Teatro

Entre Melpómene e Talía

Un ensaio de Iria Pedreira

Melpómene, a musa da traxedia, nun gravado de Crijspin van de  Passe (1564-1637).

Melpómene, a musa da traxedia, nun gravado de Crijspin van de Passe (1564-1637). / Manuel F. Vieites

Manuel F. Vieites

Un prólogo da profesora María Teresa Amado Rodríguez, dá inicio a un estudo realmente interesante de Iria Pedreira, que vén de publicar Edicións Laiovento. Falamos de Melpómene entre nós. A reelaboración dos clásicos grecolatinos na dramaturxia galega contemporánea. O título define moi ben o obxecto de indagación da autora ao destacar a idea de volver sobre a escrita de autores tráxicos e cómicos das literaturas grega e latina, e dos moitos temas que nos achegan no corpus que se conservou e chegou a nós. Velaí a razón de que no volume non atopemos referencias a textos tan celebrados como O achado do castro, de Manuel Núñez Singala, ambientada no mundo romano pero non vinculado directamente coa revisión de textos, unha estratexia moi común en toda Europa desde a Idade Media. Como mostra velaí temos o estudo que George Steiner dedicou en 1984 ás múltiples creacións que provocou o personaxe de Antígona.

Iria Pedreira

Iria Pedreira / Laiovento

Volvendo a ese limiar, a profesora Amado Rodríguez sinala vínculos da nosa lírica medieval coa lírica grega arcaica, pero tamén as influencias da literatura clásica na General Estoira, compilada por Afonso X, ou na Crónica Troiana, obra do copista Fernán Martís. Boa coñecedora das pegadas da tradición grecolatina na península ou en Galicia, lembra a paixón espartana de Pondal ou as traducións pioneiras de Florencio Vaamonde Lores, subliñando así a dimensión intertextual da creación literaria, que se explora en profundidade neste estudo que presentamos, e que aquí e acola vai mostrando sendeiros para indagacións prometedoras na aventura do coñecemento.

Ademais da pertinente introdución, da recapitulación final, e dunha bibliografía notable, o traballo ocupa tres capítulos de diferente extensión. No primeiro, ofrécese unha panorámica da literatura dramática galega, considerando os diferentes contextos no que se foi configurando, unha estratexia moi útil para logo poder situar nesa liña temporal os textos e autores ou autoras que se irán presentando no segundo, o máis extenso, que anda cerca das catrocentas páxinas. Considera aquí a autora catro grandes apartados: o dedicado ás obras de tema mítico, o centrado nas obras creadas a partir de comedias gregas e latinas, o que debulla pezas de tema histórico, e o que mostra as creacións inspiradas na filosofía antiga, pois tamén os pensadores daquelas terras propiciaron onda nós exercicios de escrita dramática. Remata cun recordatorio verbo dos autores e autoras principais, entre os que destacan Manuel Lourenzo ou Millán Picouto, salientando achegas de escritoras como Ánxeles Pena, Teresa Moure, María Xosé Queizán ou Luz Pozo Garza.

  • Melpómene entre nós

    Iria Pedreira
    Laiovento, Santiago de Compostela, 2023, 458 páxinas

No terceiro bloque podemos ler algunhas consideracións arredor da recepción da tradición clásica na nosa dramática, o que ten que ver coas causas, motivos e funcións que están detrás desa apropiación, trasladando igualmente algunha reflexión sobre o proceso de incorporación dese corpus textual ao canon literario galego, subliñando que a día de hoxe esa manchea de textos sexan descoñecidos, mesmo para as persoas que se dedican aos estudos literarios ou á creación teatral. E outro tanto poderiamos dicir da literatura traducida, porque día a día vai aumentando o número de títulos traídos da tradición grecolatina e a propia autora hai pouco presentaba a versión galega de Ión e Ciclope de Eurípides. Outro ámbito de estudo ben relevante.

Nese capítulo central no seu traballo, Iria Pedreira fai un reconto en profundidade de textos e autorías, polo que o volume ten un valor excepcional para un maior (re)coñecemento da nosa creación dramática, poñendo en valor o traballo literario de voces especialmente relevantes, ou de textos que permanecen invisibles. De igual maneira, nese estudo pormenorizado asoman voces de persoas que ano a ano dan sentido e corpo á crítica ou aos estudos literarios galegos.

Por iso, estamos ante un volume fundamental que será un referente obrigado na reconstrución histórica da nosa literatura dramática. Parabéns.

[object Object]

En Grecia eran dúas as musas do teatro, as dúas fillas de Mnémosine: Melpómene da traxedia e Talía da comedia, e onda nós temos un grupo de teatro que tomando o nome da última ten feito espectáculos ben coñecidos e celebrados, nesa mesma clave. Mais vendo os títulos e autorías considerados por Iria Pedreira no seu estudio ben se entende que para o título teña escollido o nome da primeira. Pois a pegada dos tráxicos foi máis forte que a dos cómicos, seguramente por razóns históricas, sociais, culturais e políticas.

Non deixa de ser un indicio o que Isaac Díaz Pardo, autor da primeira apropiación da temática mítica grecolatina, escriba en 1951 Midas, editada por Citania en Bos Aires en 1957. Unha peza que presenta unha dimensión máis filosófica ca didáctica, pois acerta a reflectir con indubidable fondura a encrucillada existencial en que se sitúan os que perseguen descubrir o sentido último da vida. Así o fai Midas, nas súas conversas con Sileno, quen, coa súa visión hedonista da existencia, constitúe o contrapunto ante o pesimismo de aquel. Unha mirada realmente demoledora dos tempos aqueles dos anos cincuenta cando a desesperanza acoraba a vida dos derrotados. Coma hoxe mesmo.

Suscríbete para seguir leyendo