Sestay Martínez que, con apenas oito anos, anotaba nunha libreta os topónimos de Menduíña que a súa avoa Otilia, nacida en 1907, lle ditaba con precisión de xeógrafa: A Touticeira, A Cortiña dos Vimbios, O Tombo... Aquel tesouro en forma de nomes de lugar engaiolou o neto e, sen sabelo, orientou a súa vocación de toponimista especializado no rescate dos chamadeiros tradicionais, das nomeadas de noso.

Sestay é titulado en Filoloxía Galega na Universidade de Vigo, onde tivo profesores especializados nesta materia como Antón Palacio ou Gonzalo Navaza. Disto hai xa vinte anos, pero aínda hoxe, cada día, e como unha rutina fisiolóxica, rexistra na aplicación web de Galicia Nomeada unha presada de topónimos que recolle dos seus informantes das bisbarras do Morrazo, O Salnés, A Louriña, O Barbanza, Pontevedra e de Vigo, ao punto que xa é o colaborador máis prolífico do Seminario de Onomástica da Real Academia Galega, á que leva achegado un total de 14.897 chamadeiros.

O seu traballo neste campo vén de lonxe. A toponimia da parroquia viguesa de Coia, publicada en forma de libro en 2008, foi un dos traballos de recollida que marcou vitalmente ao noso investigador, que durante un ano puido entrevistar a ducias de informantes que recordaban traballar as terras de labor do que hoxe é a Avenida Castelao. “Aquel traballo foi un antes e un despois e a xente e eu mesmo emocionámonos durante a presentación do libro, xa que esta parte de Vigo sufriu unha transformación radical en poucos anos. Recordo, por exemplo, os vellos dicíndome con gheada os nomes que sepultara o edificio do Alcampo: O Caldeirón, A Pedra Rubia, O Camiño Fondo..., parecían voces chegadas doutro mundo”. A toponimia da parroquia de Lavadores, editado no ano 2010 polo Concello e a Universidade de Vigo, foi o seu segundo traballo publicado. “Aquí aínda conviven os veciños históricos, que coñecen os nomes tradicionais dos lugares, con milleiros de novos vigueses que chegaron aquí para traballar na fábrica de Álvarez por exemplo, e só coñecen os nomes oficiais das rúas.”

No ano 2001, Sestay recolleu toda a toponimia de Sárdoma, un traballo que non vería a luz ata o ano 2015, cando o Concello e Universidade de Vigo editaron os resultados desta investigación xunto cos da freguesía de Freixeiro. O estudoso asegura que xa completou a escrita dos libros da toponimia de Teis e Cabral, que están pendentes de seren publicados. Sestay tamén recolleu toda a toponimia do Cuvi, onde contou coa colaboración dun pastor de ovellas que lle transmitiu as nomeadas populares do espazo que hoxe ocupa a universidade olívica.

Vista aérea do Monte do Facho (Cangas). Na imaxe pequena: o filólogo galego Iván Sestay Martínez.  |  FOTOS: CORTESÍA  DO AUTOR

O filólogo galego Iván Sestay Martínez. / Alberte Reboreda

Iván atesoura centos de notas tomadas do saber de mulleres e homes labregos e mariñeiros, aos que interroga incansablemente sobre o nome das paraxes e dos elementos que conforman a natureza, ao igual que facía o Padre Sarmiento no século XVIII. “Síntome moi identificado con el, coa súa necesidade de indagar e mesmo co seu interese pola botánica”.

As Illas de Tambo, Cíes, Ons ou San Simón tamén ocuparon as horas e os días do noso investigador. “A cultura insular é apaixonante, xa que as zonas máis produtivas do mar e de terra teñen todas nome”, afirma. Todo o que ten valor, ten nome, debéramos concluír. En fin, no ano 2021, Iván Sestay recibiu o premio Ignacio Cerviño á recuperación e promoción do patrimonio que concede Cangas, o seu concello natal. O noso investigador recolleu tamén toda a toponimia de Moaña e a práctica totalidade da de Bueu.

"A RAG atesoura 40.000 topónimos maiores e uns 2 millóns menores"

Cando levou a cabo a recollida da toponimia de Donón, preguntou á veciñanza que era a construción de granito que se ergue sobre o castro galaico-romano que preside a Costa da Vela. Moitos deles responderon que era “a capela do Facho”, en referencia á garita construída no século XVIII. Noutra ocasión comprobou pasmado como a maioría dos veciños denominan “Ponte Romana” a ponte medieval de San Cibrán que salva o Río da Ponte a carón do Pazo da Torre de Aldán.

O investigador garda no seus arquivos o testemuño de centos de informantes -os máis deles xa desaparecidos- que, de forma xenerosa e altruísta, lle permitiron rescatar milleiros de nomeadas durante os últimos trinta anos. “Agradecemos tan inmenso e impagable traballo realizado de forma altruísta por Iván Sestay; traballo do que nos seguiremos beneficiando todos os galegos”, apunta Vicente Feijóo, coordinador do proxecto Galicia Nomeada.

[object Object]

A toponimia é o estudo dos nomes propios dos lugares que designan o medio natural, a historia e a cultura dos diferentes territorios que, como Galicia, posúen unha unidade cultural e lingüística. Os nomes de lugar teñen unha grande importancia para o coñecemento xeográfico, do patrimonio natural e cultural e a estandarización dos datos espaciais. Moitos dos nosos topónimos teñen unha antigüidade milenaria -os de orixe prerromana, por exemplo- pero por lei, non gozaron de protección legal ata o ano 2015, cando se aprobou a lei para a salvagarda do patrimonio cultural inmaterial.

Os nomes de lugar revelan información sobre as características físicas, os recursos naturais, os acontecementos históricos, as linguas e os costumes dos pobos que habitaron un territorio. A onomástica -a ciencia que se dedica ao estudo dos nomes propios e da súa etimoloxía, morfoloxía e transformación- tamén axuda a caracterizar os diferentes elementos naturais e antrópicos que conforman a paisaxe. Neste contexto cobra sentido o traballo conxunto entre diferentes disciplinas científicas, como a filoloxía, a xeografía e a historia por exemplo. Por estas razóns, a toponimia é unha disciplina que merece ser valorada e difundida, en particular no noso país que, segundo a Real Academia Galega, atesoura 40.000 topónimos maiores e uns 2 millóns, menores.

Suscríbete para seguir leyendo