Patrimonio / Ciencias Sociais

O rei Alfonso (Graña) outra volta

Na Casa Museo Pazo da Cruz (Covelo)

Entrada do museo.

Entrada do museo. / Tere Gradín

Hai xa dezaseis anos que o polifacético escritor, inventor e historiador Maximino Fernández Sendín puxo en marcha a casa Museo Pazo da Cruz, na parroquia da Ermida, en Covelo, un dos seus proxectos máis queridos. Este museo, con alma e con latexo propios, alberga máis de dez mil pezas de interese histórico e etnográfico e unha exposición única, a dedicada a Alfonso Graña, o galego que reinou entre os indios xíbaros da Amazonia durante máis dunha década. A esta mostra permanente súmase a incorporación de material inédito a partir do 4 de xuño, coincidindo co aniversario da última e gran xesta realizada polo aventureiro galego, en tal data de 1933.

“Será a máis grande das exposicións realizadas ata agora sobre Alfonso Graña, con fotografías, nova documentación e arquivos rescatados nos últimos anos. Pretendemos lembrar con esta efeméride a fazaña do emigrante de Amiudal, cando logra chegar, navegando polo Amazonas, a Iquitos, en Perú, co féretro do piloto das Forzas Aéreas Peruanas (FAP) Alfredo Rodríguez Ballón e dous avións que se esnaquizaron na selva, transportando todo iso en dúas balsas que o mesmo Graña construíra. Foi unha xesta sen precedentes pola que foi recompensado polas autoridades peruanas. Foi tamén a súa última e grande aventura, pois faleceu en outubro de 1934, tras doce anos entre os indios xíbaros como “rei” nun territorio da selva amazónica tan extenso como media España”, conta Fernández Sendín.

O reiAlfonso (Graña) outra volta

Graña, con empregados da Standard Oil. / Tere Gradín

O programa de actos para conmemorar a fazaña nonaxenaria comeza o domingo 4 de xuño coa saída desde a Casa Museo Pazo da Cruz ás nove da mañá ata a parroquia de Amiudal, no concello ourensán de Avión, para depositar unha coroa de loureiro na vella vivenda de pedra –xa en ruínas– que viu nacer a Ildefonso Graña Cortizo en 1878. Xa de regreso, ás 11.30, inaugúrase a exposición “Alfonso Graña, rei dos xíbaros” na Casa Museo, que englobará a proxección de documentais inéditos, videoconferencia de familiares de Graña en Perú, visitas guiadas e unha charla sobre o personaxe, impartida polo propio Sendín, autor do libro sobre a súa vida.

O reiAlfonso (Graña) outra volta

Alfonso, con dous xíbaros e César Mosquera. / Tere Gradín

Do mesmo xeito que outros galegos da época, Graña emigrou rumbo a América, descoñecendo que ía ser o protagonista dunha incrible historia. Tras investigar en arquivos, rastrexar documentos e falar con familiares, Sendín publicou en 2005 Alfonso I de la Amazonia, rey de los jíbaros, libro de exitosa aceptación e que acaparou o interese mediático. Nestes últimos tempos seguiu investigando a traxectoria do emigrante, conseguindo contactar con parentes directos que lle enviaron fotos e material para seguir reconstruíndo e actualizando a biografía. O soño de Sendín segue sendo levar a vida de Graña á gran pantalla, como o que é, unha xeira de película.

O reiAlfonso (Graña) outra volta

Graña, cunha nena india. / Tere Gradín

Retrocedendo no tempo, todo comeza a finais do século XIX e principios do XX. No Amazonas, entre a fronteira de Perú e Brasil, desatábase a febre do “ouro negro”; isto é, o caucho. De aí saíron personaxes como Graña, quen aló se foi a labrar fortuna. É probable que alcanzase o estatus de “rei dos xíbaros” ao contraer matrimonio cunha india que namorou del, quizais a filla do xefe. Mais sexa como fose, adquiriu rango similar ao de monarca e os indíxenas obedecíano e respectábano.De Graña non se sabería nada, porén, se non fose por Cesáreo Mosquera, outro galego emigrante –libreiro de oficio– co que estableceu amizade e que foi trasladando ao papel os relatos que lle contaba o aventureiro.

Á parte da posible descendencia que tivo o “rei dos xíbaros” coa india Macato, Graña volveu só unha vez a Amiudal, en 1910, levando consigo a súa irmá Florinda, que casou en Iquitos e enviuvou ao pouco tempo. Cando Sendín comezou a súa investigación, sobrevivían dúas fillas dese matrimonio de idade avanzada, pero que puideron achegar sobre o seu tío información, fotos e datos inéditos ata entón.

Entrada do museo. De arriba abaixo: Graña con dous xíbaros e César Mosquera; Graña con empregados da Standard Oil; Graña cunha nena india;casa natal de Graña.

Casa natal de Graña. / Tere Gradín

[object Object]

Aínda que non tiña estudos, Alfonso Graña era de natural intelixente, de vea aventureira e comerciante nato. A casa na que naceu en Amiudal, en 1878, foi descuberta nunha das investigacións realizadas por Maximino Fernández Sendín e identificada cunha placa conmemorativa por iniciativa do propio historiador. Con dezaoito anos, o que sería futuro “rei” emigrou a Brasil e hai documentos que certifican que en 1910 xa se atopaba en Iquitos (Perú), onde se trasladou para traballar na industria do caucho. O azar quixo que a filla do auténtico rei dos xíbaros se encaprichase del e así logrou salvar a súa vida.

Foi en 1922 cando comezou o seu periplo como monarca dos indios redutores de cabezas, título que ostentou ata o ano 1934, en que morreu por mor dun cancro de estómago, como descubriría Fernández Sendín na súa investigación. Graña ensinou aos indios, entre outras moitas cousas, a desalinizar a auga, a construír chozas impermeables e a poñer en marcha muíños para o gran. O estatus e mais o respecto que por el sentían os xíbaros permitiulle ofrecer protección a outros homes ilustres da época, interesados en facer negocio na zona.

Envorcado en difundir a figura de Alfonso Graña, Fernández Sendín mantén a exposición permanente na Casa Museo Pazo da Cruz, agora ampliada. As auténticas cabezas humanas dos indios son as pezas que causan maior impacto no visitante.

Suscríbete para seguir leyendo